Medidas a medio prazo para paliar a crise do sector lácteo

Impulsar OPL supraautonómicas, promover o consumo de leite ou avais bancarios para as explotacións lácteas en dificultades, entre as medidas que presentou a ministra de Agricultura na reunión coa INLAC. As organizacións agrarias demandan medidas a curto prazo para frear a crise de prezos que padece o sector.

Medidas a medio prazo para paliar a crise do sector lácteo

Reunión de hoxe no Ministerio

A ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, reuniuse esta mañá cos membros que compoñen a Organización Interprofesional Láctea (INLAC) para analizar a crise de prezos que afecta ao sector lácteo tras o fin das cotas. Como principais medidas anunciou, entre outras, unha liña de axudas para impulsar a constitución de Organización de Produtores Lácteos a nivel supraautonómico, medidas para o impulso do consumo e un plan estratéxico para a industria láctea.

A reunión prodúcese tras as protestas e mobilizacións que se anuncian en Galicia, a comunidade na que se produce o 40% do leite do Estado e na que se concentran os problemas do sector lácteo español: non recollida de leite nas explotacións por parte da industria, prezos por debaixo dos custos de produción en até o 20% das ganderías e ameazas de deslocalización da produción cara outras partes do Estado máis próximas aos centros de consumo.

Impulsar as OPL´s supraautonómicas

Unha das medidas estrela anunciadas pola ministra para solucionar esta situación é unha liña de axudas do MAGRAMA, dotada cun orzamento inicial de 1 millón de euros, para impulsar a creación de organizacións de produtores lácteos supraautonómicas.

Esta iniciativa incluirase no Programa Nacional de Desarrollo Rural (PNDR) pero, segundo recoñeceu a propia ministra, non poderá estar operativa antes de setembro xa que o devandito plan debe someterse ao Consello de Estado antes de contar co financiamento europeo.

O secretario de Gandería de UPA, Román Santalla, presente na reunión, asegurou en declaracións a Campo Galego que “as OPL´s supraautonómicas están ben, pero o problema é que a industria neste momento non quere sentarse a negociar nin coas OPL´s que hai xa constituídas”.

Créditos para explotacións e campaña de promoción do consumo de leite

Outras das medidas anunciadas pola ministra de Agricultura foi a posta en marcha dunha liña de créditos para as explotacións lácteas con máis dificultades; un plan estratéxico para a industria lácteo, no que se comezará a traballar a próxima semana, ou campañas de promoción de consumo de lácteos este ano e parte de 2016, en ámbitos como os colexios.

Outra liña na que Isabel García Tejerina comprometeuse é o control sobre a venda de leite a perdas por parte da distribución. Para elo, asegurou que a Axencia de Información e Control Alimentario (AICA) investigará as denuncias presentadas e actuará de oficio, xunto coas Comunidades Autónomas, a través do Plan Nacional de Controis da Contratación no Sector Lácteo.

Os produtores botan en falta medidas a curto prazo

Dende o sector produtor consideran que estas medidas son positivas, pero a medio prazo, mentres que os gandeiros en Galicia precisan medidas de carácter inmediato.

“As medidas están ben, pero son a medio prazo e o que nos demandamos son medidas a curto prazo para solucionar a situación moi difícil pola que están a atravesar entre o 15 e o 20% das explotacións lácteas galegas, que están cobrando o leite a entre 18 e 22 céntimos”, asegura Román Santalla.

“Necesitamos medidas urxentes para o 20% das explotacións”

Entre estas medidas de carácter urxente cita unha intervención pública para retirar leite do mercado e unha mediación efectiva da administración entre industria e gandeiros para que se cumpran os contratos lácteos. “Non vemos ningún motivo para desconvocar a manifestación do 17 de xullo”, conclúe.

Dende a industria láctea galega advirten de que “sen a distribución será difícil cumprir o paquete lácteo”

Pola súa parte, fontes da industria láctea galega consultadas por este xornal consideran que “estas medidas presentadas hoxe non van arranxar nada mentres non se inclúa no paquete lácteo á distribución para que se respecte a cadea de valor e cada parte, incluídos gandeiros e industria, teñan a súa parte de beneficio”.

As mesmas fontes aseguran que “a día de hoxe non temos garantías de a quen lle imos vender o leite e os produtos lácteos nin a que prezo”, unha situación que agrava pola entrada de produtos lácteos de Alemaña e Francia a baixo prezo no mercado español a consecuencia do veto de Rusia, ao que se une o incremento a produción de leite en España.

En canto ao plan estratéxico, estas fontes consideran “unha broma que a día de hoxe o MAGRAMA nos diga que imos elaborar un plan estratéxico para o sector industrial, cando isto debería estar feito hai moitos meses para estar preparados para este escenario sen cotas”.

A próxima reunión da ministra de Agricultura coa Inlac está previsto que se celebre en 15 días.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información