Mapa das grandes granxas de vacún de leite en Europa

Ganja de Caparroso, en Navarra

Ganja de Caparroso, en Navarra

Onde se atopan as macrogranxas de vacún de leite na Unión Europea? O investigador do Institut de l´Elevage, Christophe Perrot ,en colaboración coa Academia de Agricultura de Francia, acaba de publicar un relatorio sobre esta tendencia crecente de grandes expolotaciones leiteiras.

Tomando como base os datos de Eurostat, a oficina estatística da Comisión Europea, correspondentes a 2020, o informe confirma que na Unión Europea existe un censo duns 20,9 millóns de vacas leiteiras repartidas en nada menos que 826030 granxas.

Con todo, a metade destas explotacións teñen menos de 10 vacas, sobre todo en Romanía (270.000 gandarías de vacún de leite), Bulgaria, Polonia e Lituania.

A outra metade, 401130 teñen de media 50 vacas leiteiras e representan o 96% do censo bovino da UE.

En canto ás granxas de máis de 500 animais, no 2020 eran apenas o 0,8% das gandarías de vacún de leite da Unión Europea, un total de 6560 explotacións, cunha media de 439 vacas en produción. Con todo, supuñan o 14% da cabana de vacún de leite da UE, cun total de 2,9 millóns de animais.

Ademais, e dado que a súa produción media por vaca era superior á media da UE -10.000 litros por lactación fronte a 7700 litros do conxunto do censo leiteiro da Unión- o seu peso na produción láctea era do 18% do total.

Onde se atopan as grandes granxas de vacún de leite?

MAPA GANDES GRANXAS VACUN DE LEITE UE

O estudo de Christophe Perrot conclúe que a porcentaxe de vacas leiteiras en gandarías de máis de 500 animais representa:

-Entre o 70 e o 80% en Alemaña do Leste.

-60% ou máis en Chequia, Hungría, Estonia e Eslovaquia.

-45% en Dinamarca.

-35% en España, excluíndo Galicia e a Cornixa Cantábrica. En comunidades como Castela A Mancha, Cataluña e Navarra máis do 50% das vacas leiteiras están en granxas de máis de 500 animais.

-34% na chaira do Po (Norte de Italia).

En canto á rendibilidade destas grandes granxas, o investigador do Institut de l´Elevage, considera que “as granxas de centos de vacas son rendibles en condicións de prezos altos do leite, como na actualidade, e de dispoñibilidade de man de obra asalariada estranxeira”.

As gandarías de máis de 1000 vacas na Unión Europea

Christophe Perrot tamén analiza as granxas de máis de 1000 vacas na Unión Europa.

Estas grandes explotacións pasaron en 2005 de representar o 0,002% -ao redor dunhas 200- das gandarías e de sumar un 1% das cabezas de gando a dobrar o seu número en 2022.

En concreto, só en Inglaterra supuñan 34 -fronte as 10 do ano 2010-; en Dinamarca eran 40 en 2016; en España eran 49 en 2022, fronte ás 31 de 2017.

En Alemaña había 587 granxas de máis de 500 vacas en 2023, cunha media de 800 por explotación, fronte ás 433 grandes granxas que había censadas en 2013.

“Estes proxectos de grandes explotacións hainos un pouco por toda Europa motivados por razons económicas (economía de escala, maior optmización da man de obra, proxectos de biogás asociados…etc. Con todo hai oposición por parte da poboación local e de asociacións, que varía segundo o país”, explica o investigador francés.

Entre os motivos de oposición a estas grandes granxas de vacún de leite cita:

-Temores á afectación ao medioambiene (contaminación das augas, do aire…etc)

-Competencia desleal co modelo de granxa familiar.

-Presión sobre a terra dispoñible e os seus prezos así como sobre os recursos, como a auga.

-Sanidade e benestar animal.

Entre as fortalezas destas grandes explotacións, Christophe Perrot enumera as seguintes:

-Adóitanse instalar en zonas con baixa densidade de poboación e de explotacións agrícolas.

-Son granxas menos autónomas para a alimentación das vacas, comprando incluso a forraxe, o que reduce a necesidade de base territorial.

-Aprovéitanse das primas por volume das industrias.

-As propias industrias lácteas -pon o caso de Danone en España- estimulan a localización de grandes granxas próximas aos grandes centros de consumo (granxas en Castela a Mancha próximas a Madrid, por exemplo).

-Estas grandes explotacións teñen un esquema de funcionamento parecido ao das grandes granxas de porcino.

Conclusións:

En vista destes datos, o investigador francés conclúe que:

-O debate das macrogranjas de miles de vacas é falso na Unión Europea xa que son contados casos. Non así o crecente número de granxas de entre 500 e 1000 vacas.

-A estrutura de propiedade da terra e de ordenación do territorio limita na Unión Europea a posta en marcha de granxas de miles de vacas, pois supón uns custos de desprazamento moi elevados que comprometería a viabilidade económica destes proxectos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información