A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Mardomo SC acolleu unha xornada técnica sobre a profesionalización no manexo de vacas Fleckvieh

Nutrición, manexo, xenética, funcionalidade, conformación e eficiencia produtiva foron os aspectos abordados na xornada formativa sobre vacas da raza fleckvieh que tivo lugar na granxa Mardomo SC de Sarria. O evento estivo organizado por geneticAUSTRIA GmbH, Fleckvieh Austria, Rinderzucht Austria e o representante oficial en España, Ganados Barreira Bascuas S.L.

MARDOMO

Compartir coñecementos prácticos sobre a raza Fleckvieh e o seu dobre propósito cárnico e lácteo e as novas estratexias de produción orientadas ao futuro da gandería europea foron outros aspectos abordados na xornada en Vilar de Sarria.

Prestouse especial atención a pequenas técnicas e tecnoloxías sinxelas e de fácil aplicación que redundan nun incremento da produción leiteira e, por tanto, na conta de resultados da explotación. Sobre todo no tocante ao manexo da alimentación, das instalacións e da saúde das vacas.

Por exemplo, falouse da necesidade de establecer unha frecuencia constante de arrimado da ración nos comedeiros e de controlar a temperatura desa ración para que resulte o máis apetecible posible. Ou do tamaño de picado dos elementos da ración e da densidade que deben ter os silos tanto de millo como de herba.

A explotación

Mardomo SC, en Vilar de Sarria, leva 10 anos producindo leite con vacas fleckvieh. A lonxevidade dos animais e os elevados índices de sólidos son os sinais de identidade dunha explotación que xa traballa para ampliar instalacións e produción.

Marcos fixo de anfitrión da visita nesta granxa que conta con 65 exemplares en ordeño e outras 15 secas. O obxectivo destes gandeiros é afondar na profesionalización do manexo e chegar a ter 110 animais muxidos e un segundo robot. Polo de agora seguen tendo a sala de ordeño operativa para non saturar o dispositivo robotizado.

Os niveis de sólidos móvense entre 4,35 e 4,50 de graxa de forma constante. A proteína sitúase en 3,5 e as células somáticas non soben de 160, con picos de 1,20. Os cruzamentos cárnicos fanse con azul belga.

“A día de hoxe hai un bo prezo para os xatos de 15 ou 21 días. No caso das fleckvieh o prezo que cobramos é maior porque a calidade cárnica da raza e o potencial de crecemento é moi superior ao doutras razas que se empregan na produción de leite.”

O número de partos por vaca é outro dos elementos que levou a a Mardomo SC a optar polas vacas fleckvieh. “4 partos é o mínimo que logramos. E temos moitos exemplares de 5, 6 e 7 partos. Coa anterior raza que usabamos era moi raro superar os 2 partos. Eso incide moito na rendibilidade.”

Por outra banda, o fluxo das fleckvieh amosa unha constancia difícil de acadar con outras razas. É decir, os litros que produce o animal non presentan diferencias significativas entre o primeiro e o último parto. Algo que é de moita axuda á hora de facer estimacións produtivas.

Vera Hinteregger e Alexander Manrique explicaron cuestións relativas á sanidade das fleckvieh

Vera Hinteregger e Alexander Manrique explicaron cuestións relativas á sanidade das fleckvieh

Na explotación traballan unha superficie de 31 hectáreas. A metade son propias e o resto arrendadas. O habitual é destinar 15 ou 16 desas hectáreas a millo alternando con herba forraxeira e o resto só herba.

A selección xenética é un piar fundamental na granxa. Dese xeito, todas as femias fleckvieh que nacen dos cruzamentos con touros austríacos quedan para recría. Non se desbota vender animais de alta xenética o día de mañá pero, polo de agora, todas as xovencas son necesarias.

A estratexia reprodutiva de Mardomo SC vai en dúas liñas. Por un lado aplican seme de touros de calidade contrastada seleccionados por geneticAustria e, por outro, mercan xovencas cando o mercado ofrece a posibilidade de incorporar animais de elevado nivel produtivo.

Por índices de produción e número de vacas, Mardomo SC é unha das granxas leiteiras con vacas fleckvieh máis grandes de España. Como en calquera outra granxa, as obras que se acometeron para ampliar e mellorar as instalacións supuxeron unha merma produtiva puntual que xa se está a corrixir.

Pola rusticidade das vacas fleckvieh, non é preciso incluír na ración elementos que axilicen a dixestibilidade. Así, os animais consumen unha media de 3 quilos de concentrados cando pasan polo robot. Na corte, a alimentación das vacas produtivas leva outros 8 quilos de concentrados, 20 de silo de millo e 15 de silo de herba.

O alto nivel de sólidos fai atractiva a produción de Mardomo SC para as queixerías. Por eso, levan anos vendéndolle o leite a Entrepinares. “O noso leite non é mellor nin peor que o doutras granxas. É diferente. E eso é algo que o mercado premia”, di Marcos.

