Medidas para frear a expansión da avelaíña guatemalteca da pataca

A couza guatemalteca expandiuse a 31 municipios do norte de Galicia, nos que a Consellería recomenda non plantar pataca este ano. Á espera do Real Decreto do Ministerio, repasamos as medidas recomendadas pola Xunta para frear esta praga.

Publicidade
Medidas para frear a expansión da avelaíña guatemalteca da pataca

Pataca afectada pola couza guatemalteca

A avelaíña guatemalteca da pataca ou Tecia solanívora, orixinaria de Centroamérica e que chegou a Canarias en 1999, detectouse en Ferrol en agosto de 2015. Desde entón, e a pesar das medidas postas en marcha pola Xunta, expandiuse a un total de 31 municipios do norte de Galicia.

Son os de Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes na provincia da Coruña . E na de Lugo son os municipios de Cervo, Foz, Xove, Viveiro, O Vicedo, Burela, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova.

En todos eles, nos que a pataca se sementa principalmente para autoconsumo, a Conselleria do Medio Rural recomenda que os agricultores non planten o tubérculo este ano. O borrador do Real Decreto, que proximamente está previsto que publique o Ministerio, contempla a posibilidade de prohibir a plantación de pataca nas zonas demarcadas durante un período de dous anos.

Á espera do Real Decreto do Ministerio, reproducimos a continuación o contido do folleto informativo distribuído pola Consellería do Medio Rural desde 2015.

Cal é o ciclo da avelaíña guatemalteca da pataca?

A avelaíña guatemalteca desenvólvese exclusivamente sobre tubérculos de pataca (Solanum tuberosum).

Ao igual que todas as avelaíñas é de hábitos nocturnos. O ciclo comeza coa posta de ovos nos tubérculos ou próximos a eles, en número 200-500 ovos. O período de incubación pode durar entre 5-15 días, en función da temperatura.

Despois da eclosión, a larva, de 1.5 mm e cor branco cremoso, penetra no tubérculo e desenvolvese no seu interior, sendo ésta a responsable dos danos, que se caracteriza pola perda de peso e calidade dos tubérculos. Ao final do período larval, que dura entre 15- 29 días, o verme abandona o tubérculo cun tamaño de 16 mm e cor verdosa para posteriormente tornarse rosada.

Unha vez fora do tubérculo, deixa de alimentarse e forma un capullo de seda xunto con partículas de diferentes materiais, en cuxo interior transfórmase en pupa. Esta fase pode realizala no solo, sacos, fendas no solo ou paredes. Tamén pode pupar no interior do tubérculo. A duración desta fase é duns 10-20 días.

Segundo estes datos a couza pode completar o seu ciclo biolóxico entre 41-95 días, en función da temperatura.

Cabe destacar da súa bioloxía que:
– A temperaturas máis altas, maior número de xeneracións pero maior porcentaxe de mortalidade.
– A temperatura mínima de desenvolvemento é de 7-9ºC
– Temperaturas por debaixo de 10ºC e presenza de chuvias son un factor limitante para o desenvolvemento.

couza_guatemalteca_ciclo

Medidas obrigatorias a adoptar polos agricultores nas zonas demarcadas:

a) Colocación de trampas con feromona sexual para a captura masiva. Estas trampas colocaranse no solo a unha distancia mínima de 30 m, preferiblemente nos bordes do cultivo e en número de 8 por ha.

b) Nas zonas demarcadas recoméndase non plantar pataca este ano. No resto de Galicia recoméndase utilizar semente libre da praga, certificada e con garantía sanitaria.

c) Se o ano anterior houbo danos provocados por esta praga, aplicar algún dos insecticidas granulados autorizados no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, esparexéndoo por todo o terreo e tapando lixeiramente.

d) Durante o cultivo, realizar tratamentos con materias activas autorizadas no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Estas materias activas poderán consultarse na páxina web do Ministerio:

e) Retirar do terreo e destruír todos os tubérculos danados, así como os restos de colleita, co fin de romper o ciclo da praga durante o período de descanso.

couza_guatemalteca_tratamentos

Medidas recomendadas a adoptar polos agricultores nas zonas demarcadas:

a) Preparar o terreo e desenterrar, 15 días antes da plantación -este ano non se recomenda facela-, os tubérculos afectados de campañas anteriores, recollelos e eliminalos.

b) Na sementeira enterrar a unha profundidade mínima de 15 cm, tapar ben a semente para colocar unha barreira de terra entre éstas e as larvas.

c) Eliminar as plantas de colleitas anteriores que broten durante as primeiras etapas de cultivo.

d) Aporcar por ambos lados e a unha altura mínima de 25-30 cm.

e) Facer rotación de cultivos.

