“Manter o tractor en boas condicións pódeche salvar a vida, non escatimemos gastos niso”

Abordamos co garda civil destinado no Sector de Tráfico de Galicia, Héctor Teixeira, algunhas das claves sobre os sinistros con vehículos agrarios así como os aspectos fundamentais para mellorar a seguridade dos tractores

Publicidade
“Manter o tractor en boas condicións pódeche salvar a vida, non escatimemos gastos niso”

O axente Héctor Teixeira.

Galicia converteuse nos últimos anos na comunidade con máis accidentes con tractores ou vehículos agrarios implicados, tanto en viarios como en leiras. Nos últimos meses producíronse algúns con fatídicas consecuencias e outros que remataron con danos considerables. Abordamos co Héctor Teixeira, garda civil destinado no Sector de Tráfico en Galicia, as claves sobre estes sinistros.

Tamén coñecemos os factores que condicionan a seguridade nos vehículos agrícolas e os controis que leva a cabo a Guardia Civil, nunha campaña activa en Galicia centrada nos tractores.

-Nas últimas semanas houbo dous accidentes mortais con vehículos agrícolas implicados, pero non foron os únicos incidentes. Aínda que cada accidente é diferente, a que se debe esta sinistralidade con tractores?
-Nos sinistros viarios producidos nas últimas semanas están a investigarse as causas por parte dos Equipos de Atestados da Garda Civil, aínda non se determinaron. Tras un sinistro hai unha análise de todas as pegadas e vestixios, cos que se elabora un informe técnico que será remitido á autoridade xudicial. Si podemos dicir que, casualmente, en ambos coinciden varios factores. Os dous foron colisións por alcance e producíronse a primeira hora da mañá, en tramos rectos. Sen poder determinar as causas destes sinistros concretos, adoita ser frecuente que este tipo de accidentes se produzan por distraccións na condución ou pola deficiente sinalización dos vehículos, que impide detectar que estamos ante vehículos que circulan a pouca velocidade. E en ocasións, por unha combinación de varios factores que unidos provocan esa fatalidade.
En ámbolos dous casos, as causas están aínda por determinar.

-Cales son as causas máis habituais nos accidentes agrícolas?
-O envorco da maquinaria é unha das causas máis habituais nos accidentes con vehículos agrícolas implicados. Na actualidade, os tractores modernos xa incorporan estruturas de protección e cintos de seguridade, pero nos vehículos máis antigos é frecuente non velos instalados. En caso de envorco, as consecuencias son fatais.

“Un elevado número de accidentes débese á falta de estruturas de protección. Non deberiamos escatimar en seguridade”

Na maioría dos modelos é posible axustar estes repostos con facilidade, co que o vehículo gaña en seguridade. Unha porcentaxe moi elevada dos accidentes mortais débense a este factor, concienciarse da importancia de levar este tipo de dispositivos pode salvarche a vida. Non deberiamos escatimar en seguridade.

A visibilidade destes vehículos ou máis ben a mala visibilidade adoita estar detrás dalgúns sinistros. Non ver que diante de nós circula un vehículo que pola súa construción é lento pode provocar colisións por alcance.

Durante a circulación por vías de uso público, este tipo de vehículos deberán utilizar o sinal luminoso V-2, tanto de día coma de noite, sempre que circulen a unha velocidade que non supere os 40 quilómetros por hora, isto é fundamental para ser vistos. Ademais da iluminación regulamentaria e catadrióptica, é fundamental a iluminación e o sinal V-2, especialmente á noitiña e ao amencer, para ser vistos en trazados sinuosos e con curvas.

Ademais, deben levar outro tipo de sinais como a V-4, que indica á velocidade máxima á que pode circular o vehículo.

placa-v-4-

V-5, sinal obrigatorio que indica que o vehículo que a leva non excede a velocidade de 40 quilómetros por hora.

placa-vehiculo-lento-v-5

V-6 indica que o vehículo ou conxunto de vehículos ten unha lonxitude superior a 12 metros.

V-6-

V-20 indica que a carga do vehículo sobresae por detrás. Colocarase un ou dous paneis en función da carga que transporte.

v20-

Todas estas sinais, se van perfectamente visibles e limpas, axudarán a mellorar a visibilidade do vehículo e darán información útil ao resto de usuarios do tipo de vehículo que temos diante.

“Os condutores de idade avanzada sofren menos accidentes que os mozos. Son máis coidadosos e a súa experiencia axúdalles”

-Idade avanzada do condutor e tractores sen elementos de seguridade seguen estando entre os factores determinantes dos accidentes agrícolas en Galicia?
-Os condutores de idade avanzada sofren menos accidentes que os mozos. Por regra xeral, os condutores maiores son máis coidadosos, a súa experiencia axúdalles. Con todo, o perfil do condutor falecido corresponde nun 90% dos casos a homes e a media de idade é de 65 anos.

Con independencia da idade, as condicións físicas son as que poden ser determinantes á hora de sufrir un sinistro viario. Iso en canto á persoa, e en canto ao vehículo, está claro que un insuficiente mantemento do tractor é un factor que inflúe nos sinistros viarios na estrada. Circular con vehículos que teñen freos que non funcionaban debidamente ou cos elementos de sinalización deteriorados ou inexistentes, sen elementos de protección, etc. aumentan o risco de sufrir un sinistro.