O gandeiro destaca que a cantidade de litros por animal é equiparable á doutras razas (en Austria están acadando 48 litros vaca/día) e o nivel de sólidos marca a diferencia. “Ademais son vacas de manexo moi sinxelo. Son moi mansas e adáptanse moi rápido. Sen esquecer que a súa condición corporal fainas moito máis resistentes a doenzas habituais nas estabulacións que outro tipo de razas.”

Jonas Schiffer deu conta dos aspectos clave no manexo das racións

Jonas Schiffer deu conta dos aspectos clave no manexo das racións

Problemas habituais na produción de leite en sistema intensivo como as mamites, mastites ou enfermidades das patas son moi pouco frecuentes coas fleckvieh. “Sempre pode haber algún caso illado, pero tamén chama a atención a capacidade de recuperación e o pouco tempo que lles leva sanar.”

Na visita participaron Vera Hinteregger, do departamento de Asuntos Veterinarios de Rinderzucht Austria, Jonas Schiffer, enxeñeiro nutrólogo de ISUBA, Alexander Manrique Gómez, zootecnista e director de vendas de geneticAUSTRIA GmbH e Antonio Barreira, director executivo de Ganados Barreira Bascuas S.L. Todos eles coincidiron en sinalar que a fleckvieh moderna “está hoxe en capacidade de competir con calquera raza especializada, tanto leiteira como cárnica.”

Alexander Manrique subliñou que “no caso do leite, máis alá de producir litros, o modelo fleckvieh aposta por vacas capaces de transformar de xeito máis eficiente os recursos. Destacando a lonxevidade, fertilidade, saúde podal e resistencia metabólica”.

Coñecendo a raza

Rafael Alves chegou dende Brasilia (Brasil) para estudar Enxeñería Agrónoma no Campus Terra da Universidade de Santiago. Mediante Campo Galego tivo coñecemento da xornada de Sarria e quixo participar para coñecer un modelo diferente dos que son habituais no seu país.

“No Brasil e en toda América a raza fleckvieh é coñecida como “simmental”. Tiña coñecemento teórico de experiencias con este tipo de gando e quixen vir comprobar como é o manexo, os rendementos e o traballo diario.”

Alves destacou a alta produción leiteira e a capacidade cárnica das vacas de Mardomo SC. “Sorprendeume o alto nivel produtivo de leite e o tamaño dos animais. E, sobre todo, a posibilidade que ofrece o gando de optar por leite ou carne simplemente cambiando a alimentación. Algo imposible con outras razas.”

O rapaz destacou a alta tecnificación das instalacións de Mardomo SC. “No Brasil todo é en extensivo polo tamaño do país. Sorprende ver nesta granxa o nivel de eficiencia produtiva que se acada con relativamente poucas vacas e en espazos limitados. Entendo que, con outras razas, sería moito máis complexo.”

A familia de Adrian Vega cría vacas fleckvieh de orientación cárnica en Cabezón de la Sal (Cantabria). Como estudante de Veterinaria no Campus Terra da Universidade de Santiago, Adrián quixo participar na xornada para comprobar as posibilidades leiteiras das fleckvieh.

Rafael Alves analizou as posibilidades de extrapolar o modelo de Mardomo a granxas brasileiras

Rafael Alves analizou as posibilidades de extrapolar o modelo de Mardomo a granxas brasileiras

“Xa hai 8 anos que comezamos a traballar coas fleckvieh. Calquera novidade sempre é difícil de xestionar pero unha viaxe a Austria que organizou Ganados Barreira serviunos para comprobar os rendementos e a adaptabilidade das vacas. Dende aquela tivémolo claro.”

Adrián considera que a produción leiteira en España está excesivamente centrada nunha raza e a cárnica noutra. Por eso, leva tempo indagando sobre o Dobre Propósito que ofrecen as fleckvieh. De feito, non desbota dar o paso de producir leite a medio prazo.

“Estou convencido de que a produción de leite ten moitísimo futuro. Porque a demanda de lácteos non deixa de medrar. Nas fleckvieh temos unhas vacas de altos rendementos e, sobre todo, rendementos de calidade. Sen esquecer que o seu manexo e a súa sanidade son moito máis sinxelos que con outro tipo de vacas.”

Adrián Vega considera que a produción leiteira das fleckvieh ofrece enormes posibilidades

Adrián Vega considera que a produción leiteira das fleckvieh ofrece enormes posibilidades

Vega destacou o labor de asesoramento e acompañamento que recibe de geneticAustria e de Ganados Barreira Bascuas. “Polas razóns que sexa, non hai unha estrutura formativa nin asesora sobre fleckvieh en España. O traballo destas empresa facilítanos moito o traballo e as decisións que determinarán a viabilidade da explotación.”

O traballo xenético, di o rapaz, é crucial. “Porque temos liñas de aptitude leiteira con vacas de ata 60 litros diarios e liñas cárnicas de ata 400 quilos/canal en xatos de 12 meses. E, adiferencia de outras razas, temos a posibilidade de combinar esas dúas liñas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *