Material necesario para enxertar o viñedo

Neste artigo, Francisco Rego, técnico xubilado da Evega, informa sobre o material necesario para realizar a enxerta en viñedo, unha profesión, a do enxertador profesional, cunha importante demanda.

Publicidade
Material necesario para enxertar o viñedo

Material necesario para o enxertador profesional

Despois de explicar no anterior artigo os tipos de enxerta e as claves do éxito en cada unha delas, abordarei neste outro aspecto non menos importante, o dos materiais necesarios para a enxertía de inverno

Unha boa navalla de enxertía é imprescindible. A folla, mellor de aceiro ao carbono, tras o afiado ha ter un bo corte que ademais debe durar, sendo capaz de executar moitos enxertos sen necesidade de andar corrixindo o fío a cada pouco. Cousa aparte son os pases de limpeza, para simplemente tirar os residuos vexetais que se van acumulando no fío ao ir enxertando. Pedras de gran moi fino, coiros ou tacos de madeira pulida impregnados de arxila moi fina cumpren este fin.

As navallas de enxertía de máis sona son as de Solingen (Alemania). Referente ás que teño manexado, debo dicir que ben merecida. Hai igualmente algunha francesa moi recoñecida.

As navallas de enxertía teñen formas e tamaños variables, segundo os métodos para os que vaian ser destinadas. En xeral, para métodos invernais con especies nas que haxa que labrar pugas grosas e de madeira dura requiriranse navallas máis grandes e robustas. Unha boa navalla precisa dunha boa pedra de afiar. Unha navalla mal afiada ou de mala calidade é perigosa para quen a manexa.

As navallas de enxertar, dependendo do fornecedor, hai veces en que veñen case que prontas para traballar e outras en que hai que botar bastante tempo en preparalas ata deixalas cun fío conforme é debido.

Caso de ter que axeitalas, comezarase cunha pedra de gran algo groso, para desbastar, e continúase con outra máis doce. Unha de grao moi fino irá ben para o afinado e sentado final.

Exemplos de pedras naturais, se non se dá encontrado unha boa autóctona, son as de Arkansas ou as das Ardenas, estas non hai moitos anos usadas polos barbeiros. Son caras, pero coidándoas duran moito tempo. É bon andar con tento para non extravialas nen que caian en duro e rompan. Hai pedras artificiais xaponesas de distintas finuras de gran que segundo teño ouvido van bastante ben. Estas pedras xeralmente teñen forma rectangular. No comercio poden presentarse como pedra única ou viren con dúas caras distintas. A sueca Fallkniven de diamante/cerámica é un exemplo.

Hai pedras que afían con auga e outras con aceite. Depende de que material sexan, pero en xeral cando só e necesario dar leves correccións non fai falta mollalas. As follas das navallas de enxertía poden ser afiadas polas dúas caras ou ben afiadas por unha e asentadas pola outra. As segundas (fío con bisel a modo de trencha) son as que conseguen cortes máis rectos.

As follas afiadas por un lado deben entrar na madeira de xeito que a parte asentada (plana) cadre do lado da vara e por tanto a afiada (biselada) do lado de fóra. De facelo ao revés, o corte tende a curvarse como querendo “escapar” cara fóra.

¿Cortar tirando cara o peito ou cara fóra?

Hai enxertadores que cortan tirando cara ao peito mentres que outros (a maioría dos que eu coñezo) cortan cara a fóra. Tamén se debe considerar que hai persoas destras e zurdas.

As follas das navallas de Solingen e algunhas francesas, italianas e portuguesas veñen co bisel preparado para enxertar tirando cara ao peito. Se un enxertador opera cara a fóra e sen embargo lle gusta un modelo que ven preparado para tirar en sentido contrario, mellor que andar a perder o tempo en desbastar a navalla para cambiarlle o fío, lle será solicitar un exemplar dese mesmo modelo na versión para zurdos, que ven biselada ao contrario.

