O selo Galega 100%, que acredita a orixe do leite e estándares de calidade superiores, vén de cumprir 15 anos de luces e sombras. É unha marca de garantía impulsada pola Consellería do Medio Rural que naceu co respaldo de todo o sector, pero que nos últimos anos foi perdendo adhesión de parte das industrias, que deixaron a marca.
A idea de ‘Galega 100%’ é que o consumidor poida identificar os lácteos galegos de calidade a través do selo da marca, presente no etiquetado. É un selo que acostuma a cobrar especial relevancia durante as periódicas crises de prezos do leite, sobre todo cando aumentan as importacións de lácteos e o sector demanda un maior compromiso do consumidor cos lácteos galegos.
O selo naceu co respaldo do conxunto das industrias lácteas da comunidade, pero parte delas optaron por retirarse do selo nos últimos anos. É o caso de Leche Celta, Feiraco, Clesa ou Lactalis, que abandonaron o selo voluntariamente.
Como principais referencias de Galega 100% continúan o Grupo Leche Río, Naturleite, Capsa (Larsa) e Deleite, así como pequenos proxectos de transformación (Lácteos de Friol, Quintián, Kalekoi e Puluán), ós que suma agora a Cooperativa Hoxe (Lalín).

Imaxe promocional da marca, co selo Galega 100% nos vasos.
En canto ás industrias que se retiraron da marca, ese abandono implica que as empresas son agora libres de envasar, xunto co leite galego, leite do resto de España ou importado. En calquera caso, a normativa ministerial obrígaas a etiquetar a orixe do leite, precisando se é de orixe España ou de orixe UE (normalmente de Portugal ou Francia).
As industrias que deixaron voluntariamente Galega 100% tamén son libres de envasar leite que non chegue ós estándares superiores de calidade esixidos pola marca de garantía, que é xestionada polo Laboratorio Interprofesional de Análise do Leite (Ligal).
Medio Rural respalda a aposta da cooperativa Hoxe por Galega 100%
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou este luns as instalacións da queixería Hoxe, en Lalín, onde reivindicou a importancia de potenciar o valor engadido dos produtos lácteos galegos mediante o selo Galega 100 %. A responsable autonómica animou ás industrias do sector a incorporar este distintivo para facilitar ás persoas consumidoras a identificación dos produtos galegos de calidade diferenciada.
Gómez explicou que o selo Galega 100 %, ademais de poder empregarse no leite líquido, tamén se aplica a derivados lácteos como o queixo en barra elaborado por cooperativas como Hoxe, con materia prima procedente de Galicia. Segundo salientou, a presenza deste distintivo permite identificar rapidamente produtos sometidos a estritos controis de calidade e trazabilidade, con elevados parámetros hixiénicos e sanitarios.
O selo, xestionado polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e promovido pola Xunta, ten como finalidade poñer en valor a produción láctea galega e ofrecer ás persoas consumidoras unha referencia clara sobre a orixe e a calidade dos produtos.
Durante a visita, a conselleira puxo a cooperativa Hoxe como exemplo da capacidade de transformación e xeración de valor da industria láctea galega. A empresa traballa con máis de 100 explotacións da súa contorna, transforma aproximadamente 40.000 litros de leite cada día e produce máis dun millón de quilos de queixo ao ano.
Unha parte importante desta produción está amparada polas denominacións de orixe protexidas Queixo Tetilla e Arzúa-Ulloa, reforzando así a aposta pola calidade e pola transformación da materia prima galega na propia comunidade.
A visita contou tamén coa presenza dos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.
Galego










Control OJD