Manawatu, unha granxa ecolóxica robotizada de Nova Zelandia que destaca pola calidade do seu leite

Greg Gemmell e a súa muller Amy subministran a materia prima coa que Fonterra elabora as distintas fórmulas de leite infantil que a cooperativa exporta a EEUU, Europa, China e Corea do Sur

Amy e Greg, nunha das pradeiras coas que alimentan ás súas vacas

Amy e Greg, nunha das pradeiras coas que alimentan ás súas vacas

A febre dos robots de muxido non chegou aínda a Nova Zelandia. Con 10.500 granxas e 4,6 millóns de vacas, a paisaxe agraria inunda todos os recunchos do país, pero hai que buscar moito para encontrar unha explotación que muxa con robot.

Tan só 24 ganderías leiteiras neozelandesas teñen apostado por sistemas de muxido robotizado, unha minoría na que se inclúe a da familia Gemmell. O matrimonio formado por Greg e Amy colleron o relevo dos pais de Amy, Margaret e Brian, que rexentaran a explotación durante 32 anos, incorporándose como aparceiros mediante o sistema de muxido compartido (share milking) habitual en Nova Zelandia.

Muxían nunha sala antiga en espiña de peixe até que no ano 2016 se decidiron a poñer os robots de muxido, sendo pioneiros no país. “Os robots tardaron en chegar a Nova Zelandia por dous motivos: o seu custo e o sistema de pastoreo”, recoñece Greg. O investimento total na modernización das instalacións, no seu caso, foi dun millón de dólares neozelandeses (medio millón de euros) para a instalación de 3 cabinas de muxido.

Hai máis robots de muxido nunha parroquia calquera da Pastoriza ou de Santa Comba que en toda Nova Zelandia

Foron varias as razóns que levaron a Greg e Amy a apostar polos robots, conscientes que poñer robots en Nova Zelandia é ir a contracorrente. Unha delas foi a da calidade de vida: “Muxiamos 2 veces ao día e levábanos unhas 6 horas diarias muxir, con bastante frecuencia traballabamos 90 horas á semana e a metade dese tempo pasabámolo muxindo. Ate que puxemos os robots nunca puideramos almorzar xuntos na casa cos nosos fillos pola mañá”, salienta Amy.

Greg engade outros argumentos que teñen que ver coa saúde física e co relevo xeracional: “Nós levabamos xa 25 anos muxindo na sala e pensar en ter que pasar outros 20 anos que nos faltaban para xubilarnos enriba do hormigón botábanos para atrás. Evitar ese traballo físico repetitivo foi unha das razóns que nos levou a montar os robots. E pensando a longo prazo, se os nosos fillos (Flynn e os xemelgos Hadley e Ronan) están interesados en seguir coa granxa, isto dalles a oportunidade de facelo doutra maneira”, asegura.

Concentración de partos dúas veces ao ano

MANAWATU (Nova Zelandia) vacas caminho do robot de muxidoA granxa dos Gemmell está a muxir neste momento unhas 180 vacas, tendo que reducir uns 50 animais en produción debido á limitación que exercen os robots. Pero a redución no número de cabezas non supuxo unha caída da produción total da explotación. “Logramos un 20% máis de produción con 40 vacas menos”, destacan.

Como os robots limitan a capacidade da granxa, pasaron de muxir 230 vacas a 180 pero mantiveron a produción

A maior parte das vacas paren na primavera pero ás que non empreñan e quedan para parir no outono póñenlles cruces cárnicos con touros de raza hereford para despois criar os xatos para carne.

Cando tiñan a sala, prescindían de muxir no inverno, como fan a maioría das granxas en Nova Zelandia, concentrando a totalidade dos partos na primavera. Pero desde que puxeron os robots volveron instaurar a dobre parideira.

Fonterra incentiva a produción de leite no inverno cunha prima extra

“Na zona de Manawatu acostumamos ter invernos suaves, polo que non supón un problema excesivo ter vacas paridas e é unha mágoa ter que mandar as vacas que non empreñan para parir na primavera para o matadoiro e non poder darlles unha segunda oportunidade no outono para aproveitalas”, xustifican.

Producen uns 85.000 kg de sólidos ao ano, dos que uns 10.000 proceden dos partos do outono, época na que contan cunha prima a maiores por parte de Fonterra para o leite producido no inverno. A media por vaca é de 21 litros diarios, cun 4,08% de graxa e un 3,7% de proteína.

A tecnoloxía non substitúe ao gandeiro

Aseguran que a implantación do muxido robotizado serviulles para mellorar a saúde de ubre e o benestar xeral do seu rabaño. “O primeiro que vemos é que non temos vacas enfermas”, salientan .

