Malestar entre os gandeiros de carne da comarca da Terra Chá coa dirección de Acruga polo cambio da persoa encargada da inscrición dos animais no libro xenealóxico da raza rubia galega.
Os socios de Acruga na comarca veñen de presentar un escrito con 92 sinaturas, que representan máis do 90% dos gandeiros da zona, para protestar polo cambio de controlador. Consideran que a opinión dos socios non foi tida en conta nesta decisión e din non entender os motivos para esta modificación.
“Non hai razón algunha que o xustifique. Os gandeiros estabamos contentos coa persoa que facía o seguimento nas nosas granxas, como así o demostran as sinaturas presentadas”, afirma César Piñeiro, que ten unha explotación en Pino (Cospeito).
Non tiveron en conta para nada a opinión do socios e máis do 90% estamos en contra da decisión
Este mozo de 35 anos hai cinco decidiu incorporarse á actividade e dar continuidade á explotación dos seus pais. “Na casa tiveramos primeiro vacas de leite e despois cambiaramos para a carne”, conta.
César vive da gandería e entre os seus plans está seguir aumentando o número de cabezas (na actualidade conta con 35 reprodutoras) e redimensionando a explotación, aínda que admite que “neste momento as cousas non están moito para iso”.
“Xa coñecía as ganderías e estabamos contentos”
Ao igual ca César, o seu veciño Antonio, de Goá, tampouco entende a decisión de Acruga de mover a controladora que levaba a zona ata este mes de agosto. “Era unha persoa moi servicial e xa coñecía as ganderías todas desta zona, porque levaba xa 4 ou 5 anos”, destaca.
Cando se produce un nacemento a controladora é a encargada de anotar o animal no libro xenealóxico e supervisar que cumpre coas características morfolóxicas requeridas
Acruga conta con 7 controladores para toda Galicia e “o recomendable é que vaian rotando periodicamente e pasando todos polas diferentes zonas, sempre se fixo así en Acruga, seguindo unha práctica habitual en todas as asociacións deste tipo existentes en España”, din desde a Asociación de Criadores de rubia galega.
No escrito presentado os gandeiros piden explicacións ao presidente de Acruga e danlle un mes de prazo para reconsiderar a súa decisión, aínda que o propio César Dorado estivo estes días chamando a algúns gandeiros para dicirlles que o cambio é firme e obedece á potestade da dirección de Acruga de facer as modificacións oportunas para o mellor funcionamento da Asociación.
“Di que é obrigatorio que os controladores roten, pero algún dos que ten leva 50 anos no mesmo sitio”, responden os gandeiros disconformes, que relacionan este movemento con represalias tralo último proceso electoral en Acruga, no que César Dorado gañou por un escaso marxe de votos.
O conselleiro reúnese este mércores con produtores de Suprema en Lugo
O conselleiro de Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandería, José Balseiros, manteñen este mércores unha xuntanza con produtores de Ternera Gallega Suprema en Lugo. Convocados pola asociación Gandeiros Galegos da Suprema, o encontro terá lugar ás 12 da mañá no salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
Dada a situación que vive a día de hoxe o sector, acuciado polo incremento dos custos de produción, o presidente da asociación, Santiago Rego, fai un chamamento á asistencia para facer chegar con forza á Administración as demandas dos produtores.
As axudas que se foron dando, 56€ do Ministerio e 87€ da Xunta, non resolven o problema
“Imos con ánimo de escoitar o que nos queiran dicir, pero queremos solucións. A día de hoxe non ingresaron aínda a axuda do Ministerio, cando os produtores de leite vai boa que a cobraron”, quéixase.
Mantemento dos prezos
Desde a asociación de produtores de Suprema reclaman medidas para evitar unha caída de prezos da carne en orixe nos vindeiros meses, unha vez que se supere a época do ano de maior demanda.
“Imos para unha época frouxa, pero sacrificáronse moitas cabezas de gando, non só en Galicia, senón a nivel de toda España e hai falta de carne, polo que o prezo tería que manterse, non debería caer, igual que tampouco se disparou na época de máis consumo”, argumenta Santiago.
Imos para mala época pero hai escaseza de carne, o prezo non pode caer
Os produtores esixen a posta en marcha do Observatorio de prezos anunciado pola Xunta e da Aica galega, que leva meses sen arrincar. “Son medidas nas que están postas moitas esperanzas no sector”, xustifica o presidente de Gandeiros Galegos da Suprema.
A posta en marcha destas ferramentas deberían servir para que os gandeiros non cobraran a carne por debaixo do que lles custa producila, tal como establece a Lei da Cadea Alimentaria. O informe de custos feito pola Xunta antes do verán fixaba os custos de produción da carne de Suprema en 6,5€ o quilo, pero Santiago Rego estima que a día de hoxe son maiores porque “cando fixo o estudio a Administración o combustible non estaba como está agora”, di. “Os custos subiron desde entón, tanto o penso como o combustible ou calquera material para facer unha obra, que se dispararon”, exemplifica.