
Manuel na nova nave de produción inaugurada fai un ano
A forma xurídica dunha explotación non é algo baladí. Ten implicacións legais e tributarias e, en ocasións, condiciona as axudas recibidas e a toma de decisións estratéxicas, por exemplo, en canto a investimentos.
Manuel Ferreiro está á fronte de Gandería Facal e tiña claro que, trala xubilación do seu pai e da súa nai, mantelos na SAT era contraproducente. Por iso, optaron por facer unha transición cara a unha SL para facilitar o relevo xeracional e poder encarar o futuro con garantías coa construción dun novo establo robotizado para as vacas en produción no que primar o benestar do gando e a comodidade no seu manexo.
Gandería Facal é unha explotación familiar que nos últimos anos fixo a transición de SAT a SL
A nivel xenético, levan 8 anos facendo cruzamentos seguindo o sistema Procross e inseminando a todas as vacas con touros A2A2 buscando unha diferenciación do seu leite no mercado que poida servir para acadar un mellor prezo de venda.
Relevo familiar e transición cara a una SL
Manuel viviu en carne propia “o difícil que é traspasar as granxas dos pais aos fillos”, afirma. “Nós eramos unha SAT de 3 socios na que os meus pais estaban xubilados. Sacábanme moitos cartos da PAC por iso. Ao mesmo tempo, eu quería facer un investimento importante que os implicaba tamén a eles ao seguiren sendo socios. Eles agora, con 75 anos, non o querían facer”, relata.
Manuel ten unha carreira universitaria (estudou Relacións Laborais) pero decidiu quedar na explotación familiar
Por iso optou por desvinculalos da nova granxa mediante o seu paso a unha SL, aínda que é consciente dalgunhas desvantaxes a respecto doutras figuras legais: “unha granxa familiar baixo o formato de cooperativa paga o 10% de impostos, pero baixo a fórmula dunha SL tributa o 25%”, compara.
O cambio foi feito en varias fases: “primeiro pasamos da SAT a unha SL na que seguiamos figurando os tes como socios e despois quedei eu só sen os meus pais nela”, explica. Esa, di, “é unha maneira de poder herdar unha explotación gandeira sen que te machaquen a impostos”. “Nós desa forma gastamos 2.000 euros de notaría, pero se non fas a transición desta maneira tes que pagar un montón de cartos por herdar a granxa”, conta.
Se mantés xente xubilada como socios na explotación perdes un montón de cartos todos os anos na PAC
Manuel recomenda a todas as persoas que estean na súa mesma situación que fagan o mesmo que fixo el: tomar decisións mirando ao futuro. “Eu dixen ou fago novo ou pecho, pero tardei 4 anos en decidirme e neses 4 anos a obra subiu 100.000 euros”, explica.
Novas instalacións nunha zona con cada vez menos granxas

Dispoñen dun robot de muxido e a nave foi deseñada para albergar unha segunda unidade
Situada no lugar de Padronelo, na parroquia de Cabovilaño (A Laracha), fixo un ano a finais do pasado mes de agosto que esta gandería familiar se trasladou ás novas instalacións, que contan na actualidade con 62 animais en produción e un robot de muxido, pero Manuel quixo ser previsor e contemplar a posibilidade de crecemento da granxa.
A maquinaria do robot serviría xa para colocar a segunda unidade de muxido, ao igual que as dimensións e a cuberta da nave, polo que para instalalo unicamente tería que facer cubículos e poñer outra cornadiza para o segundo lote de vacas.
Manuel foi previsor e construíu xa a nave coas dimensións necesarias para instalar un segundo robot
“Como conseguir a licenza requería de moitos trámites e permisos, decidín solicitala xa pensando nunha hipotética futura ampliación para a instalación dun segundo robot. A nave xa quedou feita para iso, aínda que non é algo seguro que o vaia poñer”, conta.
“A miña perspectiva é conseguir primeiro un empregado cualificado, aínda que lle haxa que pagar ben, e daquela montaría o segundo robot. Pero se non atopo a esa persoa, non o monto”, di, porque sería perder calidade de vida. Máis alá das campañas agrícolas, adica diariamente unhas 5 horas a atender a granxa (pola mañá de 7 e media a 10 e media e pola tarde de 6 a 8).
Maior benestar para os animais e para el

