O paquete de medidas anunciado pola Consellería do Medio Rural para a Ribeira Sacra é considerado insuficiente polas organizacións agrarias, que manteñen a protesta convocada para este venres 6 ás 12 horas ante o Consello Regulador, en Monforte de Lemos.
En nota de prensa enviada ós medios, Unións Agrarias valora que se comecen a dar pasos por parte da Consellería, pero ve “moi insuficiente” a proposta anunciada onte polo presidente da Xunta de Galicia para dar solución á crise.
Para a organización agraria, dado que o tamaño medio das explotacións da denominación a penas supera os 6.000 metros cadrados, coa proposta da liña de axudas anunciada para os viticultores, “a penas se superarían os 1.000 Euros para os produtores con explotación en bancais e os 500 Euros para os outros”.
“É unha renda de todo punto insuficiente para pagar o traballo e os custes de produción de todo un ano”, opina Unións, que mantén a protesta convocada conxuntamente co Sindicato Labrego para este venres 6 de setembro.
Unións insiste en que os produtores precisan que se garanta a vendima, polo que reclama que ademais de mellorar as axudas, se debe de actuar coas adegas para facilitarlles a liberación de stocks, igual que se fixo durante a pandemia, e deste xeito favorecer o incremento da súa capacidade de recollida.
A organización agraria chama á Administración a traballar da man de produtores e adegas para implementar solucións tanto a curto como a medio e longo prazo.
Axudas para a conservación da paisaxe ós viticultores da Ribeira Sacra