Mandl, unha granxa ecolóxica austríaca que cambiou as vacas polas cabras e busca ser autosuficiente

Michael fíxose cargo da explotación familiar no ano 2012, introduciu un rabaño de raza saanen e montou unha queixería. Hoxe vende en Austria, Alemaña e Hungría e produce os cereais e a enerxía que necesita

Michael Mandl e a súa muller Julia, xunto ás súas cabras

Michael Mandl e a súa muller Julia, xunto ás súas cabras

Na granxa da familia Mandl, situada en Lichtenegg, no corazón da rexión austríaca de Bucklige Welt, tiñan 20 vacas leiteiras e 90 de carne pero cando no ano 2012 Michael decidiu incorporarse e coller o testigo dos seus pais nin o leite de vaca nin a carne de tenreira se pagaban moi ben, así que decidiu darlle un xiro total á explotación apostando polas cabras e por transformar o seu leite.

Hoxe, a granxa que Michael leva xunto á súa muller, Julia, conta con 300 cabras en produción e vende os seus queixos en toda Austria e en restaurantes de Alemaña e Hungría. Ademais, organizan visitas guiadas para colexios e familias para dar a coñecer o que fan e como coidan dos animais.

A granxa produce en ecolóxico desde o ano 2001 e gañaron xa varios premios, tanto pola calidade dos seus produtos, como de innovación e agricultura sostible.

Cabras de raza saanen

O carro mesturador deposita a comida nunha cinta transportadora que serve de comedeiro. Deste xeito aforran o pasillo de alimentación.

Un carro mesturador fixo, onde cargan as materias primas da ración, deposita a comida nunha cinta transportadora que serve de comedeiro ás cabras. Deste xeito aforran o pasillo de alimentación.

As cabras de Michael son de raza saanen, unha raza suíza procedente de Saanental, na parte sur do cantón de Berna, e producen entre 900 e 1.000 litros de leite por animal ao ano. A tempada alta de produción comeza en maio, cando entran 1.000 litros diarios de leite na queixería.

Reparten a parideira entre xaneiro e maio para poder facer queixo todo o ano

A metade dos partos fanos en xaneiro e a outra metade en maio para ter produción de queixo todo o ano. De media, as cabras téñenas 5 anos dando leite. Cada ano recrían unhas 150, tanto para cubrir as súas necesidades de reemprazo como para vender a outros gandeiros de caprino. No caso dos machos, unha parte dos cabritos acaban no zoo para alimentar con eles aos tigres ou os leóns. Páganllos a 5 euros o quilo. “En Austria non hai mercado para esta carne”, lamenta Michael.  

En Baixa Austria hai 40 granxas de leite de cabra pero son unha minoría fronte ás de vacún (3.600). En Lichetenegg, por exemplo, a deles é a única granxa con cabras, pero hai outras explotacións tanto de vacún como de porcino.

En toda Baixa Austria hai 40 granxas de leite de cabra fronte ás 3.600 de vaca

Michael recoñece que ao seu pai, que herdara a granxa dunha tía, doeulle moito ter que desfacerse das vacas que sempre houbera na casa, pero a rendibilidade manda e a explotación é hoxe un negocio moito máis saneado economicamente.

Producir e transformar

MANDLS ZIEGENHOF (Austria) queseria zona de envasadoMichael é tecnólogo dos alimentos de formación e desde o primeiro momento a súa idea sempre foi transformar o leite que produciran os seus animais. Por iso, no 2014, dous anos despois de coller a granxa, decidiu construír a queixería.

Moxen ás 5 da mañá nunha sala rotativa na que tardan hora e media en muxir todo o rabaño de 300 cabras (leva entre 2 e 3 minutos muxir cada cabra, que é o tempo que lle leva á rotativa dar unha volta enteira). De aí, o leite vai directamente á queixería.

Cada cabra produce entre 900 e 1.000 litros de leite ao ano

Elaboran os seus produtos con leite termizado (un tipo de pasteurización máis suave). Producen leite, iogur e distintos tipos de queixo. Fan queixo os 7 días da semana, aínda que só o envasan 4 días. “Baixamos ao envasado de leite líquido para consumo porque é máis rendible vendelo en forma de queixo”, recoñece.

