As accións dos gandeiros contra os centros de distribución continúan. Esta tarde os gandeiros do Deza bloquearon a entrada de mercadurías no Gadis de Lalín, no centro comercial Pontiñas. Medio cento de tractores situáronse arredor do supermercado e contan con pasar alí os próximos días, en tanto non se chegue a unha solución negociada con esta cadea para que aumento os pagos que lle fai a súa industria proveedora, Leche Río, polo leite de marca branca.
No Deza, os produtores xa bloquearan a pasada semana un Lidl e un Eroski durante varios días, ata chegar a un acordo con ambos grupos para unha suba dos prezos do leite en cadea que repercuta finalmente nos gandeiros. Sobre as seis da tarde, tras iniciar o bloqueo de Lalín, os representantes dos produtores, coordinados pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, estaban a ter unha reunión cos representantes do Gadis de Lalín.
Na Coruña, entre tanto, arredor dun cento de tractores sumáronse hoxe ó bloqueo do Carrefour, á espera da reunión prevista para esta tarde entre a cadea, as industrias Lactalis e Leche Celta e os gandeiros. Tamén se mantén o bloqueo do Carrefour de Lugo.