As medidas de prevención contra a gripe aviar amplíanse a un total de 40 concellos galegos

As explotacións avícolas afectadas, así como a cría doméstica, deben evitar a presenza dos animais ó aire libre e impedir calquera contacto posible con aves silvestres

As medidas de prevención contra a gripe aviar amplíanse a un total de 40 concellos galegos

A Consellería do Medio Rural informa das medidas de prevención adoptadas polo Ministerio de Agricultura, en coordinación coas comunidades autónomas, ante o incremento da influenza aviaria e como reforzo, por tanto, para protexer as explotacións avícolas galegas. Estas normas entrarán en vigor a partir do vindeiro luns, 10 de novembro.

Deste xeito, a partir desa data, aplicaranse diferentes medidas nos territorios denominados Zonas de Especial Risco (ZER) e Zonas de Especial Vixilancia (ZEV) de Galicia, definidas na Orde APA/2442/2206, de 27 de xullo, publicada polo Ministerio, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria.

Deste xeito, queda prohibida a cría de aves de curral ao aire libre, aínda que cando isto non sexa posible en determinadas circunstancias, estará permitido sempre que existan medidas de bioseguridade que garantan a ausencia de contacto, directo ou indirecto a través da auga ou alimento, das aves de curral con aves silvestres. Tamén se prohibe a cría de patos e gansos conxuntamente con outras especies de aves de curral, así como o emprego de aves das ordes Anseriformes e Charadriiformes como reclamos nas actividades cinexéticas.

Outra das medidas é a prohibición de dar auga ás aves de curral procedente de depósitos aos que poidan acceder aves silvestres, agás no caso que sexa tratada con métodos que garantan a inactivación do virus da influenza aviaria. Ademais, os depósitos de auga situados no exterior requiridos por motivos de benestar animal para determinadas aves de curral, deben estar protexidos suficientemente contra as aves silvestres.

Por último, queda prohibida a presenza de aves de curral ou outro tipo de aves cativas nos centros de concentración de animais como os mercados e certames gandeiros, mostras, exhibicións ou celebracións culturais, así como calquera concentración de aves de curral ou outro tipo de aves cativas. Como excepción, determinadas concentracións de aves poderán ser autorizadas pola autoridade competente tras unha avaliación individual de risco.

Lista de concellos nos que se reforza a vixilancia

Estas medidas que xa estaban en vigor para os 11 concellos ZER, refórzase agora para as ZEV. Os ZER están conformados por A Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra; Xove, na de Lugo; e Cerceda, Ordes e Tordoia, na da Coruña.

En ZEV son Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do, Son Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas, na provincia da Coruña; Ribadeo e Trabada, en Lugo; Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia, en Ourense; e A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra.

Avaliación de riscos epidemiolóxicos
As novas normas adóptanse trala análise semanal dos riscos epidemiolóxicos de presenza desta enfermidade a nivel nacional, que poñían de manifesto un aumento do número de casos detectados nas últimas semanas, tanto en aves silvestres como en aves de curral, non só en España, senón tamén en países europeos da nosa contorna.

Na actual campaña de vixilancia da influenza aviaria na Unión Europea (e máis Noruega e Reino Unido) confirmáronse un elevado número de focos de Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade (IAAP) respecto a anos precedentes. Así, desde o 1 de xullo e ata o 5 de novembro detectáronse un total de 139 focos de en aves de curral, 708 en aves silvestres e 33 en aves cativas, correspondendo a España 14 en aves de curral, 68 en aves silvestres e 5 en aves cativas.

En Galicia, neste mesmo período foron notificados un total 9 de focos, todos en aves silvestres. En caso de detectar un ave silvestre afectada por un posible caso, cómpre chamar ó teléfono 012.

A diminución previsible das temperaturas nas próximas semanas, así como a existencia nestas datas das migracións anuais de aves procedentes do centro e norte de Europa e de Asia, que pasan por España na súa ruta cara a África, son factores que contribúen a que a situación de risco sexa moi elevada en Galicia e no resto do Estado, motivo polo cal se adoptaron as medidas descritas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información