Medio Rural anuncia un novo contrato de xestión nos montes veciñais

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, asegura que a cancelación dos actuais convenios e consorcios coas comunidades farase de xeito “pacífico” e consensuado

Medio Rural anuncia un novo contrato de xestión nos montes veciñais

O novo modelo de contrato abranguerá os usos silvopastorais.

Arredor da metade do monte veciñal galego, unhas 300.000 hectáreas, é xestionado pola Xunta a través de convenios ou consorcios coas comunidades de montes. Eses acordos concluirán todos a máis tardar no 2017, un escenario que xera incertidume sobre o futuro. As xuntas rectoras das comunidades que teñen convenios coa Administración autonómica están preocupadas por dúas cuestións principais. En primeiro lugar, polas débedas que lle reclama a Administración a parte dos montes veciñais; en segundo lugar, por coñecer que sucederá coa xestión dos montes ata agora conveniados coa Xunta. A Consellería de Medio Rural, que trata de tranquilizar ó sector, vén de anunciar agora a posta en marcha dun novo contrato de xestión cos montes veciñais.

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, pronosticou onte que a cancelación dos consorcios e convenios coas comunidades, así como a posta en marcha dun novo contrato de xestión dos montes veciñais, será un “proceso pacífico”, segundo indicou na comisión de Agricultura do Parlamento en resposta a unha pregunta da deputada do Bng Tareixa Paz.

Débedas
A parlamentaria nacionalista fíxose eco na súa pregunta do malestar existente entre as comunidades de montes. Desde a óptica de Paz, hai un descontento xeralizado entre os montes veciñais polo funcionamento dos convenios e consorcios. “En canto ás débedas que a Xunta lle reclama a parte dos montes veciñais, as comunidades afectadas aseguran que en ocasións se lles reclaman cartos por investimentos que non se poden probar que existiron. Outras veces entenden que hai un cálculo abusivo e arbitrario dos fondos adicados pola Administración á posta en valor do monte”, sinala a deputada do Bng.

“As comunidades aseguran que a Xunta lles reclama cartos por investimentos que non se pode probar que existiron” (Tareixa Paz)

Ante esta situación, Tareixa Paz é partidaria de explorar a posibilidade da condonación de débedas, prevista na lei estatal de Montes do 2003. “Descoñecemos a veracidade das reclamacións das comunidades de montes, pero algo debe haber cando a propia lei estatal prevé a posibilidade de condonar as débedas dos montes con convenios ou consorcios coa Administración”, sinalou.

A suxerencia da deputada nacionalista foi rexeitada polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal. “Non hai ningún motivo para unha condonación automática das débedas. Sería unha medida que resultaría discriminatoria co resto da cidadanía”, valorou Tomás Fernández Couto.

“Anticipamos cartos para a posta en valor dos montes. Son anticipos reintegrables, non axudas a fondo perdido” (Tomás Fernández Couto)

O director xeral indicou no Parlamento que os escenarios coas contas das comunidades eran fundamentalmente tres: “Hai comunidades sen débeda, hai comunidades nas que, por problemas como lumes reiterados, non se puido producir ningún aproveitamento e, por tanto, non se lles reclamará ningunha débeda; e hai comunidades con débedas coa Administración. Esas débedas prodúcense porque a Administración fíxose cargo do monte para anticipar os investimentos precisos para a súa posta en produción; pero estamos falando de anticipos reintegrables, non de subvencións a fondo perdido”, advertiu.

Fernández Couto si admitiu que nalgúns casos poden producirse erros nas contas, que haberá que revisar. “Pode haber, por exemplo, investimentos amplos que benefician a máis dun monte, como pistas forestais, nos que haxa discusión sobre a porcentaxe que ten que pagar cada monte”, precisou. En calquera caso, desde Medio Rural descártase unha condonación xeralizada das débedas.

“Non imos obrigar ós montes con débedas a entregarlle a xestión do monte a empresas. Iso non é legal nin posible” (Tomás Fernández Couto)

Novos contratos de xestión
A segunda cuestión que preocupa ó sector é como vai ser no futuro a xestión dos montes actualmente conveniados ou consorciados coa Administración. Na comisión de Agricultura do Parlamento, a deputada Tareixa Paz pediu que Medio Rural aclarase se obrigará ás comunidades de montes con débedas a entregar a xestión do seu monte a empresas. O director xeral de Montes, Tomás Fernández Couto, negou tal posibilidade: “Nin sería legal, nin posible, nin imos facelo”, asegurou.

O escenario que prevé Medio Rural pasa por permitir a xestión dos montes polas propias comunidades ou por suscribir novos contratos de xestión. “A fórmula do novo contrato de xestión analizarase no Consello Forestal e na Mesa da Madeira” –órganos nos que participan os colectivos que representan ós montes veciñais-. “O novo contrato de xestión aprobarase nun proceso pacífico e consensuado”, asegurou Fernández Couto. “A nosa idea é deixar a xestión dos montes nos que xa non somos necesarios e movernos ou continuar naquelas comunidades que, ben pola súa descapitalización, ben pola falta dunha xunta rectora operativa, non poidan acometer investimentos no monte”, explicou o director xeral.

Os novos contratos de xestión do monte veciñal poderán abranguer pastos, froitos do bosque e caza, non só a produción de madeira

Os novos contratos de xestión –avanzou Fernández Couto- abarcarán máis cuestións que a produción madeireira, aspecto no que se centraban os convenios e consorcios actuais: “O novo contrato de xestión poderá abranguer cuestións coma a xestión dos pastos, a produción de froitos (castañas, cogumelos, etc.) ou mesmo a venda de caza a través de coutos comerciais”.

En canto a como será a xestión das comunidades de montes que teñan débedas coa Administración, o director xeral tratou de tranquilizar ó sector: “Aquelas comunidades que teñan recursos e queiran facerse cargo da xestión do seu monte poderán facelo”, anunciou. “Outra cousa é que calquera comunidade queira trasladarlle a xestión a unha empresa de servizos, que é algo que xa poden facer agora as comunidades que non teñen convenios e consorcios”, indicou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información