Media de 2.100 na poxa de Rubia Galega en Boimorto

Media de 2.100 na poxa de Rubia Galega en Boimorto

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) segue obtendo bos resultados nas poxas de xovencas preñadas que leva a cabo neste inicio da tempada. A tendencia á alza nos prezos, como se viu o pasado 19 de marzo na poxa de Becerreá, mantense e esta mañá en Boimorto, os cinco animais presentados a poxa foron adxudicados por riba do prezo de saída, o que supuxo pechar a poxa cun prezo de 2.100 euros.

Hai que lembrar que estes animais parten cun prezo de 1.800 euros, aínda que os compradores sempre teñen unha axuda á compra de Caixa Rural de 200 euros por exemplar. Na que hoxe non se chegaron a alcanzar as altas cotizacións que caracterizaron a poxa de Becerreá, pero si que se chegou a cantidades elevadas, como o confirman os 2.300 ou os 2.200 euros que se pagaron por dúas das cinco xovencas presentadas. Os animais foron a parar a gandeiros e gandeiras con explotacións en Monforte de Lemos, Lalín, Touro, Ribadeo e A Pobra de Brollón.

Tras a poxa de Boimorto, xa unha cita habitual no calendario de poxas de Acruga, chegaralle a quenda á de Pedrafita do Cebreiro, outra das poxas fixas, que terá lugar o próximo día 5 de abril.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información