Malas herbas das pradeiras….que non o son tanto

O enxeñeiro agrónomo e asesor técnico Xan Pouliquen aporta claves para entender por que agroman determinadas plantas nas pradeiras utilizadas por ganderías de vacún de leite. Con el coñecemos como atallar herbas indesexadas

Malas herbas das pradeiras….que non o son tanto

Os asistentes á sesión formativa participaron nunha recollida de plantas inoportunas para a súa identificación.

Labaza, lingua de ovella, pico de cegoña, dente de león ou herba de Santiago son algúns dos nomes populares de herbas que aparecen nas pradeiras empregadas por ganderías de vacún de leite e que resultan un quebradeiro de cabeza para moitos gandeiros. Son herbas inoportunas cando se está a procurar unha produción forraxeira específica con outras especies como o raigrás ou o trevo.

Porén, a presencia destas plantas proporciona claves sobre o estado do terreo. Coñecer os motivos polos que xerminan na pradeira estas especies pode ser o camiño para conseguir reducir a súa presenza ou eliminalas. Esas foron algunhas das conclusións da xornada formativa que o enxeñeiro agrónomo e asesor técnico Xan Pouliquen ofreceu recentemente no Centro de Experimentación e Formación Agraria de Sergude (Boiqueixón, A Coruña).

As herbas inoportunas poden proporcionar un aporte significativo de nutrientes

“As chamadas ‘malas herbas’ non o son tanto, senón máis ben trátase de plantas inoportunas. En definitiva, son herbas que en determinados momentos poden crear problemas con distintos cultivos por diversas razóns”, concreta Pouliquen. De feito, moitas desas plantas consideradas nas pradeiras coma malas herbas poden facer un aporte significativo de nutrientes, minerais ou vitaminas ou teñen efectos positivos sobre a fauna do solo, como é o caso, por exemplo, do dente de león (Taraxacum officinale) que aporta unha significativa cantidade de minerais coma ferro, calcio ou magnesio.

Margarita-

Exemplar de margarida recollido durante a sesión formativa.

Hai tamén casos de herbas que na actualidade están consideradas como inoportunas pero foron cultivadas noutras épocas. Algunhas delas mesmo son cultivadas noutros lugares. Así acontece, por exemplo, coas distintas variedades de Plantago lanceolata, coñecido popularmente como lingua de ovella, e que serve como cultivo forraxeiro en distintas partes do mundo. “Mentres aquí os gandeiros non a queren na pradeira, hai moita xente que sementa esta variedade en diferentes latitudes”, detalla Pouliquen.

Por que aparecen?

Unha das claves para atallar a presenza destas plantas nas pradeiras é coñecer os motivos polos que agroman. “É preciso coñecer en que condicións xerminan esas plantas e ver como é o noso terreo, posto que se non cambiamos ningún deses factores imos seguir tendo esas plantas na pradeira”, explica.

É habitual pensar que a presenza destas plantas está ligada a sementes procedentes de forraxes que se adquiren, xurros ou que veñen mesmo mesturadas cando se realiza a sementeira da pradeira. Aínda que todas elas son vías de entrada de sementes ás pradeiras, Pouliquen compara a gran cantidade de sementes que moitas destas plantas poden chegar a producir coa presenza real destas plantas nos pastos para poder ver a dimensión real que estas accións poden supoñer. “No caso de herbas como o fariñento podemos ter entre 1.000 e 5.000 sementes, pero no amaranto cada planta produce máis de 40.000 sementes. Se ó ano seguinte non temos 40.000 amarantos pequenos no lugar, algo máis acontece para que iso sexa así”, detalla.

“Imos ter milleiros de sementes nas nosas pradeiras, temos que xestionar os solos para conseguir que só prosperen as que nos interesan”

Tendo en conta estes datos e botando man de diversos estudos, Pouliquen sinala que nos solos das pradeiras pódense contabilizar entre 17.000 e 3,4 millóns de sementes por metro cadrado, polo que recomenda outras estratexias no canto de tentar controlar as sementes presentes na pradeira. “Imos ter milleiros de sementes nas nosas pradeiras, algunhas virán de fóra e outras serán as que teñan acumuladas os nosos solos de prácticas que fixemos no pasado, así como da acción dos animais. O que temos é que xestionar os solos para conseguir que só prosperen as que nos interesan. Xogar só coa cantidade e o control das sementes non abonda”, concreta.

Pouliquen sinala que o manexo que se realiza dos pasteiros e as condicións nas que se atopan os solos son determinantes para que estas herbas xerminen, polo que tamén será indispensable ter en conta isto para reducir a súa presenza.

Variedade-de-plantas-inoportunas-

Algunhas das plantas inoportunas recollidas para a súa identificación e clasificación durante a sesión.

Algunhas das herbas inoportunas máis presentes nas pradeiras galegas

Da man do técnico, con experiencia na avaliación das pradeiras, coñecemos algunhas das herbas inoportunas máis comúns en Galicia. A súa presenza pode ser un indicador do estado dos solos e coñecendo isto pode ser máis doado adecuar o manexo do pasteiro.

Rumex spp., coñecidas popularmente coma labazas. A gran variedade de rumex que existe dificulta a súa identificación e en función da especie concreta que agrome nas pradeiras pode ser un indicativo positivo ou negativo do estado do prado.

