Media de 3800 euros na poxa de Acruga en Sarria

poxa acruga sarria 26 1A Feira do Ano, que cada ano se celebra polo San Isidro, en Sarria, é unha das citas máis tradicionais para Acruga e para a organización de poxas de xovencas preñadas. A deste ano facíase esperar e unha edición máis cumpríronse os bos resultados, cun prezo medio de 3.800 euros para as tres xovencas preñadas adxudicadas, o segundo mellor da tempada de Acruga, despois dos 3.833 euros que se rexistraron en marzo na poxa de Biomorto.

Os prezos de saída dos tres exemplares fixáronse en 2.900 euros e houbo unha vintena de gandeiros e gandeiras que sacaron o cartón que lles acredita para participar en dita poxa. Os tres exemplares procedían da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo.

A primeira das xovencas, de 25 meses e preñada de catro, presentábase á poxa cunha excelente xenealoxía, na que figuran animais da talla de Cachorro II AG/AG e Camilo AG, o que influíu en que a poxa estivese bastante disputada. Ao final, o animal adxudicouse en 3.500 euros a un gandeiro con explotación no propio municipio de Sarria.

O segundo animal levouno un criador de Láncara, que tivo que subir ata os 4.500 euros para facerse cunha xovenca de 22 meses e preñada de cinco, cunha carta xenealóxica na que figuran nomes como Adrián AG e Palmeiro AG.

Pechou a poxa, a adxudicación do terceiro exemplar de rubia galega, tamén de 22 meses e preñada de catro, que irá parar a outra explotación de Sarria, tras adxudicarse en 3.400 euros.

Como sempre, os compradores lograron unha axuda de 200 euros por exemplar adquirido, de Caixa Rural Galega.

Acompañando ao presidente de Acruga, César Dorado, e alcalde de Sarria, Claudio Garrido, estiveron varias autoridades, entre elas a xefa territorial da Consellería do Medio Rural en Lugo, Olga Iglesias. Despois de que Dorado agradecese “aos gandeiros e gandeiras o seu esforzo e traballo en favor da mellora da raza Rubia Galega”, o rexedor de Sarria definiu esta “Feira do Ano de San Isidro como a posta de longo do medio rural e do sector agrícola e gandeiro de Sarria”. Ademais, puxo en valor “a alta calidade da carne de Raza Rubia Galega” agradecendo a Acruga “o seu labor de mantemento, difusión e mellora da raza”.

A seguinte poxa organizada por Acruga será o próximo 16 de maio en Seoane do Courel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información