Os ectoparásitos son unha familia animal que engloba os piollos, as pulgas, os ácaros, as moscas e as carrachas, sendo estas dúas últimas as que máis perdas provocan na ganderia de vacún.
Perdas económicas: As moscas provocan un descenso da produción de ata 139 litros de leite
Un dos principais motivos polo que ao gandeiro lle debe interesar o control dos ectoparásitos é polas importantes perdas económicas que provocan. “Así diversos estudios conclúen que as moscas provocan unha perda media na producción anual dunha vaca de 139 kilos menos de leite, e no caso dos becerros a proliferación de moscas no establo provocan un menor peso da recría ao destete; en concreto, de entre 6,29 e 9 kilos menos”, advirte Pablo Piñeiro, do equipo de Ruminantes de MSD-AH.
A escala moito maior, estímase que os ectoparásitos provocan en Estados Unidos unhas perdas anuais de 360 millóns de dólares no sector de gandería leiteira e de 1269 millóns no gando de carne en pastoreo.
Repercusións sanitarias: Mamites de verán, malestar animal..etc
O outro motivo clave polo que se deberían controlar moscas e carrachas nas ganderías é pola súa importante repercusión sanitaria.
En concreto, estes ectoparásitos provocan, segundo Pablo Piñeiro, un triple prexuizo no gando:
1) Pola súa acción patóxena directa:
– Depreciación de peles (carrachas) e coiros
– Efecto expoliador de sangue: calcúlase que cada mosca chucha dunha vaca ou becerro 17 miligramos de sangue ao día; que soben a 400 se se trata dun tabán e máis dun mililitro se o parasito é unha carracha.
2) Acción patóxena indirecta:
Aumentan o malestar animal (dor, o animal non descansa, non come, non bebe…) e iso ten unha repercusión directa na producción de leite e de carne.
3) Transmisión de enfermidades:
-Carrachas: babesia, anaplasma, Theileria…etc.
-Moscas: queratoconxuntivites, mamites de verán, mastites contaxiosas…etc.
Mamites de verán: Cómo se provocan e a importancia de controlalas
As coñecidas como “mamites de verán” que afectan ao gando vacún teñen unha etioloxía e epidemioloxía totalmente diferente ao resto das mastites, pois non son nin de tipo ambiental nin contaxiosa.
E é que estas mamites están provocadas pola mosca da cabeza , unha mosca chupadora coñecida como “Hydrotaea irritans”, que é o principal factor que condiciona a mamite de verán, xa que ao lamber o leite dos tetos, coas súas patas pasa a mamites dun teto a outro, facendo de vector dos xermes implicados nesta patoloxía.
Afectan a entre o 1 e o 5 % das vacas que paren, con mamites provocadas polos patóxenos “Arcanobacterium pyiogenes” e “Streptococcus dysgalactiae”, fundamentalmente.
¿Como é o ciclo da mosca que provoca as mamites de verán?
A “Hydrotaea irritans” ou mosca da cabeza ten o seguinte ciclo biolóxico anual, que é preciso coñecer para realizar un control efectivo da mesma:
–Cría as larvas durante a primavera e verán -o calor, a humidade e a materia orgánica en descomposición son claves para o seu desarrollo- nas feces e sitios húmidos, polo que resulta clave unha boa hixiene no establo.
-Os adultos saen de xullo a septembro.
–Voan en terreos arborados e húmidos
–Zonas onde se localizan: son sobre todo nas patas, abdome e ubre, especialmente nos tetos.
Coñecendo o seu ciclo vital, se se realiza un control de moscas, tanto de larvas como de adultas, pódese reducir notablemente a porcentaxe de vacas con mastite, tal e como reflicten os seguintes resultados dun estudo realizado en Estados Unidos:
¿Como controlar de forma efectiva as moscas?
