Mantense a concentración de gandeiros e agricultores ante a subdelegación do Goberno en Ourense

Publicidade
Foto: ASPG

Foto: ASPG

Membros da Asociación do Sector Primario de Galicia (ASPG), creada este verán tralos lumes de Ourense, levan dende o pasado luns concentrados día e noite ás portas da subdelegación do Goberno en Ourense. O posible acordo comercial da Unión Europea co MERCOSUR foi o detonante dunhas protestas que, segundo a ASPG, queren “poñer fin os enormes problemas que están a provocar o abandono do rural”. No caso do acordo UE – Mercosur, o temor radica principalmente en que a posible entrada de importantes partidas de carne de vacún ou de produtos agrícolas como a pataca afecte ós prezos pagados no campo.

A concentración vai continuar, como mínimo, ata a mañá do luns 5 de xaneiro, cando membros da ASPG serán recibidos na subdelegación para que expoñan as súas demandas e propostas. Con todo, o seu voceiro Javier Blanco amosouse pouco optimista respecto do resultado das conversas e anunciou que xa teñen preparadas mobilizacións de xeito inmediato.

Paralelamente, a ASPG iniciou unha recollida de sinaturas para apoiar as súas reivindicacións. Polo de agora xa xuntaron preto de 2.000 e confían en seguir ampliando a cifra antes da reunión prevista para o luns. “Pedimos que asine todo o mundo. Aínda que non sexan gandeiros nin labregos. Isto é algo que abrangue a toda a sociedade.”, sinalou Blanco.

Dende a ASPG fan un chamamento a todas as asociacións e organizacións agrarias e os profesionais do campo a sumarse ás súas mobilizacións. “Temos o exemplo de Francia onde o sector sempre actúa unido e consegue moitas das cousas que reclama. Agora é o momento de actuar porque a situación no campo comeza a ser insostible”, explica o voceiro.

Nas comarcas da Limia e Allariz-Maceda xa se convocou a gandeiros e agricultores para as posibles mobilizacións, que poderían desenvolverse ao longo do mes de xaneiro, de xeito que teñan preparados os tractores e remolques.

Ademais do acordo co MERCOSUR, a ASPG reclama modificacións na xestión da dermatose nodular contaxiosa, unha PAC máis xusta, que se reduza a burocracia no día a día das explotacións, un control efectivo sobre a fauna salvaxe, a consideración do xurro como recurso e non como residuo, así como unhas indemnizacións xustas polas perdas sanitarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información