Mamasunción, a tenda que volve ó (eco)lóxico

Estefanía Fernández e Xosé Filloy son os impulsores deste comercio situado en Silleda (Pontevedra) especializado en produtos de proximidade, entre os que a horta orgánica e sostible ten un lugar destacado. Coñecemos máis sobre esta iniciativa que está a traballar man a man con produtores do agro galego

Mamasunción, a tenda que volve ó (eco)lóxico

Xosé Filloy e Estafanía Fernández na súa tenda Mamasunción en Silleda.

Hai arredor de ano e medio que Estefanía Fernández e Xosé Filloy regresaron a Silleda (Pontevedra) a súa vila natal, dende as Antípodas. Levaban xa 13 na emigración, os 6 primeiros en Barcelona e os 7 últimos vivindo en Auckland, en Nova Zelandia. Chegaron cun obxectivo claro: abrir a súa tenda de produtos sostibles e locais. Na súa oferta habitual, a horta de proximidade ten un lugar especial e prioritario.

“Queremos proporcionarlle ós nosos clientes todas aquelas ferramentas para que poidan levar unha vida máis (eco)lóxica”

Na tenda tamén teñen espazo para produtos a granel, a cosmética e a crianza natural ou a artesanía local. “Queremos proporcionarlle ós nosos clientes todas aquelas ferramentas para que poidan levar unha vida máis (eco)lóxica”, explica Filloy. Este afán por ofrecer propostas de proximidade e respectuosas co medio estalles permitindo coñecer e tratar con produtores locais que traballan en ecolóxico.

Mamasunción, que así se chama este punto de venda que comezou a funcionar en outubro, é tamén un recordo vivo da emigración, tanto coa propia experiencia dos seus impulsores, como ó botar man do nome desta recoñecida curtametraxe de Chano Piñeiro que xiraba en torno á espera dunha nai por un fillo emigrado. Fani e Xosé tiñan claro que a súa tenda debía levar nome de muller e non dubidaron en que esta sería todo un acerto.

froita-mamasuncion

Algúns dos produtos frescos que comercializan no día a día en Mamasunción.

Cumprir 3 requisitos

Para abastecer a súa tenda están a contactar sobre todo con produtores e provedores de proximidade. “A nosa intención inicial era que todo o noso produto fose local ou comarcal, pero vimos que era inviable, xa que non conseguiamos ter abastecidas algunhas das demandas de froitas e verduras que nos facía a clientela”, recoñece Filloy.

Apostan por priorizar os produtos de tempada, pero tamén tentan conseguir unha oferta variada, o que ás veces lle fai ter que botar man de provedores un pouco máis afastados. “Sempre tentamos que o produto estea o máis próximo á tenda, pero cando non é posible optamos polo nacional. Durante o inverno, por exemplo, cando non había mazás galegas no mercado, trouxémolas de Cataluña”, detalla o tendeiro.

“Procuramos produtos cunha conciencia orgánica. De nada nos sirve ter un selo ecolóxico na produción se logo se comercializa envolto en plástico e recorre miles de quilómetros ata chegar a nós”

Buscan que os seus produtos cumpran 3 requisitos: sexan orgánicos, locais e libres de plástico. “Procuramos produtos cunha conciencia orgánica. De nada nos sirve ter un selo ecolóxico na produción se logo se comercializa envolto en plástico e recorre miles de quilómetros ata chegar a nós”, concreta. Un dos seus principais provedores cumpre con todos eles, como é o caso de Trasdeza Natur, unha produtora de horta en ecolóxico que se atopa no mesmo concello de Silleda e que lles proporciona as hortalizas, froitas e verduras sen envolturas de plástico.

produtos-mamasuncion

Porén, cumprir con todos eles é unha tarefa ardua e ás veces teñen que flexibilizar estas condicións. “Agora mesmo temos un produtor de Silleda que nos trae unhas leitugas moi boas, non está en ecolóxico polo que nós informámoslle diso sempre ós nosos clientes, pero cumpre dous dos 3 requisitos e xa nos parece moi importante. Preferimos mercarlle a el as leitugas, aínda que non sexan ecolóxicas, que traelas co selo ecolóxico pero que veñan da outra punta de España envoltas en plástico”, reivindica.

