A Consellería do Medio Rural transferirá esta semana 15,1 millóns de euros a 11.347 beneficiarios en concepto das axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN), que se tramitaron a través da solicitude unificada do ano 2017.
A orde de pago xa está autorizada, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e os beneficiarios irán percibindo os abonos nos próximos días. Deste xeito, compénsaselles tanto aos gandeiros como agricultores de áreas xeográficas con dificultades polo esforzo extra que deben acometer dende todos os puntos de vista (económico, laboral, etc) para ter unha produción agrícola en áreas como a alta montaña ou outro tipo de limitacións naturais.
En concreto, dos 15 millóns totais, 8,4 millóns de euros van destinadas precisamente ás zonas con limitacións naturais de montaña e outros 6,7 millóns de euros a zonas con outro tipo de limitacións. Como é habitual no pago das axudas da solicitude unificada, os beneficiarios que indicaron o seu teléfono móbil nas súas solicitudes recibirán unha mensaxe indicándolles o importe transferido e o concepto.
90% da PAC abonada
Estas cantidades súmanse aos pagos da PAC xa aboados este mes. En concreto, está abonado o 90% do importe permitido das axudas da PAC aos agricultores que tiñan os controis administrativos e sobre o terreo favorables. En cifras absolutas, falamos de 150 millóns de euros abonados en decembro, o que supón un 15% máis que a axuda pagada en 2016, segundo a Consellería.