As masas forestais antes da maduración son as que máis carbono secuestran

Unha investigación da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC demostra que as masas forestais ‘moi maduras’ non son as que máis carbono acumulan

Publicidade
As masas forestais antes da maduración son as que máis carbono secuestran

O enxeñeiro Juan Alberto Molina Valero xunto ao tribunal da súa tese

O enxeñeiro Juan Alberto Molina Valero demostra na tese de doutoramento ‘Modelización da perturbación sobre o stock de carbono en masas naturais a partires do IFN e datos de teledetección, para a avaliación dos efectos das perturbacións’ que as masas forestais ‘moi maduras’ non son as que acumulan máis carbono, senón que esta capacidade corresponde a masas que se atopan en estados anteriores de maduración.

Esta investigación, desenvolvida ao abeiro do proxecto Forestchange, financiado na convocatoria Retos da Axencia Estatal de Investigación, foi dirixida polos profesores e investigadores do grupo Uxafores da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra César Pérez Cruzado e Juan Gabriel Álvarez.

A estimación do grao de madurez dos bosques relacionada coa súa capacidade de almacenamento de biomasa ou carbono é considerada un dos temas máis importantes relativos á ordenación e planeamento forestal nas políticas e estratexias forestais máis recentes, subliña Molina Valero, que explora na súa tese de doutoramento estas relacións, á vez que considera o uso do stock máximo de biomasa a nivel de rodal como unha aproximación á madurez da masa a través do gradiente da calidade da estación, como unha medida que pode ser plausiblemente estimada a partir de datos do Inventario Forestal Nacional (IFN).

As pescudas realizadas por Molina Valero encadran coas premisas fixadas no proxecto Forestchange, cuxo obxectivo se centrou na definición de referencias de estados de desenvolvemento forestal que permitan o seu emprego en monitorización a gran escala de degradación forestal e para coñecer o seu efecto sobre a dinámica do carbono, de niveis de xestión forestal e de provisión doutros servicios ecosistémicos habitualmente asociados a masas maduras.

O doutor formado na EPS de Enxeñaría tamén explorou na súa investigación de doutoramento, un estudo para o que empregou datos de masas de pino do IFN, ademais dun conxunto non probable de parcelas maduras, o desempeño de metodoloxías independentes da idade para a caracterización da calidade de estación, tales como os índices de forma e de sitio.

A tese inclúe asemade un estudo sobre un índice baseado na biomasa aérea para a caracterización do grao de madurez e compara os seus resultados cos obtidos en análises de dendrocronoloxía, ao tempo que desenvolve un paquete do software estadístico libre R para procesar e analizar datos de escáner láser terrestre (TLS), a fin de permitir o seu uso no Inventario Forestal.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Juan Alberto Molina Valero estivo presidido pola enxeñeira de Montes Isabel Cañellas Rey de Viñas, do INIA-CSIC. A investigadora do Instituto Noruego de Bioeconomía Clara Antón Fernández, e o catedrático da USC Roque Rodríguez Soalleiro, completaron a composición dun xurado que outorgou a esta investigación de doutoramento a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información