A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Maquinista de procesadoras e autocargadores forestais, unha profesión con futuro

Maquinista de procesadoras e autocargadores forestais, unha profesión con futuro

Alumnado facendo prácticas no curso impartido por Forma-T

O sector da corta e procesamento forestal está a experimentar unha importante transformación nos últimos anos: a procura dunha maior seguridade laboral, dunha maior produtividade e a dificultade para atopar motoserristas están a empuxar ás empresas madeireiras a apostar pola incorporación de procesadoras e autocargadores forestais.

Esta transformación implica unha importante demanda de maquinistas, un persoal especializado do que se require non só destreza e rendemento, senón tamén un completo coñecemento destas máquinas, altamente informatizadas, para poder realizar tamén o mantemento e acometer reparacións.

Neste sentido, en Galicia está a levarse a cabo unha iniciativa pioneira en formación, na que participan ENCE; o Grupo Forma-T, na parte formativa; a empresa de servizos forestais Casefor (Capacitación de Servizos Forestais), na parte de inserción laboral, e Forest Pioneer, como empresa referente en España en venda de equipos forestais. A empresa de fabricación de celulosa ENCE patrocina este programa de formación a través do seu programa social.

Grupo Forma T

O curso de “Maquinistas: Procesadora e Autocargador Forestal” impártese nas modernas instalacións do Grupo Forma-T no polígono industrial de Vilalba (Lugo). A actividade, financiada pola Xunta de Galicia a través da AGACAL, ten unha duración de 300 horas teóricas pero sobre todo prácticas, en xornadas de 8 horas de luns a venres e a segunda edición finalizará en decembro, estando prevista unha próxima no mes de Febreiro.

“É a única formación con maquinaria real, non só con simulador, que se imparte no Noroeste da Península. De feito, neste curso o 70% da formación é práctica e con formación tanto nun autocargador como nunha procesadora que están nunha finca forestal preto do noso centro de formación”, destaca Óscar Iravedra, profesor deste curso.

Os alumnos comezan primeiro as prácticas no simulador para coñecer o funcionamento dos mandos e unha vez que adquiren destreza e os coñecementos requiridos pasan a realizar prácticas en maquinaria real, cedida por ENCE e de cuxo mantemento se encarga Forest Pioneer.

“Dividimos os alumnos en grupos de 5 e o 50% da súa formación é en maquinaria real, un autocargador Logset A5 F e unha procesadora EcoLog modelo 560C”, detalla.

O curso ten unha cota máxima de 15 alumnos e está previsto que o día 30 deste mes comece outro financiado por ENCE para 9 alumnos, que finalizará en decembro. Para o mes de febreiro está previsto que comece unha nova actividade formativa.

A demanda é alta para acceder a esta formación cunha gran saída laboral e que ademais é gratuíta ao estar subvencionada pola Xunta e polas empresas.

“Para este curso presentáronse algo máis de 100 solicitudes pero só puidemos admitir a 15, a cota fixada. Preferentemente seleccionados xente que teña algo de base ou experiencia en maquinaria agrícola, forestal ou civil, ou con estudos relacionados co sector, e con idade comprendida entre 20 e 40 anos, porque están máis habituados a manexar as novas tecnoloxías que incorporan estas máquinas”, explica Óscar Iravedra.

En canto á súa procedencia, a maioría do alumnado é de Galicia, pero tamén reciben persoas de Asturias e mesmo de Ciudad Real.

E é que a demanda de persoal cualificado no sector forestal é elevada. “Ao finalizar o curso sobre un 55% dos alumnos xa está a traballar e ao cabo dun ano un 90%. Os salarios para unha persoa que empeza traballando cun autocargador ou procesadora forestal roldan os 1300 euros para xornadas de 9 horas, pero se é un maquinista con experiencia sobe aos 1500 ou 1600 euros e para profesionais cunha alta produtividade, medida en toneladas cortadas ao mes, sobe aínda máis pois cobran unha parte do salario en euros por tonelada”, explican desde o Grupo Forma-T.

CASEFOR: A continuación deste proxecto para ofrecer unha primeira oportunidade a alumnos destes cursos

Co obxectivo de incorporar novos maquinistas ao sector en Galicia, Ence Enerxía e Celulosa pon en marcha o proxecto CASEFOR, con sede en Curtis (A Coruña). Trátase unha das empresas que dá unha primeira oportunidade laboral aos alumnos destes cursos.

En concreto, os 2-3 mellores alumnos de cada promoción pasan a unha segunda fase do proxecto onde son contratados co obxectivo de seguir capacitándose, seguir formándose ao mesmo tempo que adquiren unha experiencia de traballo real, unha iniciativa na que tamén colabora o importador e distribuidor de maquinaria Forest Pioneer.

“Somos unha empresa especializada na capacitación de manexo de maquinaria para a corta e saca de madeira cun acordo de colaboración co grupo Forma-T, con ENCE, coa AGACAL e con Forest Pioneer para contratar e seguir formando aos alumnos que máis destaquen na primeira fase do proxecto”, explica o xerente de CASEFOR.

Para iso contan cunha aula de formación, un simulador á súa disposición e cun amplo parque de maquinaria para ampliar a experiencia dos maquinistas composto por taladoras, procesadoras de cadeas e rodas e autocargadores.

“A experiencia cos alumnos é moi positiva. Dá gusto ver como entraron e como traballan hoxe transcorridos uns meses. Todo un orgullo para o equipo de dirección e técnico de Casefor. A día de hoxe pasaron máis de 6 persoas pola formación e esperamos incorporar ao proxecto novos maquinistas tras os cursos que se están impartindo no Grupo Forma-T durante este final de ano”, comenta o xerente.

“É unha experiencia totalmente nova no sector, pois non só se forman no manexo da maquinaria senón que, coa supervisión dos técnicos de Forest Pioneer, reciben unha formación sobre mantemento dunha procesadora ou dun autocargador, o que se traduce nunha maior produtividade, ao reducir o tempo o cal as máquinas están paradas por avarías”, destaca.

O xerente de Casefor conclúe que este é o futuro do sector: “Profesionalizar os maquinistas forestais para que non só saiban manexar a máquina, senón tamén estean capacitados para realizar o mantemento e que facer ante avarías. Dar un selo de calidade de formación que nos faga estar orgullosos do traballo feito coas persoas que pasan polo noso proxecto”, conclúe.

Imaxes da formación no Grupo Forma-T: 

forest pioneer formate simulador 2 forest pioneer formate simulador 1 forest pioneer formate 4 forest pioneer formate 3 forest pioneer formate 2 forest pioneer formate 1

Imaxes da formación en Casefor:  

CASEFOR MADEIRA CORTA EQUIPO DE TALADO SOBRE RETROEXCAVADORA ADAPTADA A TRABALLOS FORESTAIS CASEFOR MADEIRA DESCARGA EN CARGADOIRO DE DOUS AUTOCARGADORES CON PERSOAL FORMATIVO CASEFOR MADEIRA EUCALIPTO MAQUINISTA FORMATIVO RECIBINDO INSTRUCCIONS DO ENCARGADO . ESTÁ APRENDENDO A FACER APEO DIRECTO CASEFOR MADEIRA MONTE EQUIPO DE APEO CONVINADO CON PROCESADORA DE RODAS
CASEFOR MADEIRA MONTE PROCESADORA FORESTAL DE RODAS CASEFOR MONTE CORTADO AUTOCARGADOR EQUIPO FORMATIVO

formación en aula CASEFOR

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *