A recente morte nunha granxa de animais vacinados pola lingua azul, da que advertiu o Sindicato Labrego en nota de prensa, á unha cuestión que xerou preocupación no sector. A organización agraria afirmou que os animais mortos estaban previamente enfermos de EHE e culpa á vacinación contra a lingua azul do sucedido.
Sobre ese caso concreto, Medio Rural sinala que “só se vacinaron aqueles animais que quixo o gandeiro”. Asimesmo, aclara que no momento da vacinación da lingua azul non constaba confirmación da afectación por EHE.
A Consellería subliña ademais que cada granxa é libre de vacinar no momento que queira:
“Se agora mesmo algún gandeiro non quere vacinar de lingua azul a través deste sistema público gratuíto, ben porque prefire priorizar a vacina da EHE, ben porque ten casos confirmados de EHE ou sospeitosos de selo, ou ben por outro motivo (como é a xestión de pastos, por exemplo), debe comunicarllo aos servizos veterinarios que se desprazan, que non poñen ningún problema. De feito, nos sitios onde os gandeiros solicitaron retrasar a vacinación por existir afectación de EHE, fíxose con total normalidade”.
A única cuestión a ter en conta son as limitacións ó movemento de animais que non teñan a pauta completa de vacinación. Dado que a lingua azul está declarada como enfermidade en erradicación polo Ministerio, a vacinación dos animais é obrigatoria.
Medio Rural lembra que para apoiar ó sector gandeiro, a Xunta de Galicia puxo en marcha un sistema público de vacinación totalmente gratuíto para as explotacións, no que se teñen investido preto de 8 millóns de euros desde 2023, “pero cada gandeiro é libre de optar por outro sistema, co veterinario que queiran e vacinar cando eles queiran”, sempre coa vacina gratuíta.
“É importante salientar que a Xunta de Galicia non obriga a ningunha explotación a vacinar contra a lingua azul co sistema público gratuíto, senón que informa e pon a disposición os recursos necesarios para facelo, se esa é a vontade do gandeiro”.
Próximas axudas para tratamentos e desinsectacións
A Xunta lembra que mantén aberta a liña de indemnizacións para os gandeiros por animais falecidos a consecuencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Ata o de agora, a Consellería do Medio Rural destinou máis de 200.000 euros a estas achegas, para compensar a morte de 409 animais de 195 explotacións, datos referidos ao anterior período de circulación do vector transmisor, posto que, no actual período, aínda non se rexistraron solicitudes.
Este ano espérase que a eses apoios se sumen as axudas por tratamentos veterinarios aos animais afectados ou por uso de desinsectantes nas explotacións, con pagos retroactivos polos gastos desta campaña. O Ministerio de Agricultura comprometeu para ese fin 15 millóns de euros para toda España.
Desde a Xunta instan ó Ministerio a acelerar ese traspaso de fondos, para proceder á correspondente convocatoria, se ben o subdelegado do Goberno en Ourense, en declaracións ós medios de comunicación, sinalou que a Xunta ten competencia para sacar a súa propia liña de axudas, “pois a do Ministerio é só un complemento”, sostén.
Sobre o traspaso de fondos a Galicia, o subdelegado sinala que se fará no mes de setembro ou de outubro.