A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Maquinaria de precisión para o ensilado de herba: aforro de tempo e maior calidade da forraxe

A rede AGCO de Galicia, concesionarios das marcas Fendt e Massey Ferguson, presentou no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón) a súa gama de segadoras, estendedores, fileiradoras e rotoempacadoras, todas elas máquinas de última xeración coas que se logra unha alta eficiencia no traballo

demostracion maquinaria ensilado herba Sergude tractor e rotoempacadora Fendt

Ensilar a herba sempre é un traballo de risco en Galicia. Cunha ventá de oportunidade normalmente curta pola climatoloxía, a maquinaria empregada xoga un papel fundamental para conseguir recoller a forraxe nun estado óptimo no menor tempo posible. Da calidade do silo vai depender despois a alimentación do gando todo o ano.

Da importancia de lograr un bo ensilado e de cómo as novas tecnoloxías e a maquinaria de última xeración poden axudar á agricultura de precisión falouse este mércores no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón, onde a rede de concesionarios AGCO de Galicia, distribuidores das marcas Fendt e Massey Ferguson, presentou a súa gama de segadoras, estendedores, fileiradoras, rotoempacadoras e telescópicas, pensadas para cubrir as necesidades dunha explotación gandeira actual.

Dixitalización

José Antonio Rubio, xunto a Óscar García, responsable de vendas de Maxideza, e José Pérez, delegado comercial de Fendt para España e Portugal

José Antonio Rubio, con Óscar García, responsable de vendas de Maxideza, e José Pérez, delegado comercial de Fendt para España e Portugal, xunto aos equipos presentados en Sergude

Na busca dunha maior eficiencia e redución das horas de traballo, a dixitalización xoga un papel clave. José Antonio Rubio, responsable de Maquinaria O Rubio, de Santa Comba, destaca as posibilidades da nova maquinaria de última xeración con Isobus e autoguiado por GPS, o que permite o traballo autónomo dentro da parcela, cun aforro de tempo e combustible.

Maquinaria O Rubio na provincia da Coruña, Maxideza en Pontevedra e Lugo e Agrícola Suárez en Ourense completan a rede AGCO en Galicia

“Unha vez feito o perímetro da finca, tanto a segadora como o estendedor e a fileiradora son capaces de realizar o traballo na parcela sen necesidade de que o operario actúe, levantando os brazos automaticamente ao chegar aos cadullos ou estreitando cando sexa preciso”, conta.

Nas fincas de demostración ensiladas este mércores en Sergude empregouse unha rotoempacadora con cámara variable de alta densidade para obter pacas de distintos tamaños, con 25 coitelas de picado e adaptador de lonxitude de fibra.

A enroladora está dotada con sensor de humidade e análise de proteína o que permite obter datos da calidade da forraxe para tomar decisións

“Esta máquina tamén é Isobus e está dotada con sistema de análise de humidade e proteína, o que permite obter datos de calidade da forraxe e facilita a información ao agricultor ou ao gandeiro á hora de tomar decisión, por exemplo sobre a calidade dos rolos de cada parcela, para destinalos ás vacas secas, á recría ou ás vacas en lactación

Na parte traseira da rotoempacadora vai instalada unha encintadora con 3D para conseguir unha distribución homoxénea do plástico para un selado perfecto e unha conservación óptima da forraxe, que permite variar as capas necesarias de plástico en función da humidade da herba e o tempo previsto de almacenamento, aforrando deste xeito material sen penalizar a calidade da ensilaxe.

Os rendementos da segadora sitúanse entre os 8 e as 10 hectáreas por hora e a rotoempacadora case fai un rolo por minuto

En canto á velocidade de traballo, José Antonio explica que “estando a herba en condicións, cun bo presecado, e dependendo das características da parcela, a eficiencia desta enroladora é moi grande, sendo capaz de facer case un rolo por minuto”, destaca. Pola súa banda, os rendementos da segadora sitúanse entre os 8 e as 10 hectáreas por hora.

