O Consello da Xunta avaliou este luns a resolución das axudas convocadas por primeira vez este ano para as explotacións gandeiras amparadas pola indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, concede 11,37 millóns de euros para estas explotacións e así contribuír a paliar os sobrecustos deste tipo de produción, sexan de Ternera Gallega (TG) ou de Ternera Gallega Suprema (TGS).
En total, aprobáronse 4.578 solicitudes cunha axuda media por explotación de case 2.500 euros, que dende a Consellería aseguran que están a pagar estes días.
Sobre o número de animais subvencionados, acadouse unha cifra de 82.787, dos cales o 62 % se corresponden a Ternera Gallega Suprema -200 € por cada un- e o resto para Ternera Gallega, 36 € por res.
A resolución publicarase mañá martes, 18 de xuño, no Diario Oficial de Galicia.
A Consellería puxo en marcha estas axudas motivadas polos incrementos dos custos para o sector gandeiro como resultado do encarecemento das materias primas. Os beneficiados destas axudas son explotacións inscritas nos rexistros do Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega durante algún período de 2023 e que tiveron animais rexistrados durante dito ano como TG ou TGS polo Consello Regulador que xestiona a IXP, e ademais que finalizaran o seu ciclo produtivo dentro de 2023.