Contan con separadores de cubículo flexibles e cama de carbonato con serrín
Gandería Facal construíu unhas novas instalacións co obxectivo de gañar en confort para o gando e en calidade de vida para as persoas responsables de atender a granxa.
“A nave vella era unha estabulación libre pero bastante antiga, froito de varias reformas, cos pasillos estreitos e con colchoneta nas camas”, describe. Agora dispón de serrín con carbonato como material de recheo, cubículos flexibles, patios anchos. “É outro mundo”, recoñece.
Considero que unha persoa en 8 horas adicada só á granxa pode atender perfectamente dous robots
O paso ao robot supúxolle incrementar a produción por vaca nuns 3 litros diarios. Neste momento a media é duns 36 litros, cun 3,70% de graxa e un 3,40% de proteína, aínda que Manuel non pensa en litros por vaca e día senón en litros diarios por robot.
“Non me importa tanto canto leite dá cada vaca, senón o conxunto. O robot moxe leite e se tes menos media por vaca pode muxir máis vacas. O meu obxectivo é chegar aos 2.500 litros diarios producidos por robot, pero fáltame aínda bastante porque estou agora en 2.100 litros, o que pasa é que non eliminei ningunha vacas das que tiña e non todas se adaptan igual ao robot, pero a miña granxa está libre de enfermidades e comprar vacas é un risco”, explica.
Eu non penso na produción por vaca e día, senón na produción diaria do robot
Estivo entregando a Inleit pero na primavera volveu a Clun, da que é socio. Ofrecéronlle entrar no programa de leite Unicla A2 da cooperativa. “Desde que empecei en Procross fai 8 anos sempre metín touros A2A2 porque custaban o mesmo e ter todo o rabaño A2 é algo que non che estorba e que nalgún momento pode ser un plus para a gandería”, razoa.
Feiraco paga 5 céntimos a maiores polo leite A2. Con todo, outra das esixencias é que o penso das vacas inclúa sementes de liño, o que encarece os custos de alimentación do gando e pode provocar unha caída nos niveis de graxa. É algo que bota para atrás a Manuel, que prefire non facer cambios na alimentación das vacas.
Cambios de alimentación debido ao robot

O chan do comedeiro é de mármore para facilitar a súa limpeza
“O do robot non é tan doado e condiciónate en todo o que é a alimentación do gando. Por exemplo, o millo que ensilas ten que estar máis verde e hai que ter coidado ao complementar a ración do penso do robot”, di.
“Tiven 2 ou 3 meses iniciais nos que raro era o día no que non había unha vaca parada. Non inchaban, pero estaban empachadas e non comían. Vías nos datos dos colares que non rumiaban e tiñas que pincharlles un antiinflamatorio e tirar o leite. Eu achácollo a cando fixei as táboas de alimentación individualizadas para a suplementación do penso no robot segundo produción do animal, porque cando comían todas as vacas o mesmo, no período de adaptación, iso non me pasaba”, razoa.
Neste momento as vacas en lactación comen 30 kg de silo de millo, 9 kg de silo de herba, 11,5 kg de penso (sumado xa o punteo do robot) e medio quilo de herba seca de colleita propia. Para facer a ración, mercaron un carro mesturador autopropulsado usado.
70 hectáreas de superficie

A explotación dispón de dúas fosas de xurro cubertas cunha capacidade de almacenamento de 1,5 millóns de litros
O traballo agrario tamén o fan todo eles con maquinaria propia, agás ensilar. O pequeno tamaño das parcelas é algo que condiciona as labores agrícolas e obriga a destinar a elas máis tempo, o que fai menos viable contratar certas tarefas, como arar, abonar, segar, sementar ou botar o xurro.
Aquí hai moito minifundio; eu non teño ningunha finca de 2 hectáreas
“Aquí hai moito minifundio, eu non teño ningunha finca de 2 hectáreas. Na PAC anoto 70 hectáreas pero traballo máis de 80. Aquí non pagamos nada pola terra; moitos veciños déixannos as fincas para que llelas limpemos. O problema é que son fincas moi pequenas e para poder traballalas un pouco ao xeito tes que ir unindo varias, fas fincas grandes a base de sumar cachos”, explica.
8 anos facendo cruzamentos
A recría tamén a fan eles no establo antigo, pero asegura que grazas ao robot a carga de traballo é asumible. “Eu penso que unha persoa en 8 horas adicada só á granxa pode atender perfectamente dous robots”, asegura.
Fai 8 anos que decidiu comezar a facer cruzamentos seguindo o sistema rotacional Procross que alterna xenética holstein, montbeliarde e roja sueca e hoxe a maior parte da súa cabana gandeira é xa trihíbrida.
As vacas cruzadas son coma os robots; falan mal deles os que non os teñen
Destaca que as vacas cruzadas son máis duras a nivel físico, máis sás desde o punto de vista sanitario e máis fáciles de manexar a nivel de granxa, o que minimiza os posibles problemas. “Desde que estou en Procross non se me abriu ningunha vaca e cuajares non operei nin o primeiro en todo este tempo. A fertilidade é outro punto ao favor das vacas cruzadas. Pero isto é coma o do robot, fala mal del o que non o ten”, asegura.
Aposta pola robotización de tarefas