Polo xeral, evidencian moita fertilidade e, segundo da especie, a falta de aire na terra debido, en parte, a un exceso de auga. Ademais, poden indicar carencias de actividade biolóxica e un alto contido de nitritos de orixe non natural, así coma un exceso de potasio e nitratos.

“Ás veces estas herbas inoportunas tamén son verdadeiros apeiros para traballar a terra, é o caso da labaza, que debido ás súas raíces é unha planta que contribúe a descompactar os solos”, explica Xan Pouliquen.

Plantago Lanceolata, son as leitugas ou linguas de ovella. A súa presenza na pradeira indica a falta de aire no terreo e a fosilización da materia orgánica, así como a falta de arxila e humus. Son ademais un indicativo de que existe unha boa actividade biolóxica nestas pradeiras. “Adoitan ser un indicador de que se trata dun terreo fértil e bo”, concreta.

Hierba-de-Santiago-

Linguas de ovellas e herbas de Santiago nunha pradeira dedicada ó pastoreo de vacún de leite.

-O dente de león, Taraxacum officinale, é unha das plantas que agroma en solos moi ricos, pero que acusan unha falta de osixenación da terra e un exceso de nitróxeno de orixe animal. Adoitan ser terreos cun alto grao de fosilización. A presenza destas plantas asóciase tamén a quendas de pastoreo longo.

-Coñecida como bolsa de pastor, a Capsella bursa-pastoris, é unha herba que medra en solos moi ricos e que de novo teñen unha importante falta de aire, polo que o terreo ten un problema de compactación. Tamén adoita aparecer en terras cunha gran cantidade de nitróxeno de orixe animal e revela que se está a producir un bloqueo do fósforo.

“Dado que a presenza destas plantas estea asociada a solos compactos pode ser recomendable realizar análises do perfil do solo para coñecer se esta compactación é superficial ou máis profunda e actuar en consecuencia para atallala”, explica o técnico.

-As margaridas silvestres, Bellis sylvestris, abondan naquelas pradeiras que teñen un solo rico, pero con carencias de calcio e de nitróxeno animal. Son un indicador dunha alta fosilización, lixiviación e erosión deses solos. Adoitan aparecer en prados con ciclos de pastoreo moi curtos.

“É frecuente atopar na mesma pradeira plantas que indican o contrario, como ter margaridas e bolsa de pastor, polo que é preciso facer unha análise pormenorizada da variedade e cantidade de plantas que hai na parcela, xa que unha soa non abonda para dar un diagnóstico do estado do terreo”, concreta Pouliquen.

-A presenza de millá, Digitaria sanguinalis, en terras de cultivos coma o millo evidencia que o terreo acusa a falta de osixenación e un exceso de auga. Ademais indica unha gran cantidade de nitróxeno de orixe animal e nitritos derivados da acción humana. A millá tamén adoita ser un indicador de que esa terra presenta unha salinización provocada por un exceso de potasio.

-Os cardos, Cirsium vulgare por exemplo, adoitan medrar en solos moi ricos e son unha sinal de compactación do terreo e dunha gran cantidade de nitróxeno animal. A súa presenza indica tamén o esgotamento das especies forraxeiras da pradeira.

Cardo_-

O cardo é unha das especies que aparece nas pradeiras galegas.

-As distintas especies de Agrostis son tamén habituais en pradeiras galegas e a súa presenza indica unha importante falta de aire nese terreo e o exceso de auga. Tamén evidencia que se trata de solos cunha gran cantidade de nitritos procedentes da acción humana, así como a falta de actividade biolóxica. Estas plantas adoitan medrar en pradeiras cun pastoreo continuo ou que acusan un sobrepastoreo, ben sexa pola densidade de animais ou polo tempo que estes pasan alí.

-As soaxes, Echium spp., son un indicador de que ese terreo ten importantes carencias tanto de calcio, coma de auga, carbono, nitróxeno e de actividade biolóxica. En definitiva, medra en terreos empobrecidos e que teñen unha importante lixiviación e erosión.

Clasificacion-de-plantas-taller-de-Sergude-

Factores que degradan o pasto

Á hora de abordar a presenza destas herbas indesexadas nas pradeiras, Pouliquen incide en que non se trata tanto dunha invasión deste tipo de herbas senón da desaparición das especies que queremos e que sementamos. “Estamos a ter un manexo da pradeira que provoca a desaparición das herbas que queremos”, explica.

“Estamos a facer un manexo da pradeira que provoca a desaparición das herbas que queremos”

O especialista sinala que a compactación do terreo é unha das principais causas da aparición destas herbas inoportunas. En ocasións esta compactación débese ó emprego excesivo de maquinaria pesada e o laboreo reiterativo. As condicións de humidade do terreo tamén provocan unha menor osixenación do solo e que remate sendo máis compacto. Mesmo a pisada dos animais contribúe a favorecer ese efecto.

Outro dos factores claves é o sobrepastoreo das parcelas o que impide que especies como as gramíneas, os raigrases e as leguminosas cheguen a reproducirse como deberan. “Se non lle deixamos repouso, tanto no inverno coma no verán, esas plantas vanse ir esgotando”, concreta o técnico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información