É moi importante sensibilizarse da importancia que ten manter o tractor en boas condicións, ese adoita ser o obxectivo das nosas campañas de vixilancia e control. Iso pódeche salvar a vida.

-A renovación do parque de tractores segue sendo unha tarefa pendente?
-A antigüidade dos vehículos implicados en sinistros é de 25 anos, é dicir vehículos moi antigos, xa que para esa media hainos mesmo de máis de 30 anos. Renovar a maquinaria agrícola dentro das posibilidades ou incorporar estruturas antienvorco é fundamental. Pasa coma nos turismos, non é o mesmo circular nun vehículo novo que conta con innumerables medidas de seguridade activa e pasiva que facelo nun que supere os 10 ou máis anos. As posibilidades falecer ou resultar gravemente ferido son máis altas.

-Que elementos resultan máis importantes na prevención de accidentes en tractores ou maquinaria agrícola?
-Como dixen antes, renovar as máquinas agrícolas antigas incorporando estruturas de protección antienvorco. Verificar a iluminación e a sinalización obrigatoria que debe levar. Contar co número de espellos regulamentarios e se é posible instalar cámaras para mellorar a visibilidade dos ángulos mortos. En definitiva, mellorar o mantemento das máquinas agrícolas, especialmente das máis antigas, é outra cuestión clave.

-Nestes momentos, está activa unha campaña de vixilancia e control de vehículos agrícolas, que aspectos están a controlar?
-Están a controlarse todos os aspectos relativos ao condutor e ao vehículo, desde documentación até colocación da carga, pasando polos elementos obrigatorios que debe levar cada vehículo e os elementos de sinalización que indicamos anteriormente. Neste tipo de campañas, faise unha inspección integral en todo tipo de vías e horarios. Sen esquecernos das probas de alcol e detección de drogas ás que son sometidos aqueles condutores que cometeron unha infracción, ven implicados nun sinistro ou presentan síntomas evidentes de consumir este tipo de sustancias.

-Cales son os incumprimentos máis frecuentes con este tipo de vehículos?
-Iluminación, sinalización e deficiencias técnicas adoitan ser as infraccións máis habituais coas que nos atopamos.

“Os condutores doutra clase de vehículos, cando se atopan pola estrada con maquinaria agrícola, non sempre están preparados para actuar adecuadamente”

-Son frecuentes as imprudencias de condutores de turismos en zonas agrarias? Que tipo de infraccións se cometen?
-Os condutores doutra clase de vehículos, cando se atopan pola estrada con maquinaria agrícola, non sempre están preparados para actuar adecuadamente. Por iso, resulta moi conveniente sinalizar os vehículos agrícolas informando, sobre todo, da velocidade que poden alcanzar e das súas dimensións.

-O estado de alarma provocou atrasos nas revisións de ITV e nalgúns municipios, como San Sadurniño (A Coruña), xa lles confirmaron que as unidades móbiles para os vehículos agrarios non se trasladarán ao lugar até o próximo ano. Hai tramitado algún permiso especial para estes vehículos ou serán sancionados se non contan coa ITV?
-A Garda Civil aplicará a lexislación vixente, e as instrucións que desde as autoridades competentes se nos indiquen. Actualmente existe unha prórroga de validez da ITV a vehículos aos que lles caducou durante o estado de alarma en quince días naturais por cada semana transcorrida desde o comezo dese período ata que se produciu o vencimiento.

Tamén se deu unha prórroga de 3 meses aos vehículos que lles caduca despois do Estado de Alarma. A prórroga comezou o día que finalizou o Estado de Alarma, o 21 de xuño deste ano.

Para que se entenda mellor. Estas prórrogas só se aplican aos vehículos cuxa inspección caducou durante o estado de alarma. Unha vez finalizado este, aplícase a prórroga de 30 días prevista na Orde SND/325/2020.
A estes primeiros 30 días, engádenselle períodos de 15 días por cada semana transcorrida desde o inicio do estado de alarma, o 14 de marzo.

-Hai anos, púxose sobre a mesa a posibilidade de esixir aos remolques que transportaban millo picado para o ensilado que fosen cubertos con lona, unha decisión que trouxo moita polémica no campo. Finalmente, é obrigatorio cubrir esta carga? A que sancións se enfróntan por este incumprimento?
-Hai que circular coa carga evitando producir po ou outras molestias que poidan ser evitadas. Circular cun vehículo cuxa carga pode arrastrar, caer, desprazarse de maneira perigosa ou comprometer a estabilidade do vehículo, sen dispor dos accesorios que garantan a adecuada protección ou acondicionamento da carga está considerado unha infracción grave.

Se a carga caeu á vía, polo seu mal acondicionamento, creando grave perigo para o resto dos usuarios, será considerado moi grave. As infraccións poden ir desde os 80 euros, nos casos máis leves, aos 500 euros nos casos moi graves. Por non falar das responsabilidades que se poidan derivar no caso de que un terceiro sufra un sinistro e se conclúa que a caída da carga foi un factor determinante. Polo tanto, á marxe de polémicas, o mellor é previr e evitar estas situacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información