O proxecto “Do mar e da terra” presentouse o venres 11 de outubro na sede da Deputación da Coruña. Cristina Capelán, deputada provincial de Mar e Medio Rural, destacou “o valor de difundir entre a mocidade os exemplos de innovación, calidade, éxito e compromiso co rural que existen na provincia da Coruña”.
“O emprendemento no mundo do mar e do agro é clave para impulsar e diversificar a economía local e fortalecer o tecido social, garantindo o futuro das mozas e mozos no rural da provincia da Coruña”, afirmou Capelán.
“Para a Deputación da Coruña, é estratéxico contribuír a poñer en valor o rural e os seus recursos, como forma de combater o despoboamento e favorecer a igualdade de oportunidades no territorio”, subliñou a responsable provincial de Mar e Medio Rural.
Capelán tamén quixo destacar como moita da xente nova que están nas escolas e institutos son “actores clave do noso futuro compartido”, polo que é necesario ensinarlles como poden “construír ese futuro desde o seu contorno máis próximo”.
#DoMaredaTerra destaca o exemplo de produtores da provincia da Coruña que demostraron o éxito dos seus proxectos, algúns deles dando o paso para transformar tamén o seu produto de calidade ou establecer sinerxias con outros emprendedores.
#DoMaredaTerra salienta tamén factores chave como a importancia crecente dos criterios de sustentabilidade neste camiño de emprendemento ou o decisivo protagonismo da muller neste compromiso na procura de oportunidades para o futuro do rural. “A importancia dos nosos sectores produtivos primarios como vertebradores e fortalecedores do noso tecido social e económico queda reflectido nesta iniciativa #DoMaredaTerra”, afirmou Cristina Capelán.

Do Mar e da Terra conta diversos paneis expositivos que percorrerán varios concellos coruñeses.
Material didáctico interactivo para as escolas
#DoMaredaTerra conta cunha mostra con paneis expositivos que percorrerán varios concellos coruñeses nos vindeiros meses, ademais de material didáctico interactivo adicional.
Trátase de material completamente interactivo, accesible a través de computador, tablet, smartphones ou pizarra electrónica. Estes contidos educativos foron deseñados para realizar unha sesión didáctica completa nas aulas de primaria e secundaria.
Estas propostas buscan fomentar a creatividade e a iniciativa, ao tempo que promoven valores relacionados coa educación para o consumo responsable, o desenvolvemento sustentable e a igualdade entre mulleres e homes.