Segadora de mariposa de 9,10 metros de anchura de traballo con cintas agrupadoras e acondicionador, dotada de Isobus para autoguiado GPS e montada nun tractor Massey 9S340

Segadora de mariposa de 9,10 metros de anchura de traballo con cintas agrupadoras e acondicionador, dotada de Isobus para autoguiado GPS e montada nun tractor Massey 9S340

Estendedor de 7,80 metros de ancho enganchado a un Massey 6S155

Estendedor de 7,80 metros de ancho enganchado a un Massey 6S155

Fileiradora Fendt Former 920 Pro con control de sección, montado nun tractor Fendt 616 de 160 cabalos con autoguiado por GPS

Fileiradora Fendt Former 920 Pro con control de sección, montado nun tractor Fendt 616 de 160 cabalos con autoguiado por GPS

Rotoencintadora Rotana 130 Combi F e tractor Fendt 728

Rotoencintadora Rotana 130 Combi F e tractor Fendt 728

Telescópica Massey 738 con pinza hidráulica multifunción para cargar e apilar os rolos

Telescópica Massey 738 con pinza hidráulica multifunción para cargar e apilar os rolos

Integración tractor-apeiro

José Pérez, representante de Fendt para España e Portugal, destaca o novo concepto de maquinaria agrícola, na que se busca a integración entre tractor e apeiro. “Pasamos dunha época na que se buscaba unha mellora do tractor, buscando maior rendemento e confort, á actual, na que se busca unha conexión total coa maquinaria de traballo”, conta.

O fabricante alemán de tractores Fendt conta con máis de 800 unidades traballando en Galicia

É unha das características destacadas do fileirador Fendt Former 920 Pro, un rastrillo con corte de sección e conexión Isobus, que permite marcar o perímetro da finca, dando un par de voltas e deixar despois que tractor e apeiro traballen sós, conseguindo maior rapidez e eficacia tanto no xuntado da herba como nas labores posteriores de enrolado.

Hai que buscar o tractor adaptado ao traballo que vaiamos facer con el

A nova gama de tractores Fendt das series 600 e 700, usados na demostración, son tractores que integran motor e transmisión, repartindo a potencia segundo a necesidade do eixo, sexa o dianteiro ou o traseiro, buscando ademais motores que traballen a baixas voltas coa finalidade de aforrar combustible e de ter menos ruído dentro da cabina.

Fendt fabrica tractores desde 70 a 600 cabalos, pero o forte das vendas en Galicia está entre 90 e 160 cabalos

A marca alemá está a impulsar nos últimos anos a súa presenza na comunidade, con tractores de tipo medio que se adaptan moi ben a Galicia, destacou. “O forte das vendas en Galicia vai desde a serie 200 até a serie 600, que abarcan desde 70 cabalos até 160, aínda que tamén hai explotacións grandes e empresas de servizo que demandan tractores de 250 cabalos para arriba”, explica.

Galicia está á vangarda de España en maquinaria agrícola

José salienta a crecente profesionalización das explotacións agrogandeiras galegas e os avances que nos últimos anos se deron en mecanización agrícola e maquinaria de precisión. “Fai anos o que se desbotaba noutras comunidades viña para aquí pero neste momento é ao revés e Galicia está a vangarda de España. O agricultor entende que non merca unha máquina, senón unha ferramenta de traballo e, nese sentido, sempre hai que buscar o tractor que se adapte mellor para o apeiro co que o vaiamos utilizar”, recomenda.

A importancia do plástico na conservación da calidade da forraxe

Ágata Tubío, de Delagro, explicando algunhas das claves para a utilización correcta de plásticos de silo

Ágata Tubío, de Delagro, explicando algunhas das claves para a utilización correcta de plásticos de silo

Ágata Tubío, da cooperativa de segundo grado Delagro, rachou algúns mitos sobre a importancia do plástico de ensilaxe para lograr a óptima conservación da forraxe. Así, indicou por exemplo que a cor do plástico inflúe no valor nutricional do silo.

