Medidas de prevención da gripe aviar en 34 concellos galegos

As restriccións limítanse ó ámbito da sanidade animal, pois en principio non se trata dunha enfermidade transmisible a humanos

Medidas de prevención da gripe aviar en 34 concellos galegos

Polos ó aire libre. / Arquivo.

Tras a detección de focos de Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade (IAAP) tanto en aves silvestres como en aves domésticas en distintos países de Europa, o Ministerio de Agricultura elevou en decembro o risco desta enfermidade nas zonas de especial risco (ZER) e nas zonas de especial vixilancia (ZEV). En virtude desa decisión, a Consellería do Medio Rural transmitiulle ós concellos afectados e ós seus servizos provinciais o cambio de normativa.

As medidas adoptadas son as seguintes:

– Prohíbese a cría de aves ao aire libre: todos os propietarios de aves deben recluír as súas aves en instalacións pechadas a cuberto. Se isto non fora posible por non dispoñer destas instalacións, poderíanse manter as aves no exterior sempre que existan teas paxareiras ou calquera outro dispositivo que impida o acceso de aves silvestres.

– Queda prohibido o uso de reclamos de caza con aves do tipo anátidas (parrulos ou similares) e charadriiformes (gaivotas e similares).

– Queda prohibida a cría de parrulos, ocas e gansos xunto con outras especies de aves de curral.

– Prohíbese darlles ás aves de curral auga procedente de depósitos superficiais, fontes ou outras orixes ás que puideran ter accedido aves silvestres, ao non ser que a auga sufrira un tratamento de hixienización que garantira a inactivación de posibles virus da influenza aviaria.

– Os depósitos de auga de subministración para as aves domésticas, que puidera haber no exterior, deberán ser protexidos para impedir que poidan acceder as aves silvestres ou as súas dexeccións.

– Quedan prohibidas as concentracións de aves de calquera tipo, comerciais ou non (exhibicións, concursos…), tanto de aves de curral como doutras aves distintas a estas (p. ex. aves ornamentais ou similares).

– É obrigatoria a inscrición dos currais familiares no Rexistro Galego de Explotacións Avícolas da Consellería do Medio Rural.

A Xunta precisa tamén que non hai evidencias de que o serotipo H5N1, circulante nos últimos meses en Europa e España, teña capacidade zoonótica, é dicir, que sexa transmisible ás persoas, se ben, como en calquera outra patoloxía animal, debe minimizarse o contacto innecesario con animais atopados feridos ou mortos.

Dado que as aves silvestres (fundamentalmente as que presentan hábitos migratorios) son os principais reservorios desta enfermidade, a posible infección das aves domésticas, aínda que previsiblemente pode ocorrer máis facilmente nas zonas ZER e ZEV pola súa vinculación a zonas de humedais, podería darse tamén en calquera parte do territorio, polo cal, as medidas citadas de aplicación nas citadas zonas son igualmente recomendables para a súa aplicación no resto do territorio de Galicia, segundo sinala a Xunta.

Concellos en zona de risco e vixilancia

En Galicia, as zonas de especial risco (ZER) están todas na provincia de Pontevedra: Illa de Arousa, Cambados, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Ribadumia e Vilanova de Arousa.

Os concellos galegos incluídos na zona de especial vixilancia (ZEV) son os seguintes:

– Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Ribeira, Vimianzo e Zas na provincia da Coruña.

– Ribadeo e Trabada na provincia de Lugo.

– Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia na provincia de Ourense.

– A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa na provincia de Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información