A Xunta mantén aberto ata o próximo 31 de agosto o prazo para solicitar as axudas do programa Xera-madeira, destinado a impulsar proxectos e obras que empreguen a madeira como elemento estrutural na construción. O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Alfredo Fernández Ríos, lembrou estas axudas durante a súa visita aos aloxamentos rurais Cabanas do Avia, en Ribadavia, beneficiarios do programa en anteriores edicións.
A convocatoria conta cun orzamento de 5 millóns de euros e está dirixida a pemes, persoas autónomas, cooperativas, asociacións, fundacións e outras entidades, ademais de persoas físicas. As axudas permiten financiar tanto a redacción dos proxectos como a execución das obras.
Unha das principais novidades desta edición é o incremento da contía máxima, que pasa de 140.000 a 250.000 euros para edificacións en altura, actuacións de uso residencial colectivo e promocións singulares. Estas últimas inclúen proxectos innovadores ou pouco habituais en Galicia, iniciativas piloto ou actuacións con especial impacto territorial, social ou estratéxico.

Con carácter xeral, as empresas e entidades poderán recibir ata 90.000 euros pola suma das axudas para proxecto e obra, mentres que para particulares o límite conxunto sitúase en 45.000 euros. A intensidade ordinaria da subvención é do 50 % do gasto subvencionable e pode chegar ao 70 % cando se empreguen produtos de madeira procedentes de montes galegos certificados e con rastrexabilidade ou produtos amparados pola marca de garantía Piñeiro de Galicia.
Segundo a Xunta, o programa busca favorecer a modernización do tecido industrial galego, contribuír á loita contra o cambio climático e promover a eficiencia enerxética, así como mellorar o confort e o benestar nas edificacións construídas con madeira.
Galego









Control OJD