Medio Ambiente valora declarar novos Concellos en emerxencia cinexética polo xabarín

A Consellería mantén unha reunión de seguemento sobre o problema con Administracións, Tráfico, cazadores e organizacións agrarias. A Xunta anuncia o reforzo dos valados perimetrais do corredor Lugo – Sarria e da autovía Ferrol – Vilalba, a fin de reducir os sinistros provocados polo animal

Medio Ambiente valora declarar novos Concellos en emerxencia cinexética polo xabarín

Os danos provocados polo xabarín, tanto no agro como nas estradas, centraron unha reunión organizada pola Consellería de Medio Ambiente con cazadores, organizacións agrarias e Administracións implicadas. O obxectivo era facer balance da situación e valorar novas medidas a adoptar. Desde Medio Ambiente anunciaron que volverán a estudar a declaración de emerxencia cinexética temporal nalgúns puntos da comunidade.

Na campaña de caza 2019-2020, Medio Ambiente decretou a emerxencia cinexética en 4 comarcas de Galicia (Betanzos – Eume, Terra Cha, Viana e Deza), que comprendían un total de 33 concellos. A Xunta valora decretar novas comarcas en emerxencia, pois considera que aquela foi unha medida eficaz. Medio Ambiente sinala que os avisos de danos nestas comarcas reducíronse un 29,4 % en relación á campaña precedente.

Neste sentido, a Xunta trasladoulles aos asistentes á reunión que se está a valorar novamente a posibilidade de declarar a emerxencia cinexética en determinadas zonas de Galicia. Participaron no encontro representantes das Administracións titulares das diferentes estradas (Ministerio de Fomento e Axencia Galega de Infraestruturas); DGT, Garda Civil de Tráfico e Seprona; Consellería do Medio Rural; Fegamp; Universidade de Santiago; Federación Galega de Caza; e sindicatos e organizacións agrarias (Unións Agrarias, Asaga e Sindicato Labrego Galego).

A medida da emerxencia cinexética, que na práctica permite abater ou capturar exemplares fóra do límite de cupo durante o período hábil de caza, deberá someterse a un estudo previo en base ao cal se decidirá a que áreas e concellos concretos afectaría, tendo en conta os datos máis recentes de avisos por danos, accidentes de tráfico, concentración de explotacións de porcino e demais parámetros que concorran para valorar a incidencia do xabaril en cada zona.

Medidas nas estradas
No encontro, celebrado onte, a Consellería de Infraestruturas tamén informou sobre as medidas específicas adoptadas para evitar accidentes causados pola irrupción de xabarís nas estradas galegas. Entre as medidas, destacan a implantación no corredor Nadela-Sarria de valo reforzado en ambos os lados para reducir estes sinistros ou as actuacións que se van levar a cabo no caso da AG-64 Ferrol-Vilalba para mitigar os riscos que xeran estes animais.

Xestión da biomasa en zonas periurbáns
A Consellería de Medio Ambiente, por último, animou ós Concellos a extremar os desbroces nas zonas periurbáns, a fin de evitar que o porco bravo atope neses espazos zonas de encame, protexidas ademais dos cazadores.

Valoracións
Trala reunión de onte, Unións Agrarias valorou como insuficiente a declaración de emerxencia cinexética, pois considera que por si soa non garante unha redución drástica das mandas de xabaril, “que campan sen control causando graves danos”.

Desde Unións Agrarias avogan por un control poboacional e por un cambio da Lei de Caza, para que a responsabilidade dos danos causados pola especie pase a ser da Xunta e non dos Tecores. “Os Tecores son incapaces de responder das cantidades cada vez máis grandes pola magnitude das desfeitas”, valora o secretario de Acción Exterior de Unións, Félix Porto.

En tanto a Lei non cambie ou non se atopen solucións, Unións mantén que continuará apoiando ós gandeiros que decidan demandar ós Tecores para pedir indemnizacións polos danos.

É unha situación que xa xerou reacción entre os Tecores afectados, que se plantean renunciar ó aproveitamento cinexético das parcelas propiedade de afectados que os demanden.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información