A Consellería do Medio Rural anuncia que “convocará en breve novas axudas para seguir fomentando a incorporación de mozos ao agro que contemplarán, ademais, os plans de mellora vinculados”. “Desta forma, darase prioridade ás persoas mozas que soliciten incorporación ou que, tendo axuda xa aprobada, non dispoñan polo de agora de plan de mellora, para que así poidan levar adiante o seu proxecto”, avanzan dende o departamento que dirixe María José Gómez, en resposta ao malestar xerado no sector coas últimas axudas de plans de mellora, nas que dous terzos das solicitudes foron denegadas malia cumpriren os requisitos.
A titular de Medio Rural fixo este anuncio hoxe, na súa visita á gandaría Ramas SC de Trazo (A Coruña), na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e pola alcaldesa da localidade, Josefina Suárez.
Neste acto, a conselleira explicou que “na última convocatoria das achegas para propiciar a remuda xeracional no agro aprobáronse todas as solicitudes presentadas por persoas mozas (302 en total). Porén, nalgún caso non se puido aprobar o plan de mellora asociado á incorporación, algo que se vai contemplar nesta nova convocatoria, este ano”.
Neste mesmo sentido, María José Gómez trasladou que “se trata de dar oportunidades á mocidade, no marco do plan de remuda que impulsa a Consellería e que se apoia tamén en medidas coma o Banco de Explotacións, que se está ultimando, ou os programas de titorización, para acompañar os mozos no seu proxecto”.
Prioridade para a Xunta
Nesta liña, a titular de Medio Rural sinalou que estas axudas para impulsar a remuda e para apoiar investimentos nas explotacións constitúen “unha prioridade para a Xunta, que, de feito, asume con fondos propios o 28% do financiamento dos plans de mellora”, remarcou.
No contexto desta visita, a conselleira lembrou algúns datos significativos da última convocatoria (de 2024), cuxa resolución publicouse recentemente no Diario Oficial de Galicia, co fin de ilustrar a importancia destas axudas para o agro galego. Así, subliñou que se apoiará a mellora de ata 370 explotacións e a incorporación de 320 mozos (menores de 40 anos) e de 133 novos agricultores (de entre 41 e 55 anos de idade).
Con respecto ao histórico destas subvencións, Gómez recordou que “no período 2016-2024 aprobáronse máis de 9.000 expedientes, por un importe que supera os 369 millóns de euros”.