Instalaron un robot limpador no canto de arrobadeiras
Ademais do robot de muxido, Gandería Facal apostou por un robot de limpeza no canto de instalar arrobadeiras, algo que Manuel tivo xa en conta á hora de deseñar as novas instalacións. “Para min é mellor que poñer arrobadeiras porque faiche os pasillos de cruce e o outro non e non hai ningún escalón en toda a nave, tes todo o piso ao mesmo nivel”, destaca.
Temos pasillos de cruce anchos, de 5 metros; se tivesemos arrobadeiras teriamos que barrelos á man
Outra das vantaxes que salienta é o menor desgaste do formigón con respecto ás arrobadeiras, o que evita ter que raiar os patios. “Isto é unha goma que pasa e aspira, mentres que a arrobadeira é un ferro que arrastra e acaba poñendo liso o chan e despois esvaran as vacas. Ao non haber escalóns e estar mellor o chan os accidentes son moitos menos”, di.
Os cubículos flexibles axudan tamén a evitar golpes ao gando e apórtalle maior comodidade á hora de deitarse e levantarse. “Aquí hai vacas que xa non estarían se os separadores dos cubículos fosen de ferro”, afirma.
Outros aspectos do deseño do establo buscan facilitar os movementos do gando así como a limpeza das instalacións. Por exemplo, os pasillos son todos de máis de 5 metros de ancho, tanto o do comedeiro e o de acceso ao robot coma os de cruzamento, o que axuda a que o efecto das vacas dominantes sexa menor, e no chan do comedeiro puxeron mármore no canto de resina, cunha anchura de metro e medio para que as rodas do carro vaian polo mármore e non polo cemento e a comida non se pegue así ao chan en caso de que a pise a roda traseira.
Unha granxa desconectada da rede eléctrica

Dispoñen dunha potencia fotovoltaica instalada de 45 kw/h e baterías de almacenaxe
Gandería Facal é autónoma enerxeticamente e traballa desconectada da rede eléctrica grazas á instalación de paneis fotovoltaicos e baterías. “Eran só 200 metros de distancia, non tiñan que reforzar a liña nin poñer outro transformador, pero custábame 37.000 euros traer a luz para aquí”, denuncia.
“A Administración obríganos a apartarnos do núcleo, pois temos que apartar, segundo está hoxe a lexislación, 100 metros do primeiro terreo urbanizable, e despois veñen as empresas eléctricas e aprovéitanse. Coñezo gandeiros aos que lles están a pedir 120.000 ou 180.000 euros por levarlles a luz”, conta.
A Administración obríganos a apartarnos do núcleo e despois veñen as empresas eléctricas e aprovéitanse
É unha instalación illada en réxime de autoconsumo, na que non pode vender á rede os excedentes de enerxía que produce. Ten unha potencia instalada de 45 kw/h, distribuída en 90 placas e a batería e de 80 kw. O xerador é de 27 caveas, aínda que está capado a 13,5 kw para que non funda as baterías. “Púxeno desa potencia pensando no segundo robot, porque así xa me vale e non tería que cambialo”, explica.
O investimento total na nova granxa foi duns 600.000 euros, contando a nova nave, a fosa de purín, o robot de muxido, as placas solares, as baterías de almacenaxe e o xerador de apoio. O que é a instalación fotovoltaica en si, con baterías e xerador de apoio, custoulle 73.000 euros, pero tendo en conta a subvención do Inega (50% nas placas e 30% nas baterías), o custo resultante vai ser semellante ao que lle pedían por traer a liña e aforra de pagar a factura da luz cada mes. “Nos días bos non gasto nada e nun día malo que estea chovendo poido consumir 8 litros de gasóleo no xerador, que son 8 euros ao día, cando xa pagaba no establo vello, cunha sala de espiña, 1.000 euros ao mes de luz”, compara.
Onde está a nave é unha zona ventilada onde sempre corre brisa, garantíndose deste xeito o confort térmico das vacas nos meses do verán sen necesidade de instalar ventiladores. “Estando illado tes medir o que colocas. Nunca fun tan consciente e estiven tan ao tanto do que gasta o robot ou o tanque do leite coma agora. Neste sistema conta moito a eficiencia enerxética”, recoñece.
Os baremos dos Plans de Mellora benefician ás granxas grandes