Para realizar un control efectivo das moscas resulta imprescindible coñecer o seu ciclo de vida. Neste sentido, algunhas das claves que aportou Pablo Piñeiro son:
-O 80% das moscas nun establo están en estadio de larva, ovo ou pupa, e só o 20% restantes son moscas adultas.
-Co aumento da temperatura dispárase a incidencia das moscas: Se con 28 graos unha mosca completa o seu diclo de ovo a adulta nunha media de 10 días, con 30 graos acúrtase a tan só 5 días.
Produtos de control:
Existen dous tipos de produtos de control de moscas que se adaptan ao seu ciclo vital e que se deben aplicar ao mesmo tempo:
-Adulticidas: Para as moscas adultas, como produtos de tipo Pour-On
-Larvicidas: Que se aplican mediante pulverización das zonas máis sensibles (parideiras, camas, esquinas onde se amorea merda…etc), ou tamén mediante regado, esparcido e pintado.
Cada un dos produtos ten as súas doses e formas de aplicar, polo que se deben seguir as recomendacións para lograr a máxima efectividade.
En canto ás zonas de control onde se produce a cría das moscas, debemos prestar especial antención ás zonas húmidas como debaixo dos bebedeiros, camas e a 1 metro de altura das paredes. Tamén aos boxes de xatas e xatos e en xeral ás zonas con acumulación de materia fecal.
Respecto aos produtos pour-on para control de moscas adultas, aplícanse directamente nos animais na liña do lombo. O técnico de MSD-AH recomendou máis o uso dos adulticidas deste tipo pola súa maior persistencia (28 días), fácil manexo e ausencia de cheiro. “Pola contra, os adulticidas de moscas que se aplican por baño ou inmersión das vacas son de manexo máis complicado, non teñen tanta persistencia e son máis olorosos”, subliñou Pablo Piñeiro.
Control de carrachas
Ao igual que nas moscas, o control efectivo das carrachas esixe coñecer o ciclo de vida deste ectoparásito: As femias unha vez cheas de sangue caen da pel das vacas ao chan, e alí poñen os ovos que se convertirán en larvas. Nesta fase larvaria é cando se adhiren á pel dos animais, e pasan á fase de ninfas e adultas chuchando o sangue do seu hóspede, ata que caen ao chan e volven iniciar o ciclo.
Neste sentido, algúns dos aspectos relevantes das carrachas que apuntou Pablo Piñeiro, do equipo de Ruminantes de MSD-AH, son:
•As femias cheas de sangue poden sobrevivir nos pastos 5 meses sen comer.
•Son máis activas no verán e no outono (combinación de calor e humidade), polo que é nesa época cando debemos aplicar os produtos para combatelas.
•Por debaixo de 0º as carrachas morren.
•Existen vacas con inmunidade natural frente ás carrachas, polo que é unha liña de selección a ter en conta.
•É importante que os animais roten de pastos.
•O tratamento habitual é con garrapaticidas.
•Existen productos con alta persistencia en animais. Un deles é a deltametrina, que segundo Pablo Piñeiro ten 3 veces máis acción insecticida que a Ciflutrina e 10 veces máis acción insecticida que a Cipermetrina. “A deltametrina está formulada e desarrollada específicamente para o control das moscas (chuchadoras e picadoras), piollos, carrachas e mosquitos. No mercado hai produtos pour on, que combinan a deltametrina con repelentes que provocanque non se acheguen moscas e carrachas ao animal. Ao tempo, ten un efecto “nockdown” sobre as moscas que caen mortas de forma case inmediata, mentres que as carrachas e piollos despréndense nun máximo de 24-48 horas”, destaca Pablo Piñeiro. “Iso si, é moi importante que se aplique a contrapelo, nas zonas de moito sol”, subliña.
Como conclusión, o técnico de MSD-AH recomendou que para un control efectivo de moscas e carrachas é importante realizar:
1.Boa identificación do problema.
2.Control dos ectoparásitos con productos específicos e na época axeitada.
3.Correcta aplicación do producto (animais e instalacións no mesmo día).