Entre o 17 e o 23 de xuño está a celebrarse a Semana Mundial Sen Carne, unha iniciativa impulsada por distintos colectivos para denunciar o que consideran efectos negativos para o planeta e para a saúde humana que ten o consumo de proteína animal.
En España unha das organizacións máis activas está a ser Greenpeace, que baixo a lema “Súmate ao Reto Sen Carne!”, denuncia, entre outros efectos , que “a gandaría contribúe ao cambio climático, xa que é responsable da emisión do 14,5% dos Gases de Efecto Invernadoiro (GEI),especialmente o metano e o óxido nitroso, tanto como todos os coches, trens, barcos e avións xuntos”.
Greenpece acusa tamén á gandaría de “monopolizar a terra cultivable, con preto do 75% da superficie agrícola destinada á gandaría, tanto en forma de pastos como para producir pensos”. Ademais, a campaña critica que “a gandaría demanda altas cantidades de auga. Por exemplo, para producir 1 kg de filete de tenreira son necesarios 15.000 litros de auga”.
Con todo, para César Resch Zafra, investigador responsable da produción de leite de vacún no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), “esta campaña mestura de forma interesada datos que non son certos”.
“Comparto que si que é certo que hai un exceso de proteína animal nas dietas da poblacion occidental e iso hai que corrixilo. Pero xeneralízase de forma grosa pondo no mesmo lado á carne procedente da gandaría industrial, por exemplo de porcino ou de avicultura, que a carne ou o leite de gando vacún, que polo menos no caso de Galicia o gando aliméntase principalmente de forraxes locais, e presta uns servizos ecosistémicos beneficiosos para o medioambiente”, explica o investigador deste centro público.
1) A gandaría é responsable da emisión de gases de efecto invernadoiro
Efectivamente, a gandaría e a agricultura -non só a primeira- son responsables da emisión do 15,5% -un 12% en España- das emisións globais de gases de efecto invernadoiro, segundo recolle o seguinte gráfico elaborado a partir de datos da FAO e do World Resources Institute.
Porén, sitúase lonxe da principal fonte de emisión, que é o sector enerxético (30% das emisións), e lixeiramente por baixo doutros sectores (18%), e practicamente á vez que o transporte (15%) e as actividades da industria manufacturera e da construción (13%).
Se analizamos as emisións de CO2 da gandaría por áreas xeográficas, e segundo datos da FAO, os principais emisores son América Latina e o Caribe, con 1887 millóns de toneladas, Asia Oriental e Sueste asiático, con 1606 millóns de toneladas e Asia Meridional, con 1507. Europa occiental sitúase xunto con América do Norte nunha posición bastante inferior, con 580 e 603 millóns de toneladas de dióxido de carbono que corresponden á gandaría.
Segundo os expertos, isto débese fundamentalmente aos avances en mellora xenética e en calidade das forraxes, que permiten que a gandaría nos países occidentais sexa moito máis eficiente na conversión de forraxes e cereais en quilos de carne, leite ou ovos.
E se analizan as emisións de CO2 por especie, a porcentaxe varía moito segundo os países, por exemplo de 100 a 400 quilos de CO2 por quilo de proteína na carne de vacún. En todo, e sen ter en conta outros parámetros, os que menos emisións de CO2 provocarían serían a carne de polo e os ovos, seguido do porcino e do leite de vaca.
En canto ao metano, Frank Mitloehner, profesor e especialista en calidade do aire na Universidade de California-Davis, destacou na última Conferencia de Ideas Alltech (ONE19), argumenta que “a verdadeira ameaza ao cambio climático, os combustibles fósiles, vese opacada pola guerra dos medios de comunicación contra o gando”.
“Os combustibles fósiles son a principal contribución ao cambio climático provocado polo home, non a gandaría. No caso do metano producido polo gando e a agricultura, é certo que representa ao redor do 30% do global, pero é moi diferente dos gases de efecto invernadoiro creados polos combustibles fósiles, xa que o metano eructado polos rumiantes permanece na atmosfera durante 10 anos antes de converterse en CO2 e ser absorvido de novo polas plantas, como millo forraxeiro ou pradarías, que se cultivan para alimentar ao gando, establecendo un ciclo contínuo de equilibrio”, destacou.