Zona de vacas secas, situada nunha das cabezas da nave de produción
Manuel critica que a concesión das axudas por parte de Medio Rural estean limitadas a 120.000 euros por UTA, o que fai que as granxas pequenas acaden menores axudas con respecto ás explotacións de maiores dimensións e man de obra. “Din que queren apoiar aos pequenos pero na práctica non é así”, quéixase.
Para evitar que as explotacións de maior dimensión acaparen cada ano a maior parte dos fondos dispoñibles nos Plans de Mellora, Manuel propón que se defina o tipo de granxas ao que vai dirixida.
“A Administración nalgún momento terá que decidir que unha granxa que factura 2 ou 3 millóns de euros non precisa de subvencións para poder investir e dirixir os cartos cara as pequenas explotacións para que se poidan dimensionar e ser competitivas”, razoa.
Penso que sería mellor dirixir as subvencións cara as pequenas explotacións para que se poidan dimensionar en vez de seguir financiando os investimentos en granxas que facturan 2 millóns de euros
No seu caso, ao contar cun traballador, tiña dereito só a un investimento subvencionable de 240.000 euros como máximo, polo que decidiu incluír só a nave na subvención e meter tanto as placas solares como o robot polo Inega.
En total, sumando as tres axudas, concedéronlle 160.000 euros, máis ou menos unha cuarta parte do total investido. Cando pediu o Plan de Mellora decidiu non incluír os inxectores para a cisterna do purín, aínda que iso sumaba puntos, porque “estaba topeado polas UTAS e custan máis os inxectores que che dan de axuda”, explica.
Pero ademais de axudas que incentiven este tipo de investimentos, di, é necesario un prezo do leite xusto e estable. “Non ten sentido que as fábricas estean todas aquí e sen embargo en Galicia cobremos 3 ou 4 céntimos menos polo leite. Debería ser ao revés, deberiamos ter un plus porque a materia prima está toda aquí, como pasa no norte de Italia”, argumenta.
Exceso de celo da Administración

Dispoñen dun carro mesturador propio e realizan tamén a maior parte das tarefas agrícolas
“En todo o concello da Laracha quedamos media ducia de explotacións leiteiras, tres na parte de arriba do concello e outras 3 na parte de abaixo. Eu decidín seguir pero hai moitos días nos que me arrepinto de telo feito, porque salvo en zonas de Lugo ou Santa Comba, onde os gandeiros son maioría, no resto de sitios parece como que estorbamos e ninguén quere que haxa vacas porque seica cheiran e o purín xa non digamos”, quéixase.
En todo o concello da Laracha quedan media ducia de explotacións leiteiras
“A Administración non facilita as cousas, pon trabas. Hai un exceso de celo e de inspección e nesta zona de Bergantiños especialmente. Moi mal gandeiros debemos ser nesta comarca, porque temos máis actas de inspección aquí que en toda a provincia da Coruña”, relata.
As consecuencias desa actitude, di, acaban calando na sociedade e reflectíndose na falta de relevo das granxas. “Considérante pouco menos que un delincuente e os teus fillos vente cabreado e aburrido. Como van querer quedar eles?”, argumenta. “É necesario que a Administración europea, española e galega decida se quere ter animais ou non e senón que o diga”, reitera.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics
Galego









Control OJD