Mazaricos díxolle adeus a 2024 da mellor forma posible: coa celebración da sétima Carreira do Leite e do oitavo Brinde Leiteiro, eventos de fin de ano onde o leite, o principal produto de Mazaricos -primeiro concello produtor de Galicia- é a estrela. A Carreira do Leite disputouse con catro categorías de idade a partir das 4 e media da tarde, e a continuación tivo lugar a entrega de premios e a celebración do brinde, diante da Casa do Concello na Picota.
Na proba deportiva, distinguida sempre polo seu bo ambiente e humor -moitos dos corredores van disfrazados con motivos alusivos ao Nadal e ao mundo gandeiro- alzáronse coa vitoria, na categoría absoluta (Vacas) Rubén Insua e Rocío Alvite. O segundo posto masculino foi para Jorge Rodríguez, e o feminino para Raquel Ramos. Completan o podio Pablo Nogueira e Banesa Atán.
Na categoría Xovencas (nadas/os entre 2008 e 2011) a vitoria foi no feminino para Helena Canosa, Noa Atán e Laura García. En masculino, Darío Lema, Daniel Vilela e Brais Carreira.
Na categoría Becerros (persoas nadas entre 2012 e 2015) subiron ao podio masculino Gael Lamas, Eugenio Martínez e Manolo Traba. En feminino, foron Carmen Canosa, Paula Fariña e Vera Atán.
Na categoría das e dos máis pequenos, Xatiños (2016-2020), o podio feminino enchérono Sofía Fariña, Mariña García e Alexandra Cerviño. O masculino, Sergio López, Yoel Castro e Asier Pérez.
Logo da entrega de premios, que incluíron cestas agasallo de Feiraco e da Casa Grande de Xanceda, procedeuse ao brinde leiteiro. Ao comezo do mesmo léronse bos desexos para toda a veciñanza.