Medidas de control cando se gardan as patacas:

a) Separar dentro dos almacéns os tubérculos de semente e os de consumo

b) Colocar mallas tupidas, tipo malla anti-insectos, sobre os tubérculos almacenados para evitar a entrada e saída da avelaíña.

c) Desinfección do almacén, da maquinaria e das ferramentas de manipulación con produtos autorizados.

d) Realizar unha selección dos tubérculos antes de ser almacenados, eliminando todos aqueles que presenten danos que poidan ser causados pola praga.

e) Realizar un tratamento dos tubérculos en almacén con materias activas autorizadas no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

f) Colocar trampas con feromona para a detección da praga. Os tubérculos non poderán comercializarse no caso de obterse capturas.

g) Os sacos baleiros e outros embalaxes almacenaranse en compartimentos distintos e separados dos tubérculos.

i) Non se poderán comercializar os tubérculos procedentes das zonas demarcadas.

Para destruír as patacas sospeitosas, pódese facer un burato no chan, botar a pataca e cubrila con cal viva. Tamén se pode conxelar o tubérculo afectado antes de desbotalo, dado que a conxelación elimina as distintas formas do insecto. Por último, pódense quentar as patacas (microondas, por exemplo), de xeito que o insecto morra, antes de enterralo ou botalo no contedor correspondente.

Movemento de tubérculos

Queda prohibida a saída das zonas demarcadas dos tubérculos producidos nestas zonas.

A IXP Pataca de Galicia avala as medidas da Consellería e pide que non se plante pataca nos concellos afectados

belen_do_campo_ixp_pataca_couza_1

Belén do Campo con responsables da IXP Pataca de Galicia

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse esta mércores co presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia, Julio Gómez, para avanzar na coordinación en materia de loita contra a expansión da avelaíña guatemalteca da pataca (Tecia solanivora), que xa afecta a boa parte do norte de Galicia, en concreto ás comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal, na provincia da Coruña, e á Mariña lucense.

De momento a IXP Pataca de Galicia non está afectada por esta praga dado que os 67 produtores inscritos localízanse nas comarca da Limia e Bergantiños, lonxe da zona afectada. Con todo, se existe preocupación no sector ante a expansión da avelaíña guatemalteca.

Tras a xuntanza, na que tamén participaron técnicos da consellería e outros directivos da indicación, o presidente da IXP valorou as medidas adoptadas ata o de agora pola Xunta en relación con este asunto e amosouse convencido da súa eficacia para controlar a praga. Trátase de medidas como a colocación de trampas para capturar o insecto, a aplicación de métodos fitosanitarios, a destrución de lotes de patacas contaminadas e actuacións para controlar a mobilidade de tubérculos, entre outras.

Julio Gómez engadiu que os integrantes da IXP están pendentes da evolución deste problema, pero lembrou que polo de agora ningún produtor amparado está afectado e que a zona demarcada pola Consellería céntrase no cultivo para autoconsumo. Coincidiu tamén coa recomendación da Xunta de non realizar novas plantacións nos concellos afectados, para frear a expansión do insecto, a espera do decreto que publique o Ministerio, que contempla a posibilidade de prohibir o cultivo nestas áreas.

A Consellería celebrará próximamente reunións cos agricultores da Limia e de Bergantiños

Pola súa banda, a directora xeral agradeceu a colaboración prestada polos responsables da IXP e destacou a súa importancia, xa que –lembrou– os 67 agricultores amparados producen uns 6 millóns de quilos de tubérculo ao ano.

Anunciou ademais a próxima convocatoria dunha reunión con todos estes agricultores, fundamentalmente da comarca ourensá da Limia e tamén da área coruñesa de Bergantiños co fin de continuar avanzando nos labores de coordinación para o control desta praga.

Descarga aquí o folleto informativo da Xunta. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información