A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense participou esta semana nas primeiras sesións de traballo para a implantación na Mariña do Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas (MISEA), unha iniciativa impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo a través de SEGITTUR.
A Mariña foi o único destino galego seleccionado para participar neste programa, do que tamén forman parte a Deputación de Cáceres, a illa de Fuerteventura, o municipio de Deltebre en Tarragona e Valencia, todos membros da Rede de Destinos Intelixentes.
Trátase dun proxecto que ten como obxecto motivar a participación do sector primario no sistema turístico local, estruturando experiencias agroturísticas sostibles e atractivas que, sen distorsionar a actividade principal, xeren ingresos ou ventas directas e indirectas, contribuíndo a dar visibilidade aos produtos, capaces de enriquecer e diversificar a oferta do destino.
No proceso de implantación deste programa, os técnicos responsables aportarán asesoramento a produtores do sector gastronómico para a creación e optimización de experiencias turísticas e tamén aportarán un plan de acción conxunto e de destino para consolidar a súa integración no sistema turístico.
Primeiros pasos na Mariña

O proxecto arrincou na Mariña o pasado martes 25 de novembro cunha xornada de traballo na que participaron técnicos da Mancomunidade e un grupo de 10 produtores e empresas seleccionadas.
A xornada do martes estivo estruturada en dúas sesións: un encontro co chamado “Grupo de contraste” e un obradoiro de formación para a creación de experiencias dirixido a un grupo de axentes locais seleccionados para conformar un escenario diverso e representativo.
A reunión do “Grupo de contraste” contou coa presenza de representantes de Turismo Slow norte de Galicia, Colectivo de Gastronomía da Mariña, Cooperativa Terras da Mariña/IXP Faba de Lourenzá, GDR Terras de Miranda, membros da mesa de calidade do SICTED na Mariña, unha axencia de viaxes e os centros de formación IES de Foz e CFA Pedro Murias de Ribadeo. Así, completouse un abano de profesionais experimentados que, a través da colaboración activa e o intercambio de ideas, achegaron o enfoque e a perspectiva local ao proxecto, contribuíndo á súa boa implementación.
Pola súa parte, o primeiro obradoiro de formación conxunta para a creación de experiencias agroturísticas foi participado por 10 produtores e pequenas empresas transformadoras e comercializadoras do destino. Foi un encontro intenso e dinámico no que se abordou o perfil do promotor como anfitrión e empresario, as boas ideas como punto de partida, os clientes, a construción das experiencias dentro do modelo sostible e a súa axeitada xestión. Estes axentes recibirán ao longo desta semana asesoramentos personalizados para traballar de forma mais concreta sobre as experiencias que desexen motivar ou mellorar.
A implantación do modelo continuará ata o mes de abril con novas sesións colectivas e asesoramentos individualizados para avanzar na elaboración destas experiencias agroturísticas, que favorecen a consolidación dun modelo de turismo máis sostible ao que se aspira desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.
Galego






Control OJD