Cando se enxerta tirando cara a dentro os que se inician teñen temor a esgazar a roupa ou mesmo a ferirse no peito. Non ten por que pasar. Deberá ser a man esquerda (ou a dereita nos zurdos) a que , agarrando fortemente a puga, puxe cun movemento enérxico cara fóra. Por contra, a man dereita, que é a que porta a navalla (ou a esquerda nos zurdos) só ten que direccionar a folla para facer o corte que conveña, e facer firme para que fique case que inmóbil no sitio.

Cando se corta cara fóra é a man esquerda (ou a dereita nos zurdos) a que ten que que termar fortemente da vara con tres dedos é o polgar. O dedo índice, estendido, fai forza na parte inferior da vara para mantela afirmada. Para que os cortes fiquen ben, deben darse de tal xeito que a navalla avance precisamente por riba da cabeza do índice. Os novatos non as teñen todas consigo en canto a integridade deste dedo. Un dedal ou unhas voltas con esparadrapo darredor da punta do índice son ideais para coller confianza e así en pouco tempo rematarase prescindindo destas proteccións.

As navallas de enxertía de Taramundi que manexei veñen afiadas polas dúas caras, co que non é preciso fixarse de que lado do fío está o bisel. Unha boa navalla afiada polas ambas as dúas caras tamén pode facer cortes rectos, con bon pulso e algo máis de práctica.

¿Para que traballos da enxertía se pode utilizar un cutter?

Os cutters non teñen mangos ergonómicos como os dunha boa navalla, pero para facer uns poucos enxertos cumpren de sobra a función. A súa lámina é intercambiable. Está integrada por varios tramos, que se poden ir separando segundo se van gastando. É preciso adquirir modelos que permitan asegurar a folla firmemente á guía, para que non “baile” ao traballar con ela. Axustarase para que só sobresaian do mango uns 2-3 cms. Só serven para labrar as pugas.

Aínda que veñen bastante ben de fábrica, un bon afiado á parte da lámina que vai sobresaíndo da guía non está de máis.

A folla dos cutters é cortante pero moi fina. Non resiste a presión que hai que exercer para fender ou cortar patróns leñosos grosos e duros. Ao tentar facelo é seguro que vai romper pola físgoa que a une ao tramo seguinte. Por tanto, en métodos nos que é preciso fender madeira dura, o cutter fará o traballo máis delicado, o de labrar as pugas, combinando con outro instrumento de corte máis robusto para abrir o portaenxerto.

Máquinas manuais para as enxertías de campo

Nos comercios do ramo atópanse máquinas manuais para as enxertías de campo. Son interesantes para quen non se dea habituado a enxertar a man. Nos últimos tempos téñense perfeccionado bastante. É importante que o mecanismo produza un bon efecto multiplicador, a fin de que as coiteliñas entren a velocidade para que corten e non esmaguen. É bon que se poidan afiar e que haxa recambios.

Moitas destas máquinas funcionan premendo coa man como se fai coas tesoiras de poda. Non todos temos a mesma forza nas mans, e despois de repetir e repetir ven o cansazo e pode acontecer que os cortes xa non saian tan ben. Por isto mesmo sería conveniente que as casas comerciais que as venden dean a posibilidade de facer probas sobre vides para que cada cliente poida apreciar que tal se sente con elas, e de escoller, se ofrecen máis dun modelo.

Existe un modelo antigo que serve para facer cuñas. Ven sendo como unha garlopa que se desliza por uns raís engraxados. Para colocar as pugas leva integrada unha prancha con varios encaixes de distintas fonduras, redondos e planos, para adaptar aos diversos grosores. Colocada a puga, a coitela dá un primeiro corte. Despois xírase media volta e colócase a parte labrada nun encaixe plano, para rematar o labrado da cuña cun segundo corte. O traballo desta máquina, aínda que pareza lento, porque haxa que dar dous cortes, é bastante perfecto, porque a forza e a velocidade de acción así o propicia.

