¿Como manexar as colmeas sen tratamentos, intervindo o mínimo posible na vida das abellas? O técnico da Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia (Apega), Xosé Manuel Durán, explicou como facelo durante as xornadas técnicas do Día do Apicultor, organizadas o pasado febreiro pola Asociación Galega de Apicultura (Aga), en Arzúa.
Para entender os fundamentos do manexo apícola sen tratamentos, Durán explicou a importancia de considerar o enxame como un ser vivo, as abellas células especializadas e coñecer os dous elementos claves nos que se basea a saúde do enxame: a temperatura e a cera.
A parte máis interna da colmea, ao que chamou núcleo vital, mantense a unha temperatura constante de 35 ºC, para o cal as abellas invisten as 2/3 partes de toda a materia prima que recollen. “Sirva como exemplo que se unha colmea transformase en mel todo o néctar recollido obtería 300 Kg, dos cales 200 irían para xerar calor”, explicou Xosé Manuel Durán.
“A temperatura entón ten un custe elevadísimo pero necesario, do contrario as abellas non investirían tantos recursos niso”, engadiu.
“A temperatura e a cera son claves para a saúde do enxame”
Outro factor clave é o panal de cera, que dentro do ser vivo “enxame” sería un órgano máis. Ao igual que a temperatura, a inversión en construír os panais é elevada. Como mostra explicou que para elaborar un kilo de cera precísanse 7,5 kg de mel e unha abella tarda 4 minutos en producir unha escama de cera. “Se as abellas puideran prescindir da cera ¿invertirían tanto tempo e esforzo?”, preguntou.
“A cera é refuxio, almacén, zona de produción, incubadora, base de comunicacións a través das vibracións, almacén de información, é única para cada colmea e a primeira liña de defensa contra os patóxenos”, subliñou o técnico de Apega.
Con toda esta información, Durán explicou que deberíamos dubidar máis á hora de visitar as colmeas e respectar ao enxame como ser vivo, enfatizando en que os humanos non podemos superar o traballo das abellas.
¿Como levar estas ideas á práctica?
Para levar esta forma de apicultura á práctica, o técnico de Apega apostou por “ou volver aos trobos, á colmea tradicional, co inconveniente que supón a escasa produción de mel, ou aproveitar os coñecementos actuais para que a apicultura poida ser unha actividade produtiva”, chegando a un consenso entre o natural e o produtivo, que sería no que se basea o sistema de manexo que propoñen dende Apega.
Dende o punto de vista técnico, consiste na disposición quente dos cadros da colmea, por un lado, para facilitar o mantemento da temperatura no núcleo vital. Así, os cadros estarían colocados de forma que os pasillos sexan paralelos á piqueira evitando as correntes de aire cara ao núcleo vital e axudando así a manter a temperatura interior.
“Os zánganos funcionan como atraentes de enfermidades”
Por outro lado, “é indispensable que polo menos na cámara de cría as abellas fagan a súa propia cera”, explicou. A cámara de cría propiamente dita estaría formada por tres medias alzas: nas dúas superiores, que equivalen ás dimensións dunha cámara Dadant ou industrial, na que se colocan 10 ou incluso 11 cadros Dadant cunha tira de cera a modo de pauta para que elas fagan o resto do panal, e a media alza inferior déixase baleira. A entrada da colmea está situada entre esta media alza inferior e as dúas superiores.
Cando as abellas fan a súa propia cera, tenden a facer celdas de zángano cando o enxame o precisa e sempre na periferia do núcleo vital onde a temperatura é menor, “pero iso é positivo porque os zánganos son máis débiles, inmunolóxicamente falando, e funcionan como atraentes das enfermidades, evitando que estas vaian para as celdas de cría de abella e cando esta cría está enferma as abellas limpan as celdas e elimínanas”, explicou.
Como conclusión, Xosé Manuel Durán destacou que “a experiencia deste tipo de manexo que están practicando os socios e socias de Apega, cun control rigoroso do nivel de varroa realizado polo propio apicultor e supervisado por un veterinario, está demostrando que as colmeas están sas e fortes e non precisan de tratamentos contra a varroa”.
Apega presentou ante a Xunta o seu “Programa Sanitario Excepcional e de Investigación ou Experimentación en Apicultura”
Dende a Asociación Galega de Apicultura salientan que “se ben compartimos a filosofía da apicultura sen tratamentos, atopamos máis trabas administrativas á hora de poñela en práctica, tanto para as exencións dos tratamentos como polas maiores esixencias para o libro de control”.
Neste sentido, a día de hoxe, Apega presentou ante a Consellería do Medio Rural o seu “Programa Sanitario Excepcional e de Investigación ou Experimentación en Apicultura” denominado Programa MENA no que participan 4 apicultores, un por cada provincia, nos que se aplicará está nova maneira de entenderse coas abellas e reducir así os tratamentos.
Máis información: www.apega.gal