2) Para producir un 1 quilo de carne son necesarios 15.000 litros de auga
O gando vacún é un dos máis eficientes no uso de auga, pois de cada litro que bebe unha vaca o 14% é devolto en forma de ouriños, como fertilizante; o 44% nas feces, e o 25% no leite, dedicando o 17% restante ao proceso biolóxico de respiración e transpiración.
Como utiliza a auga o gando vacún?
Para César Resch Zafra, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) “é unha afirmación sen base científica dicir que para producir un quilo de carne de tenreira necesítanse15.000 litros de auga”.
E é que, tal e como subliña “hai consenso internacional en distinguir entre a auga extraída de pozos ou da rede de subministración para regar os cultivos cos que se alimenta ao gando, da auga de choiva, que non entraría dentro desta pegada de auga”.
“En Galicia realizamos distintos estudos e para producir un litro de leite necesítanse entre 3 e 5 litros de auga, xa que tanto as pradarías como os cultivos de millo non se regan. E no caso da nosa gandaría de vacún de carne, baseada no pastoreo, sería algo máis. Outro modelo totalmente distinto sería o de macrogranxas de miles de vacas no medio do deserto ou do páramo, que compran e/ou regan todas as forraxes, como alfalfa deshidratada”, engade.
No caso de Francia, os estudos realizados polo instituto público INRA conclúen que para producir un litro de leite necesítanse entre 5 e 10 litros de auga, e para producir 1 quilo de carne de vacún empréganse de 50 a 70 litros de auga, moi lonxe dos 15.000 litros que difunde a campaña da “Semana Mundial sen Carne”.
3) A gandaría utiliza demasiada terra cultivable
Outra afirmación sen base é que a gandaría emprega cada vez máis terras de cultivo. Pola contra, á realidade no mundo occidental é a contraria: Cada vez prodúcese máis cantidade de proteína animal con menos cabezas de gando e con menos superficie.
No caso de Galicia, o 70% do alimento que consumo o gando vacún son forraxes cultivadas na contorna das gandarías e fertilizados en boa medida coas propias dexeccións do gando, dentro dunha economía circular sustentable.
Ademais, diversos estudos realizados en Francia, Estados Unidos, Inglaterra ou Irlanda lembran que gran parte dos alimentos que consome o gando non son aproveitables polos humanos, sendo neste sentido os rumiantes uns dos máis eficientes en transformar fibras vexetais en leite e carne.
Ademais, moitos dos terreos que se utilizan para alimentar á gandaría son terras marxinais que non serían aptas para o cultivo de vexetais para o ser humano.
Eficiencia na conversión de energia consumible por humanos:
Así, se medimos a parte da ración do gando que podería servir como alimento humano, os máis eficicientes son vacún de leite e o vacún de carne en pastoreo, seguido da avicultura, e os menos o vacún de carne cebado con penso e o porcino, pois empregan porcentualmente moitos máis cereais que poden ser tamén alimento humano.
No Reino Unido a asociación láctea AHDB lembra que case a metade do país está cuberta por pradarías, que os rumiantes (vacas, ovellas, cabras…) son capaces de aproveitar para convertelas en leite e carne e alimentar á poboación.
Non obstante, tal e como conclúe un estudo realizado en Francia polo INRA existe marxe de mellora para mellorar a eficiencia en reducir a ración da vaca que podería ser alimento humano, basicamente incrementando as horas de pastoreo e de forraxes de calidade na ración.
No caso de Estados Unidos, o profesor Frank Mitloehner lembra que “dous terzos da terra poden definirse como terras marxinais, sobre as cales os cultivos non se poden cultivar por diversas razóns, por exemplo, solos pobres ou restricións de auga, e esta terra marxinal utilízase para o gando rumiante. O outro terzo é terra cultivable, ideal para cultivos”.
Neste sentido, pregúntase “¿Como podemos alimentar en 2050 a unha poboación mundial que se estima nuns 9100 millóns de persoas se non estamos a utilizar toda a terra que podemos para producir alimentos?”.