Medio Ambiente pide que o TSXG levante a suspensión da caza puntual do lobo por danos ó gando

A Xunta e Concellos afectados por ataques do lobo presentan a solicitude

Medio Ambiente pide que o TSXG levante a suspensión da caza puntual do lobo por danos ó gando

Reunión de Medio Ambiente con Concellos afectados polos danos do lobo.

A Xunta de Galicia e un grupo de Concellos afectados por ataques de lobo ó gando solicitaranlle ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o levantamento da suspensión das medidas para o control do lobo.

Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que se reuniu onte co alcalde de Curtis, Javier Caínzos, e coa concelleira de Mobilidade e Seguridade de Ferrol, María do Carme Pieltain, dous dos concellos, xunto co de Cerdedo-Cotobade, desde o que se presentaron escritos nos que se denuncia unha escalada dos ataques do lobo, afectando tanto á viabilidade das explotacións gandeiras como á vida cotiá da cidadanía, ao producirse cada vez máis preto de núcleos de poboación, segundo a Xunta.

Deste xeito, a Consellería trasladará ao TSXG cadanseu documento dos concellos de Curtis e Cerdedo-Cotobade sinalando o número de avisos rexistrados no seu termo municipal. E, a maiores, tamén o remitido pola Asociación de veciños de Viladóniga-Vilasanche, de Ferrol, onde, tal e como dixo a conselleira, se pon de manifesto a “preocupación” da veciñanza.

Vázquez informou que o seu departamento solicitará ao TSXG o levantamento da suspensión da resolución que establece as medidas de control por danos causados polo lobo. Cómpre lembrar que, unha vez que o lobo ao norte do Douro foi retirado do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial en marzo de 2025, a Xunta retomou o plan de xestión desta especie que estaba vixente ata 2021 -cando se incluíu no Lesrpe- e que permite medidas de control en casos moi concretos.

Ante isto, a Xunta agarda que a Xustiza se pronuncie sobre o recurso presentado polo Goberno galego contra o auto que paraliza a aplicación dese plan e impide autorizar medidas de control sobre esta especie.

Antes de que o lobo vira aumentada a súa protección, en Galicia autorizábanse batidas contra o lobo en caso de danos reiterados sobre o gando, se ben tiñan un éxito escaso, pois a penas se conseguía abatir algún exemplar. Distinta era a situación de Asturias e Cantabria, nas que ata o 2021 viña practicándose a caza de arredor de 40 lobos ó ano, entre ambas comunidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información