As boas navallas de enxertía son caras. Por isto mesmo antes de compralas sería bon asesorarse en cursos prácticos ou acompañando no traballo a un enxertador veterano. Deste modo o aprendiz irá coñecendo cal é xeito de operar que mellor lle vai e en consecuencia que material lle convén adquirir.

Despois de ter estas nocións básicas, e xa fornecido do material adecuado, será o momento de recoller uns feixes de vides das que se retiran na poda. Aproveitando horas mortas, durante varios días, sentado tranquilamente nun lugar recollidiño e practicando con toda a calma, será a mellor maneira de irse familiarizando cos instrumentos, gañando práctica, ou sexa precisión nos movementos e por tanto calidade nos cortes resultantes. “Facer man” como din os enxertadores.

Tesoiras de poda

Unhas tesoiras de poda ergonómicas e con folla de bon aceiro van ser as outras compañeiras imprescindibles do enxertador, a hora de recortar, limpar varas e decotar os patróns. Cando estes son grosos, unha serra viñeira ou froiteira, que as hai de magnífico corte, fará perfectamente o seu cometido.

Ataduras, material de cobertura, sachos para tapar e titores

Sobre os materiais de atado e a cobertura estenderémonos no apartado do enxerto de cuña. Nos métodos en que os enxertos se cobren con terra é fundamental que o operario que manexa o sacho sexa extremadamente coidadoso. Movementos mal dados poden tocar e mesmo mover algunhas pugas, botando a perder un traballo previo ben feito.

Hai quen prefire os sachos de contorno redondeado antes que os cadrados, pero a esencia está na pericia de quen acugula a terra.

Relativo aos titores, estes pódense espetar tanto para evitar que os animais movan os enxertos como para guiar as agromadas despois do prendemento.

Nos métodos en que o enxerto se tapa con terra, mellor será cravar previamente a estaca, coa unión á vista. De facelo despois haberá que ter coidado de apuntar ben, para non derramar o traballo feito.

Os pertrechos do enxertador

A enxertía é un traballo duro, continuo. Non é raro que por culpa dunha climatoloxía inestable o número de días útiles fique bastante reducido.

Como consecuencia, o tempo apremia e os horarios de sol a sol son habituais, habendo de sumar as horas nocturnas e as do amencer empregadas para a preparación de enxertos e postas a punto do instrumental. Períodos de frío, de calor, de humidades, de ventos…pode aparecer de todo. Cómpre apertrecharse adecuadamente ao que veña.

Chapeus ou gorras, boa roupa de abrigo, impermeables para os días de orballo, botas térmicas, luvas das que deixan libres os dedos, chalecos ou macacos con petos amplos para gardar materiais de traballo diversos…etc.

A enxertía a nivel do chan esixe baixarse e levantarse cada vez que se pasa dunha planta a outra, que son moitas veces no día. Hai enxertadores que traballan de xeonllos e outros sentados. Os xeonllos sofren moito e coñezo máis dun enxertador que comezou o oficio axeonllándose e rematou sentándose. Xeonlleiras, que se atopan nas ferretarías, ou coxíns forrados de lona ou calquera outro material semellante para sentarse, son imprescindibles para estes profesionais.

Unha cesta lixeira e de material resistente, convenientemente departamentada para transportar materiais e pugas, debe acompañar ao enxertador, principalmente se os departamentos do chaleco ou macaco son insuficientes ou inadecuados para o sistema de traballo empregado.

Isto en tempo fresco. En días de calor o uniforme dos enxertadores irá alixeirándose, en adecuación á época. Ao mesmo tempo haberá que ter especial mimo co material vexetal. As varas que van dar lugar aos enxertos han de conservar a súa humidade, non permitindo que se resequen. Recepción a cada pouco de remesas de material procedente de sitio fresco, fornecido por un asistente, ou a disposición á beira dun balde de auga que manteña a humidade das varas son alternativas a considerar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información