“En Galicia non recomendamos usar plástico negro, que está pensado para o norte de Europa. O plástico negro sobe moito a temperatura dentro do rolo e provoca unha caramelización dos azúcares da herba e unha perda do seu valor nutricional. A cor branca sería a indicada para as temperaturas que temos aquí”, afirma.

A cor branca sería a indicada para as temperaturas que temos aquí en Galicia

Delagro comercializa a marca sueca Triowrap, o maior fabricante mundial de plástico para ensilado tanto destinado a rolos como para silos de trincheira, que dispón dunha gama de cores que van desde o branco ao negro, pasando polo verde, o azul o amarelo ou o rosa. Salvo o negro, que dilata máis e debe ir só, o resto de cores máis claras poden combinarse entre si.

En canto á cantidade de plástico necesaria, asegurou que todos os fabricantes recomendan cando menos 6 capas superpostas de filme envolvente nas bolas redondas e 8 nas pacas cadradas. “O solape debe ser dun 50% en cada volta para que a distribución sexa uniforme”, dixo, para lograr deste xeito que haxa unha compresión adecuada que permita a saída do aire para unha óptima fermentación, baixada do pH e conservación posterior da herba no interior do silo.

Formar ás novas xeracións

Alumnado dos ciclos formativos do CFEA de Sergude, presenciando as demostracións nas fincas do centro

Alumnado dos ciclos formativos do CFEA de Sergude, presenciando as demostracións nas fincas do centro

O obxectivo desta xornada demostrativa era familiarizar ao alumnado do CFEA de Sergude coa maquinaria utilizada para o ensilado de herba, dando a coñecer as súas prestacións e posibilidades.

“É importante que os mozos e mozas que aquí estudan, e que serán os futuros gandeiros que tomen o relevo nas explotacións, estean ao tanto dos avances que se están a producir no eido da maquinaria porque en calquera explotación hai dúas patas imprescindibles, o coidado do gando e a produción de forraxes, e sen o traballo agrario que proporcione un alimento axeitado non hai rendibilidade nunha granxa”, defende Juan Carlos Ferreras, director do centro.

Sergude está a ampliar nos últimos anos a súa oferta e número de prazas, apostando por unha ensinanza de carácter práctico

En Sergude estudan este curso 200 alumnos das tres disciplinas que oferta o centro: Ciclo Superior de Gandaría e Asistencia Animal, Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e Ciclo Medio de Produción Agropecuaria.

O CFEA de Sergude é un dos 6 centros de ensinanza públicos adscritos á Consellería do Medio Rural, que está apostar pola formación de carácter práctico por medio da FP Dual e a colaboración coas empresas do sector.

En Galicia o traballo agrario e o coidado do gando van da man, son inseparables, e queremos que o alumnado vexa de primeira man as posibilidades da tecnoloxía

Dentro desta colaboración inscríbese a xornada deste mércores, no que se traballou en tres parcelas de raigrás do centro. Sergude dispón dunhas 100 hectáreas de superficie, 60 delas de carácter forestal e 40 agrarias. Dez están destinadas a cultivo de horta e invernadoiros e 30 a produción forraxeira (millo e herba) para a cabana gandeira do centro: unha granxa de leite con 60 cabezas, unha explotación de porco celta en silvopastoreo, e unha granxa de ovellas, cabras, galiña de Mos e cabalo galego. Grazas ás posibilidades que ofrece o centro de traballar con animais e cultivos, os alumnos e alumnas acadan unha ensinanza multidisciplinar. 

Drons para abonar, sementar ou aplicar tratamentos

Víctor Quindimil, da empresa Murat, xunto ao dron DJI utilizado na demostración

Víctor Quindimil, da empresa Murat, xunto ao dron DJI utilizado na demostración

Parcelas xeolocalizadas, cadernos de campo dixitais, mapas de rendementos de cultivos, sementeira variable, abonado de precisión … son novos conceptos que están a ser xa unha realidade no sector agrogandeiro galego.

