Medio Rural anuncia que si convocará este ano as axudas de incorporación

Medio Rural anuncia que si convocará este ano as axudas de incorporación

A Conselleria de Medio Rural anuncia que este ano convocará as axudas para incorporación de persoas mozas ao agro. O remate do actual periodo de axudas da Política Agraria Común (PAC) no 2020 está a xerar incertezas no agro sobre a continuidade destas axudas ate a aprobación do novo PDR de Galicia. Onte mesmo era o Sindicato Labrego Galego quen esixía á Xunta a convocatoria destas axudas neste 2021 e a resolución das do ano pasado.

En resposta a Campo Galego, dende o departamento que dirixe José González anuncian que “a Xunta convocará este ano as axudas de incorporación de mozos, como non pode ser doutro xeito” e ademáis aseguran que “inxectará máis orzamento para atender o maior número de solicitudes das subvencións para plans de mellora do ano 2020”.

Respecto da resolución da convocatoria de 2020 das achegas para incorporación de mozos á actividade agraria, plans de mellora e pequenas explotacións, dende a Consellería de Medio Rural lembran que a demora en resolvelas se debe á ampliación de prazos que houbo o pasado ano a causa da Covid19 e tamén ao elevado número de solicitudes que se presentaron.

“Ampliouse ata finais do mes de marzo o prazo para solicitar estas axudas. Excepcionalmente tamén se ampliou ata o 15 de decembro o prazo de presentación de licenzas e permisos. Isto fíxose co obxecto de favorecer a presentación desta documentación debido a posibles retrasos por mor das distintas restricións pola covid-19. Polo tanto, a Xunta aumentou excepcionalmente en tres meses a presentación destes permisos preceptivos polo que, tras este novo prazo, estase a avaliar a documentación presentada”, explican.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información