A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) vén de recibir a autorización para converterse en entidade con servizos de xestión e asesoramento (está inscrita no Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento ou Xestión de Galicia co número EAX_19_075). Deste xeito, está recoñecida de xeito oficial para axudar os seus socios en trámites como a correcta solicitude das subvencións ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control (coñecidas como axudas da Política Agrícola Común).
Para Asoporcel, este é un novo paso para a profesionalización do sector, así como para facer as ganderías máis rendibles e competitivas. Trátase pois dunha liña de traballo de gran valor para poder ofrecer ós seus asociados un asesoramento integral que lles permita manterse informados de todos os apoios dos que poden dispoñer para continuar coa súa actividade. “Esta liña de axudas será especialmente ben acollida tendo en conta a situación actual de incremento xeral dos costes de produción”, subliñan.
UNHA LIÑA ESPECÍFICA PARA RAZAS AUTÓCTONAS
Neste ano, Asoporcel tramitou preto de 50 solicitudes para as axudas da PAC, dato que contrasta fortemente coa convocatoria anterior, no que só a solicitaran 8 explotacións. “A inmensa maioría dos nosos socios descoñecían a existencia da liña de fomento de razas autóctonas en perigo de extinción, como é o caso do Porco Celta, que contempla a PAC”, explican os voceiros da asociación.
Neste sentido, sinalan que “tamén se prestou asesoramento os gandeiros asociados que xa pedían a PAC e que non estaban aproveitando este concepto por non estar ao tanto de que cumprían os requisitos para poder solicitalo”. Ademais, engaden que se iniciaron conversacións co Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) para poder “adaptar os requisitos das axudas á realidade destas explotacións de cara ao novo período”.
Por outra banda, cabe destacar o incremento de solicitudes de subvencións fronte á fauna salvaxe que realizaron neste 2022: un total de 24, fronte ás 5 do ano pasado. Tamén nos últimos meses se tramitaron dende a asociación 6 peticións de axudas a pequenas explotacións para profesionalizar e modernizar as granxas de Porco Celta, así como 4 expedientes de incorporación e mellora para mozos no agro. “Este último é un dato moi importante para nós en particular e para o agro en xeral, xa que estamos a falar de que xente moi nova está apostando por una volta ao rural e por facer da produción de Porco Celta a súa actividade principal”, salientan.