A monitorización do gando por medio dos colares permite a Greg e Amy adiantarse a posibles problemas. “Podemos detectar a enfermidade da vaca antes de que ela mesmo saiba que está enferma”, asegura Greg.

Hoxe podemos detectar a enfermidade da vaca mesmo antes de que ela saiba que está enferma

A tecnoloxía permítelles ter máis controladas ás vacas, aínda que non as vexan fisicamente en todo o día. “Antes tíñaas diante de min dúas veces, cando as tiña que muxir pola mañá e pola noite, pero ao final non mirabas para elas, só lles vías o cu e o ubre”, di Greg.

É Amy a que se encarga diariamente de supervisar e analizar os datos no ordenador e aínda que é partidaria de aproveitar ao máximo as vantaxes da tecnoloxía en cuestións como a mellora reprodutiva, insiste en que “debes seguir sendo un gandeiro para saber o que é un celo sen necesidade de mirar a pantalla”.  

Sen empregados

MANAWATU (Nova Zelandia) robot de muxidoGrazas á maior liberdade horaria que lles permiten os robots, Greg e Amy manexan a explotación sen empregados, aínda que botan man dun servizo de substitución durante as vacacións e algunha que outra fin de semana. “Unhas 120.000 persoas, entre gandeiros e empregados, érguense ás 4 da mañá todos os días para muxir en Nova Zelandia; nós non somos uns deles”, valoran.

Tes que ir sempre un paso por diante do robot e ter ao día os mantementos; se fas iso, as chamadas pola noite son moitas menos

Para evitar as temidas chamadas do robot pola noite, Greg recomenda levar ao día os mantementos. “Tes que ir sempre un paso por diante do robot, hai deterxentes que encher, filtros que cambiar e láseres que limpar. Se fas iso, as chamadas son moitas menos”, asegura.

“O futuro está no ecolóxico”

Nova Zelandia produce 21 millóns de toneladas de leite ao ano e é un dos principais países exportadores de produtos lácteos a nivel mundial, representando unha cuarta parte das exportacións de produtos lácteos no mercado global.

Por iso, a cooperativa Fonterra, case hexemónica no país, é moi sensible aos vaivéns comerciais da oferta e a demanda pero, ao mesmo tempo, un faro que detecta antes ca ninguén os cambios de tendencia no consumo a nivel internacional.

Fonterra está a incentivar o paso das súas granxas a ecolóxico cunha prima específica, pero das 10.000 granxas que hai en Nova Zelandia, só 100 producen leite en ecolóxico

Foron os que lanzaron fai anos o leite A2, que están abandonando porque non lle ven percorrido, para enfocarse agora máis cara á produción de leite ecolóxico, unha tendencia aínda moi minoritaria entre as explotacións leiteiras do país pero que desde Fonterra están a incentivar a través dunha prima extra de 3 dólares neozelandeses (1,5 euros)  por kg de sólidos entregado, a unidade de medida na que se paga o leite en Nova Zelandia.

A media de Manawatu sitúase entre os 440 e os 450 kg de sólidos por vaca e ano. “Estamos sendo máis rendibles desde que nos pasamos a ecolóxico, porque producimos os mesmos quilos de sólidos por vaca pero págannolos máis”, din. O prezo do penso ecolóxico é tres veces máis caro que o convencional, pero os gastos veterinarios baixaron de 40 dólares por vaca a 5.

Saúde do chan e boa hixiene de manexo son os criterios que emprega Fonterra á hora de escoller ás granxas para pasar a ecolóxico. Entre o 6 e o 8% da produción da granxa de Greg e Amy destínase a leite fresco para venda nos supermercados locais e o resto para exportar como leite de fórmula infantil. A fábrica está no centro de Nova Zelandia e o produto envíase a 9 países: o 50% da produción a EEUU e o resto a Europa, China e Corea do Sur fundamentalmente.

O leite de transición ou con alta condutividade vai para alimentar a recría e os becerros de carne até os 12 meses

Debido ao destino principal do leite producido por Manawatu, poñen especial coidado na calidade hixiénico-sanitaria. “O leite de transición ou con alta condutividade vai para alimentar aos becerros, tanto para a recría como para os xatos de carne, que despois son cebados con herba. “Dámoslles leite uns 12 meses, que sería o tempo que mamarían de xeito natural na nai”, xustifican.  

Ás vacas con células altas ou con baixa proteína no leite insemínanas con seme de carne e non recrían delas. Non usan seme sexado, aínda que está permitido en ecolóxico, e teñen un touro para as repetidoras, que botan logo do período de 6 semanas de inseminación artificial. “Non usamos seme sexado porque é un risco, xa que a fertilidade é menor co sexado e teriamos menos tempo despois para outros intentos”, argumenta.

