Marta Forés, Manuel Francisco, e Luisa Piñeiro toman posesión como novos altos cargos de Medio Rural

A titular de Medio Rural destacou a valía e profesionalidade das novas incorporacións e agradeceu os servizos prestados polos cargos saíntes, que cesaron a petición propia

Marta Forés, Manuel Francisco, e Luisa Piñeiro toman posesión como novos altos cargos de Medio Rural

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, acompañada polos novos cargos, Manuel Francisco Gutiérrez, Marta Forés e Luisa Piñeiro (De esquerda a dereita).

A Consellería de Medio Rural conta con novos altos cargos. En concreto, trátase da nova secretaria xeral técnica, Marta Forés, do novo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutiérrez, e da nova directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.

Durante o acto de toma de posesión, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou a valía e profesionalidade destas novas incorporacións e agradeceu os servizos prestados polos cargos saíntes, que segundo a Xunta cesaron a petición propia. Pola súa banda, os nomeados agradeceron a confianza depositada neles pola titular da Consellería e reafirmaron o seu compromiso a prol do medio rural galego.

Neste contexto, María José Gómez quixo recoñecer “o coñecemento, o talante e a profesionalidade” dos tres cargos que hoxe se despediron e insistiu en agradecer a súa “dedicación as 24 horas do día, os 365 días do ano”, nunha consellería especialmente “ampla e diversa”.

Así, Marta Forés, que substitúe no cargo de secretaria xeral técnica a Jorge Atán, acumula unha ampla experiencia dentro de Medio Rural. Leva vinculada a esta Consellería dende 2006, ocupando diferentes responsabilidades, a última delas a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico. Forés é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e funcionaria de carreira, no Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia.

Pola súa banda, Manuel Francisco Gutiérrez releva a Manuel Rodríguez como novo director xeral de Defensa do Monte. Tamén cun prolongado percorrido dentro da Consellería, desempeñaba ata o de agora, e dende o ano 2009, o cargo de xefe do servizo de Prevención de Incendios Forestais en Pontevedra. É enxeñeiro técnico forestal pola Universidade Politécnica de Madrid e funcionario de carreira con máis de trinta anos de experiencia na dirección, planificación estratéxica e coordinación das políticas públicas de defensa do monte e prevención dos incendios forestais en Galicia.

Luisa Piñeiro é a nova directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, en substitución de José Luis Chan. Ata o de agora, e desde 2022, era a directora-xerente da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga). Ten a titulación de enxeñeira técnica de industrias forestais pola Escola de Pontevedra e o Master en Consultoría e Verificación Medioambiental do Instituto de Investigaciones Ecológicas de Málaga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información