
“Non ten sentido remitir unha circular un luns, cando os profesionais do sector xa temos programada toda a actividade semanal. Houbo que revisar todas as rutas e tampouco tiñamos claros os pasos a seguir porque non hai información suficiente”, sinala Marisol López Núñez, da Asociación Galega de Empresarios de Gando, a raiz da recente normativa da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia que regula o transporte de gando durante as vagas de calor.
O principal problema está na emisión das guías, é decir, o documento que emiten os servizos veterinarios para autorizar o transporte de cada animal. Coma un pasaporte. López indica que non hai recursos suficientes para que os transportistas e tratantes poidan garantir que cumpren coa normativa, polo que prefiren non arriscar e reducen a carga de traballo.
A posibilidade de concentrar nun só día as operacións nos mercados de Silleda e de Amio para reducir os quilómetros de traslado non sería viable nin legal, segundo os profesionais. “O primeiro atranco estaría na parte administrativa, xa que habería que obter diferentes permisos. Pero, sobre todo, non se cumpriría cos horarios de traballo que teñen fixados os condutores.” Por eso, reclaman solucións máis realistas.
Ante esta nova situación, os transportistas non desbotan realizar un parón. “Son responsables do benestar animal dende que se carga o animal ata que se deposita. Eso supón unha enorme carga. E agora impónselles outra tarefa sen sequera dotalos de recursos nin darlles información. É lóxico que se plantexen parar.” afirma López.
O primeiro efecto do malestar e as dúbidas entre os profesionais do sector xa se deixou sentir esta mañá no mercado de Amio. “Na zona de recría tan só entraron 175 animais. Cando a media das últimas semanas estaba por riba dos 1.000 exemplares. Estivemos mirando na aplicación que se nos indica e comprobamos que, aínda sacando os animais ás tres da tarde e indo para o destino máis lonxano (Cataluña), non se acadan as temperaturas máximas. E, sen embargo, os transportistas prefiren non arriscar.”
Marisol López asegura que tanto gandeiros como tratantes e transportistas amosan a súa estraneza ante unha normativa da que non se informou. “O ano pasado, o anterior e o anterior houbo vagas de calor e non pasou nada. Aínda así, se había intención de regular, puideron facelo moito antes para que houbera tempo de organizarse.”
Como exermplo de contradición da normativa, López apunta aos tempos de descanso. “A normativa establece uns tempos de descanso obrigatorio para os transportistas. Pero pode pasar que o tempo de descanso coincida cun pico de calor. Nese caso terá que prevalecer unha das normas sobre a outra. Pero tampouco se nos informou. Un caos que está a causar moito malestar.”
Galego









Control OJD