Transforman case todo o leite que producen as súas cabras, uns 280.000 litros ao ano, en 40 toneladas de queixo (precisan unha media de 7 litros de leite para facer un quilo de queixo). A maior parte elabórano en pequenas boliñas do tamaño dun Ferrero Rocher que logo introducen nun bote con aceite de xirasol. “En Austria o consumidor quere un sabor suave”, din. Engádenlles ourego, cabaza ou chile e teñen unha caducidade de 60 días.

Tamén fan queixo para untar e iogur. Neste momento elaboran só 150 kg de iogur á semana pero queren tamén aumentar. “Ao consumidor cústalle entrar, porque asocia cabra con mal olor, pero en canto o proban gústalles e repiten”, aseguran.

Abrindo mercados nos países veciños

Las DOP e IGP transmiten al consumidor tradición, cultura y sostenibilidad

Algúns dos queixos que elaboran, que venden a un prezo de 20 euros o quilo

Os seus produtos poden mercarse na tenda que teñen na propia granxa e en varias cadeas de supermercados, como Spar. Tamén están presentes en numerosos hoteis e restaurantes de toda Austria e tamén en Alemaña e Hungría. “É un mercado novo que estamos abrindo. Gústalles o queixo para barbacoa pero nos hoteis e balnearios de Hungría, onde abunda un tipo de turismo de saúde, mercan os produtos en Austria porque a calidade dos produtos locais húngaros é inferior”, explica Michael. 

Venden o queixo a 20 euros o quilo e necesitan 7 litros de leite para facer un quilo de queixo

Venden o queixo a 20 euros o quilo e recoñece que as vendas se desenvolveron moi ben desde que tomou a decisión de transformar o seu leite e lle deu a probar o queixo ao carteiro, que foi o seu primeiro cliente.

Neste momento teñen en total 7 persoas contratadas, 1 na granxa e o resto na queixería e a oficina. Tres están a xornada completa e 4 a media xornada (20 horas semanais). “Os horarios e descansos son moi estritos na lexislación austríaca. Empezan ás 7 e media da mañá e se fan horas extra páganse. Teñen 5 semanas de vacacións e se están 20 anos traballando na empresa acumulan unha semana máis de vacacións”, detalla.

No seu caso, Michael e Julia collen sempre 2 semanas de vacacións para iren cos seus fillos a algún país (o verán pasado estiveron nos EEUU), pero este ano acaban de ter o terceiro cativo e quedarán por Austria. Michael é tamén cazador, unha afección moi estendida en Austria, e gusta de ir cazar corzo e xabarín, dúas especies que abundan pola zona. 

“O ciclo ten que estar pechado; eu non quero ter que depender da compra de insumos fóra da granxa”

Michael Mandl, no centro, xunto aos técnicos e gandeiros galegos que visitaron a granxa no mes de marzo nunha viaxe promovida pola Axencia Galega da Calidade Alimentara

Michael Mandl, no centro, xunto aos técnicos e gandeiros galegos que visitaron a súa granxa no mes de marzo nunha viaxe promovida pola Axencia Galega da Calidade Alimentara

Lichtenegg é un pequeno municipio de 1.000 habitantes situado a 80 km ao sur de Viena e a 930 de Bruxelas (como reza un cartel colocado na explotación), de onde chegan moitas das normativas e decisións que a Michael lle afectan.

A granxa conta con 72 hectáreas de superficie, 32 delas de monte e o resto dedicadas a cultivo de cereais, pradeiras e pastos. Na primavera, cando comeza a medrar o pasto, as cabras saen fóra a pacer (a granxa está situada a uns 700 metros de altitude e os prados esténdense cara o val).

A presión sobre o solo é cada vez maior nesta zona, xa que no entorno de Viena o chan para construír unha vivenda é moi caro e o pobo está a medrar coa xente que vén da capital buscando unha parcela máis asequible para facer a súa casa.

Economía circular

Prados da explotación, onde na primavera e o verán pacen as cabras

Prados da explotación, onde na primavera e o verán pacen as cabras

Michael é un firme defensor da economía circular e trata de aplicalo na súa granxa. “O ciclo de nutrientes ten que estar pechado. Co abono das miñas cabras fertilizo a terra para obter o alimento para elas. Buscamos ser autosuficientes. Eu non quero ter que depender da compra de insumos fóra da explotación”, di.

