Medio Rural anuncia que esta semana acabará de pagar as axudas directas da PAC 2024

O Goberno galego fará efectivo esta semana un novo pagamento de 26,6 millóns a máis de 22.000 beneficiarios, completando así o importe do 100 % das axudas directas correspondentes á campaña 2024 e cumprindo a obriga de finalizar este trámite antes do 30 de xuño. Só quedarían pendentes de pagamento as axudas agroambientais, así como os expedientes obxecto de alegacións ou recursos, ata completar un desembolso conxunto de arredor de 220 M€ no total da campaña

ganderia Cuinha SC (Lugo) paisaxe rural PAC parcelariaA Xunta anuncia que o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador adscrito á Consellería do Medio Rural, executará antes de que remate o presente mes de maio o pagamento do 100 % das axudas directas da política agrícola común (PAC) correspondentes á campaña 2024. Así, está previsto que máis de 22.000 beneficiarios cobren o importe da axuda entre os días 28 e 29, cun desembolso total, por parte do Fogga, duns 26,6 millóns de euros.

Dende Medio Rural explican que “a realización deste pagamento é posible tras a recente publicación dos últimos importes unitarios definitivos o pasado día 9 de maio, por parte do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA)”. “Deste xeito, procédese a dar cumprimento á obriga de ter pagado o 100 % das axudas directas da PAC antes do 30 de xuño. Só quedarían pendentes de pagamento as axudas agroambientais, así como os expedientes obxecto de alegacións ou recursos”, salientan dende o departamento que dirixe María José Gómez.

Fontes da Consellería explican que entre os meses de outubro e decembro do pasado ano pagáronse uns 142 millóns de euros de axudas directas financiadas co Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga) e máis de 17 millóns de euros das axudas de desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, estas últimas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

“Ademais, en marzo deste ano 2025 realizouse un pagamento intermedio de 3,5 millóns de euros. Polo tanto, ata marzo pagouse un montante de 163,2 millóns de euros aos agricultores e gandeiros galegos que, con este novo pagamento de 26,6 millóns, recibirán unha cifra de 190 millóns para a
campaña 2024. Só quedarán pendentes de pagamento as axudas agroambientais, que incrementarán o total de transferencias da PAC 2024 ata arredor dos 220 millóns de euros”, aseguran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información