Neste camiño imparable a próxima revolución serán os drons, prognostica Víctor Quindimil, CEO de Murat, unha empresa asentada en Ordes que comercializa a marca chinesa DJI en Galicia. “As utilidades deste tipo de tecnoloxía son moitas”, asegura.

O fabricante chinés DJI foi pioneiro no desenvolvemento deste tipo de tecnoloxía

Víctor fixo primeiro unha demostración das posibilidades que ofrece a teledetección e o uso de drons multiespectrais dotados con cámaras térmicas, que permiten realizar un mapeo de fincas e unha análise exhaustiva do estado vexetativo do cultivo, detectando por exemplo pragas ou carencias nutricionais ou buscando segar no momento óptimo.

O custo dun dron para abonado ronda os 30.000 euros e un dron multiespectral con cámara térmica non chega a 5.000

A continuación, mostrou o funcionamento dun dron de gran tamaño utilizado para labores de sementeira, abonado e aplicación de tratamentos fitosanitarios, unha tecnoloxía implantada xa plenamente noutros países, aínda que polo de agora en España atópase con limitacións de carácter legal.

“As aplicacións de fitosanitarios mediante dron están neste momento moi limitadas pola normativa legal, xa que só existen 12 produtos autorizados, pero agardamos que se se poida avanzar nos vindeiros anos mediante unha regulación máis lóxica, porque non ten moito sentido que se permita sulfatar cun tractor e non cun dron, porque a deriva é a mesma se fai vento”, di.

O dron DJI ten unha autonomía de 15 minutos e nese tempo permite sementar, sulfatar ou abonar 2,5 hectáreas de terreo

As vantaxes do uso de drons a respecto dunha sulfatadora convencional son moitas. Por exemplo, permite entrar a facer tratamentos ou a abonar cando o millo está xa grande, o que facilita o control de pragas ou o uso de bioestimulantes e abonos foliares en caso de estrés hídrico ou carencias nutricionais do cultivo.

O fabricante chinés DJI foi pioneiro no desenvolvemento deste tipo de naves non tripuladas para usos agrícolas, que cargan 100 kg de produto e permiten a aplicación tanto de abono foliar como sólido, segundo as necesidades do cultivo, facendo unha dosificación variable en función do estado da parcela.  “Os drons están dotados de radar e tecnoloxía Lidar, podendo importar os mapas de rendementos da colleitadora para unha dosificación precisa”, indica.

O dron permite facer unha aplicación localizada tanto de abono como de fitosanitarios, reducindo as doses

Fai dous anos o verme soldado, un verme defoliador, afectou ao millo en amplas zonas de Galicia a un mes da súa recollida e a única solución para entrar ás fincas a tratar con insecticida era mediante dron. Foi a estrea deste tipo de tecnoloxía en explotacións agrogandeiras en Galicia, onde xa se comezar a usar anos antes en parcelas viñedo. “Probouse a súa efectividade e cada vez hai máis demanda”, recoñece Víctor.

Ademais, os tratamentos realizados con dron son máis eficientes, debido ao tamaño da gota (que pode variarse desde 50 a 500 micróns), polo que a nebulización lograda sobre a folla é moito máis efectiva fronte á pulverización convencional. Tampouco hai compactación do terreo e redúcese o consumo de combustible e a pegada de carbono derivada do uso de maquinaria pesada.

Traballan a 4 metros de altura e cunha velocidade de aire por debaixo de 2 metros/segundo

Do mesmo xeito, este tipo de aparatos son útiles para labores de sementeira, tanto de brássicas e cereais como doutro tipo de sementes, por exemplo de pradeira. “Á hora de facer resembras, por exemplo, o dron permite ir directamente a aquelas calvas ou zonas con mala nascencia sen facer rodeiras nin machacar o cultivo xa nacido”, indica.

A demostración contou coa presenza da Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e do responsable de Agacal, Martín Alemparte

A demostración contou coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, do responsable de Agacal, Martín Alemparte, e do director do CFEA de Sergude, Juan Carlos Ferreras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *