Medio Ambiente calcula un censo de máis de 82.000 xabaríns en Galicia

A Xunta elabora un estudo sobre a poboación do xabaril no que estima que hai unha densidade media de 2,77 exemplares por quilómetro cadrado, segundo os datos de capturas correspondentes á tempada cinexética 2024-2025

Medio Ambiente calcula un censo de máis de 82.000 xabaríns en Galicia

Durante unha reunión con representantes do Consello Galego de Colexios Veterinarios, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, indicou que a o estudo sobre a poboación do xabaril estima unha poboación de máis de 82.000 xabarís en territorio galego, cunha densidade media de 2,77 exemplares por quilómetro cadrado.

No estudo tomáronse como referencia os datos de capturas correspondentes á tempada cinexética 2024-2025 (preto de 19.000 exemplares). A partir desa información, obtívose un cálculo do número total de exemplares dentro dos terreos cinexéticos coa aplicación dunha taxa de extracción cinexética, que consiste nunha relación entre o número de exemplares capturados e o de totais.

Ademais, estimouse tamén un número de exemplares fóra dos terreos cinexéticos baseado na densidade media de xabaril en Galicia. Segundo indicou a conselleira, estas cifras son coherentes coas estimas realizadas en traballos científicos recentes para toda Europa e que identifican Galicia como unha das áreas con maior densidade xabarís do continente.

Son cifras que reducen a menos da metade as estimacións anteriores elaboradas desde as organizacións agrarias, nas que se calculaba para Galicia unha densidade superior a 6 xabaríns por quilómetro cadrado. Esa é precisamente a densidade de porcos bravos que hai en Cataluña, segundo os censos da Generalitat, polo que de ser certas as estimacións de Medio Ambiente, a comunidade albergaría a metade de densidade.

Poderán autorizarse de inmediato batidas, esperas, desencame de xabarís con cans atrelados e outras accións excepcionais en determinado tipo de terreos como a instalación de gaiolas trampa

Medidas de control fóra de tempada cinexética
Unha vez rematada a emerxencia cinexética, que afectou ao 83 % da superficie galega, a Xunta axilizará entre o 1 de marzo e o 30 de xuño -un dos períodos no que se concentran os danos nos cultivos- as autorizacións das medidas para o control e prevención de danos. No caso de días hábiles a solicitude deberá realizarse cunha antelación de 24 horas respecto á data na que se quere realizar a medida de control e de 48 horas se coincide cunha xornada inhábil.

Entre as medidas de reforzo autorizables nos próximos catro meses, inclúense accións paliativas tras danos e preventivas, sempre que se axusten ao marco normativo vixente: en concreto, poderán autorizarse de inmediato batidas (con armas ou na modalidade disuasoria), esperas, desencame de xabarís con cans atrelados e outras accións excepcionais en determinado tipo de terreos como a instalación de gaiolas trampa.

No caso concreto das gaiolas trampa, a conselleira puxo en valor o seu bo resultado en áreas urbanas e periurbanas onde non se poden realizar accións cinexéticas. De feito, desde a súa posta en funcionamento en 2023 xa se capturaron con este sistema arredor de 150 exemplares. Nesa liña, Ángeles Vázquez avanzou que se van comprar novas gaiolas de maiores dimensións para ofrecer un mellor servizo aos concellos que o soliciten a través do procedemento habilitado polo Goberno galego.

Ademais, continuaranse desenvolvendo protocolos específicos para a instalación de gaiolas-trampa en explotacións agrícolas ou gandeiras onde se tivera constatado a presenza reiterada de xabarís e que non exista outra solución alternativa así como en espazos naturais protexidos como o Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, as ZEC Betanzos-Mandeo e Brañas de Laiño, e na Illa de Cortegada no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información