O Goberno non quere que aumente a produción de leite ecolóxico porque non queren granxas, queren árbores

Greg está convencido de que o futuro da produción de leite pasa por facelo en ecolóxico, porque “o consumidor está demandando unha trazabilidade da súa alimentación”. Con todo, das máis de 10.000 granxas que hai en Nova Zelandia tan só 100 producen leite en ecolóxico e todas están na illa norte.

En Nova Zelandia tamén hai granxas estatais e todas elas producen en ecolóxico, pero Greg considera que “en realidade, ao final o Goberno non fomenta que haxa máis vacas nin máis produción de leite”. “Non queren granxas; queren árbores”, asegura.

“A saúde das vacas comeza na saúde do solo”

MANAWATU (Nova Zelandia) Greg tanque leiteA granxa da familia Gemmell está situada en Bunnythorpe, unha localidade próxima a Palmerston North, na illa norte de Nova Zelandia. Dispoñen de 100 hectáreas de superficie de pastos no entorno da nave de produción leiteira onde instalaron os robots de muxido, máis 52 hectáreas adicionais de superficie de apoio que adican á produción forraxeira e ao cebo dos becerros de carne, que toman leite de vaca até o ano e despois son cebados a pasto, acadando un peso ao sacrificio duns 600 kg de peso vivo (entre 320 e 350 kg/canal). Véndenos con 24 meses a un prezo de 7 dólares neozelandeses/kg canal, 1 dólar máis que en convencional. “En ecolóxico o prezo é estable, mentres que en convencional flutúa moito máis”, engaden. Queren ter carne marmolada e de crecemento lento, polo que seleccionan touros cárnicos de razas como hereford ou angus buscando iso.  

Nesa outra ubicación, situada aproximadamente a un quilómetro de distancia, dispoñen dunha granxa satélite para a recría e fan uns 500 rolos de silo e 600 de herba seca para a suplementación do gando no inverno. Son autosuficientes en forraxe, o que lles supón un importante aforro económico. “Se os tivésemos que mercar, cada rolo en ecolóxico custaríanos 150 dólares neozelandeses (75 euros)”, detallan. Cando ensilan, cortan a herba a unha cuarta do chan buscando calidade da forraxe e favorecer o rebrote da pradeira.

Fan uns 1.100 rolos de silo e herba seca para suplementar ao gando no inverno

Greg e Amy coidan da saúde das súas vacas, pero tamén da saúde das súas fincas. “A saúde animal comeza cun bo solo”, asegura Greg. Cada ano envían unha mostra de solo a EEUU para analizar e detectar carencias a corrixir. Por exemplo, fai anos tiveron un problema de falta de iodo no chan.

“Non hai laboratorio de solo para ecolóxico en Nova Zelandia, e como necesitamos a certificación dos EEUU para exportar o noso leite para alí, facemos tamén alí as analíticas de solo”, explican.

Prácticas de agricultura rexenerativa

MANAWATU (Nova Zelandia) pradeiraAdemais de estar certificados en ecolóxico e non empregar urea nin herbicidas químicos, seguen os principios da agricultura rexenerativa en cuestións como non laborear e sementar pradeiras multiespecie.

As vacas entran nas parcelas a pacer con 3.000 kg de materia seca e saen con 1.500. “O que vemos é que as vacas o primeiro que comen é o resto de plantas e despois o raigrás, o que quere dicir que nunha pradeira só de raigrás non lles queda máis remedio que comer o malo”, argumenta Greg.

Renovan cada ano 5 hectáreas de pastos mediante sementeira directa de cando menos 14 ou 15 especies diferentes. Ademais de variedades de raíces profundas e outras que fixan nitróxeno, tamén inclúen raigrases, trevos, achicoria, plantago ou xirasol.

Empregan plantas de raíces profundas para mobilizar cara a superficie os nutrintes do subsolo

Nas parcelas que destinan a patios de castigo no inverno, avanzan en franxa con fío. “antes en convencional esas fincas quedaban moi machacadas; agora, en cambio, vemos que sae moito trebo nelas”, asegura Greg.

Pero a maior diferenza que viron nas pradeiras co paso a ecolóxico foi “a cantidade de bicherío que comezou a aparecer na superficie”. “As colonias de escaravellos peloteiros están traballando por nós; son un bioindicador moi bo”, afirman.