Minifundismo na produción local

Estes meses de andaina tiveron certas dificultades para conseguir todas aquelas hortalizas e froitas que querían ter na tenda. “Vimos que hai moitos produtores especializados nas mesmas verduras e outras que é moi difícil de atopar. Houbo momentos nos que nos resultou complicado ter cabaciños, berenxenas ou brócoli, produtos que teñen moita demanda no día a día”, concreta Filloy.

“Bótase de menos que os produtores estean máis asociados”

Con todo, a por de ir localizando a produtores, moitas veces a través das propias recomendacións de clientela e coñecidos, foron abranguendo e tecendo unha rede na que teñen dende agricultores ata artesáns. “Bótase de menos que os pequenos produtores locais estean máis asociados, porque esa podería ser unha vía que a nós como clientes nos facilitara acceder á súa mercadoría e coido que para eles tamén lles podería servir para diversificar a produción ou coordinar servizos de entrega”, valora.

Mamasunción é a súa primeira tenda, pero tanto Estefanía coma Xosé xa teñen experiencia neste ámbito. Así, en Nova Zelandia, importaban as esponxas vexetais Iberluffa, cultivadas de xeito orgánico en Caldas de Reis (Pontevedra) e que exportan a todo o mundo. Isto permitiulles coñecer un gran número de tendas ecolóxicas no país e aprender de todas elas á hora de montar a súa propia tenda. “Daquela eramos nós os provedores e fomos vendo tamén as demandas que tiñan, algunhas moi semellantes ás que nos podemos atopar nós agora”, apunta. Tamén colaboraron xa coa posta en marcha dunha tenda ecolóxica dun amigo en Barcelona. “Levamos moitos anos apegados xa á produción orgánica e sostible como consumidores e agora tamén como vendedores”, comenta.

Á marxe da propia venda de produtos, Filloy recoñece que tamén tentan facer unha labor educacional para fomentar un consumo cada vez máis sostible. Son pequenos xestos que supoñen aproximarse a un modelo máis respectuoso co medio. Na tenda, a eliminación das bolsas e dos envoltorios de plásticos, que substitúen tanto por bolsas de papel, como pola reutilización de envases como caixas ou botellas de vidro, son algúns dos exemplos que poñen en práctica no seu día a día.

granel-Mamasuncion

A venda a granel, para poder escoller a cantidade que cada cliente queira, é outro dos puntos fortes desta tenda.

Para promover este cambio tamén están a ser fundamentais os outros dous eixos da tenda: os produtos a granel e a cosmética e crianza natural. Na venda a granel hai tamén produtos de proximidade, como faba galega. “Nós sempre reivindicamos a importancia de poder mercar a cantidade que se precise, por iso a nosa aposta por dispensadores a granel. Nestes tempos, por mor das medidas sanitarias, os dispensadores están a incrementar a carga de traballo na tenda e tampouco están a resultar todo o prácticos que quixéramos para a clientela, xa que somos nós os que lles proporcionamos o produto”, recoñece.

Do mesmo xeito, tanto na cosmética coma na crianza natural tamén están priorizando a oferta local, incluíndo artesáns da zona coma Atalanta Madera, un obradoiro de Berres (A Estrada) especializado tanto na fabricación de pezas para o fogar (pratos, crebanoces de madeira, xaboneiras, palliñas reutilizables de madeira de sabugueiro…) coma xoguetes en madeira.

Os comezos non adoitan ser doados, mais no seu caso mesmo se cruzou polo medio unha pandemia. Con todo, neste tempo amósanse moi satisfeitos coa resposta que están a ter. “Pese ós peches perimetrais que nos están a reducir moito a nosa posible clientela e as limitacións pola pandemia que tamén modificaron a dinámica inicial da tenda, nestes primeiros meses a resposta da xente está a ser moi boa, estamos moi contentos”, conclúe Filloy.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información