A granxa produce 300 pacas de herba seca e 200 de silo de herba ao ano, 1.000 metros cúbicos de silo de millo e 160 toneladas de cereal. “Damos o concentrado na rotativa para que entren ben a muxirse. Case todo o penso vén das nosas propias terras de cultivo e ás veces intercambiamos con algún agricultor veciño esterco por herba ou cereal. O único que mercamos é algo de torta de soia”, detalla. Con todo, é soia cultivada en Austria, xa que o país decidiu fai máis de 10 anos deixar de utilizar soia procedente dos EEUU ou Brasil nos pensos. 

Austra decidiu hai máis dunha década deixar de utilizar soia importada como materia prima nos pensos

A ración diaria das cabras que están en produción componse de 1.200 kg de silo de herba, 200 kg de silo de millo, 80 kg de feno de alfalfa e 500 kg de concentrado (cebada, avea, triticale e soia). Contan cun sistema de alimentación automatizado mediante un carro mesturador fixo colocado na punta do establo no que cargan coa pala do tractor os ingredientes da ración e 2 veces ao día faise a mestura e deposítase nunha cinta transportadora que fai de comedeiro na parte central da nave, con dous lotes de animais enfrontados, un por cada lado da cinta. “É un sistema moi bo porque aforra moito espazo no pasillo de alimentación”, asegura.

Autosuficiencia enerxética

Establo da recría, con sistema de renovación de aire e zona acristalada para as visitas

Establo da recría, con sistema de renovación de aire e zona acristalada para as visitas

Ademais da autosuficiencia na alimentación do gando, Michael procurou que a súa granxa producise tamén a enerxía necesaria para o seu funcionamento. Ten instalados 330 kw de potencia fotovoltaica e baterías de 150 kw. Con este sistema, montado no ano 2021, logra ser autosificiente enerxeticamente a maior parte do ano, agás nos meses de decembro e xaneiro.

O avó de Michael xa tiña fai moitos anos un muíño de vento e baterías

A queixería está climatizada a unha temperatura constante de 15ºC todo o ano, para o que contan dunha caldeira de biomasa para xerar calor que se alimenta cos restos forestais das 32 hectáreas de montes que teñen.

Empregan envases de cristal para o cliente final e de plástico para a hostalaría

O investimento total realizado na queixería no ano 2014 foi de 720.000 euros, dos que recibiron unha subvención de 98.000 euros. Para o establo da recría, sen embargo, o último que fixo, non obtivo axuda algunha. “Estiven dous anos agardardando polos cartos pero ao final non mos deron por exceder a cantidade de formigón permitida”, explica. Aínda que a nave é toda de madeira, está situada en pendente e foi necesario reforzar a cimentación.

Ofrecen visitas guiadas pola granxa

Zona da tenda da explotación, onde os produtos rexionais son os protagonistas

Zona da tenda da explotación, onde os produtos rexionais son os protagonistas

Tanto a granxa como a queixería están preparadas para facer visitas, cun balcón no caso do establo desde o que ver os animais e grandes cristaleiras na zona de elaboración do queixo. Todos os sábados pola tarde reciben visitas de familias e colexios.

“Tratamos de molestar o menos posible aos animais, porque as cabras son moi curiosas pero cada unha ten o seu propio carácter”, recoñece Michael. Na granxa dos Mandl as cabras están descornadas para evitar que se fagan dano unhas ás outras. “Faino o veterinario con anestesia; explicámosllo á xente que nos vén visitar e normalmente enténdeno”, di.

As cabras son animais moi curiosos e cada unha ten o seu propio carácter

A tenda da granxa, ademais dos produtos que eles elaboran, ten tamén artigos doutros produtores da zona. Está aberta de 7 e media da mañá a 7 da tarde e funciona mediante o sistema de autoservizo (os clientes entran, collen o que queren, pagan con tarxeta e marchan) sen que haxa ninguén atendendo ao público. “É un sistema moi habitual en Austria, que funciona moi ben e que che permite aforrar persoal”, asegura Michael.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información