“Nos nosos pastos hai moitos vermes, e no solo miñocas, plantas de raíces profundas e moito trevo”, destaca Greg. O solo é franco limoso que no verán se volve moi duro. “É unha zona seca no verán e mollada no inverno, con parcelas que se encharcan”, contan. Para favorecer a infiltración da auga sementan especies de raíces profundas que tamén son capaces de aproveitar os nutrintes do subsolo.

Fan análises todos os anos e abonan só para corrixir as carencias detectadas, pero non fertilizan con nitróxeno

Fan análises todos os anos e abonan só para corrixir as carencias detectadas, pero non fertilizan con nitróxeno. O calcio, o potasio e o boro acostuman ser os principais ingredientes da mestura coa que abonan. Procuran manter altos niveis de materia orgánica e un pH de 6,4 e grazas ás plantas de raíces profundas tratan de mobilizar o fósforo do subsolo e atraelo cara a superficie.

Dispoñen tamén en parte da superficie, sobre todo naquelas parcelas máis secas, de regadío mediante o sistema K-Line, moi presente en Nova Zelandia e que se basea na extensión pola superficie da pradeira dunha mangueira conectada a unhas unidades superficiais de aspersores circulares. 

Sistema de pastoreo con robot

MANAWATU (Nova Zelandia) explicacion pastoreoA explotación mantén o pastoreo como base do sistema de alimentación do gando e adaptaron o cambio de parcela ao muxido con robot, de maneira que a superficie a pasto divídese en tres bloques (A, B e C), cunha porta selectora á saída do robot que envía á vaca a unha nova dirección cada oito horas aproximadamente.

Entrar a unha nova parcela de pasto é o verdadeiro incentivo para que as vacas acudan a muxirse, malia que no robot reciban tamén unha pequena recompensa a base de minerais e melaza, co obxectivo principal de que se manteñan entretidas no momento de muxirse e estean quedas.   

Unha porta selectora á saída do robot serve para enviar ás vacas que acoden a muxirse a unha parcela con pasto fresco

A división do pasto diario en tres das parcelas diferentes diminúe o efecto das vacas dominantes, diluíndo as xerarquías e permitindo pacer con maior liberdade ás xovencas e ás vacas máis tímidas.

Como complemento ao pasto, as vacas reciben silo de herba, herba seca, gran de trigo e 1 kg de penso ao día como máximo (para logralo teñen que acudir 3 veces ao robot a muxirse, xa que reciben 330 gr en cada muxidura). A media de veces que os animais acoden ao robot sitúase en 1,6 muxidos/vaca/día.

Lonxevidade do gando

MANAWATU (Nova Zelandia) vaca mais vella da granxaA lonxevidade do gando é un aspecto fundamental nesta granxa. “Para nós é un indicador clave do benestar animal”, din. Tan só precisan entre 10 e 15 xovencas de reemprazo ao ano, que acadan o primeiro parto entre os 30 e os 36 meses. “Tratamos que cheguen a parir grandes e damos importancia ao proceso de recría para que despois aguanten moito tempo dando leite na granxa”, xustifican.

Poucas veces lles enferma unha vaca e cando isto acontece, botan man de remedios homeopáticos e de solucións naturais permitidas pola certificación en ecolóxico. “Para o control parasitario a nosa estratexia é darlles ás becerras o leite materno durante un ano porque sabemos que dese xeito non van coller parásitos nese tempo. Danos bastante traballo pero é efectivo”, aseguran.

Botan man de remedios homeopáticos e solucións naturais para tratar as enfermidades do gando

Por cuestións de benestar animal, non fan descornado, senón que o que fan é poñer seme sen cornos. Nos machos que ceban, a normativa en Nova Zelandia obriga a facer a castración nas dúas primeiras semanas de vida. Nas vacas, non fan tampouco tratamento de patas nin podoloxía, posto que ao camiñar todos os días xa desgastan os cascos. “Coa nosa carga gandeira non presionamos nin os pastos nin ás vacas”, afirman.

Aseguran  ademais que o muxido robotizado permítelles tamén ser máis respectuosos co medio ambiente. “Outra das vantaxes dos robots é que acumulamos menor cantidade de purín e outros efluentes, dado que as vacas veñen muxirse e volven marchar ao prado, non están tanto tempo nas instalacións como pasaban antes na sala de espera e na sala de muxido”, argumentan. Tamén aforran auga, din, porque antes empregaban uns 40 litros por vaca e día para lavar e agora necesitan tan só 7.

O peche que tiñan na maioría das fincas era de estacas de piñeiro tratado mediante un proceso químico, pero agora ao estaren en ecolóxico non poden usalas e empregan estacas de plástico reciclado procedente do plástico dos silos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información