Media de 3.582 euros por animal na poxa de Finca Mouriscade

2026_poxa mouriscadeAs instalacións da Finca Mouriscade, en Lalín, acolleron esta mañá a quinta poxa de animais, na que se venderon un total de 17 vacas de raza frisoa dos 31 exemplares presentados, e que contaban cun prezo de saída de 1.750 euros.

O prezo medio foi de 3.582 euros por animal, con valores que oscilaron entre os 2.400 euros e os 5.000 euros máis IVE. O máximo prezo acadado foi para Mouriscade Rang Purpura Red ET, que adquirida por gandería Pena Guisande (O Páramo, Lugo) por 5.000 euros. A segunda vaca con maior cotización, Mouriscade Saturn Tortola, tamén foi adxudicada á mesma gandería por 4.500 euros.

En total participaron 27 ganderías, a maioría da provincia de Pontevedra, procedentes de Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Ademais, o interese pola poxa chegou incluso ao resto de provincias galegas, coa participación de ganderías de Lugo (Castroverde, Lugo, Páramo e Sarria) e da Coruña (Tordoia e Val do Dubra).

A Finca Mouriscade é a terceira mellor granxa de España en calidade xenética

A granxa da Finca Mouriscade está considerada nestes momentos (con datos de abril de 2026) a terceira mellor explotación gandeira de toda España e a segunda da provincia de Pontevedra. En catro anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 a alcanzar a segunda posición no índice combinado ICO.

Dende a Deputación de Pontevedra destacan que “esta clasificación avalía a calidade xenética dos animais, ademais de apuntalar o centro como unha referencia no sector agrogandeiro a nivel nacional”.

Do mesmo xeito, salientan que “confirma que as tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións, así como o traballo realizado polos profesionais do laboratorio, están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética e, como consecuencia, á mellora da eficiencia produtiva das ganderías da provincia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información