
Instalacións de Progando en Abellá (Frades).
Debemos remontarnos aos inicios da nosa era para atopar as primeiras citas escritas sobre malas herbas. É na Biblia onde se nos advirte sobre os efectos negativos que estas producen, en concreto, na expulsión do home do Paraíso (Xénese 3:17-19), onde Deus dixo ao home:
“Por canto obedeciches á voz da túa muller, e comiches da árbore da que che mandei dicindo: Non comerás dela; maldita será a terra por causa túa; con dor comerás dela todos os días da túa vida. Espiños e cardos che producirá, e comerás plantas do campo.”
O refrán “mala herba nunca morre” emprégase para describir a persoas ou situacións que, a pesar de seren negativas ou indesexables, persisten e non desaparecen facilmente.
Ditas referencias non son máis que un par de exemplos nos que se pon de manifesto o coñecemento que o home ten desde sempre sobre o efecto negativo que produce nos cultivos a competencia das malas herbas.
Centrándonos no panorama actual, podemos dicir que se foron xerando unha serie de conflitos que nos obrigan a ser máis precavidos e tamén concisos á hora de programar os nosos tratamentos.
Por un lado temos variables do tipo ambiental que se expoñen en maior medida pola aparición de plantas resistentes a tratamentos herbicidas e que fan que teñamos que tomar medidas que solucionen dita problemática.
Por outro lado, a redución de materias activas que se produciu nos últimos anos foi sumamente relevante no noso sector. Isto implicou que o abano de posibilidades para combater pragas, enfermidades e malas herbas sexa menor que antes.
E ás probas remítome. Cultivos relevantes na nosa comunidade, como a pataca, sufriron nos últimos tempos prohibicións no uso de materias activas moi diversas: insecticidas (clorpirifos, imidacloprid, tiametoxam), nematicidas (dazomet, etoprofos), antigerminantes (clorprofam) e herbicidas (próximamente, a metribuzina). Abonda con botar unha ollada a calquera catálogo de calquera casa comercial para comprobar as grandísimas modificacións experimentadas nun período relativamente curto de tempo.
Por outra banda, tamén é rechamante descubrir que existen pragas que actualmente non dispoñen de solucións rexistradas eficientes para o seu control e que, sen embargo, si existiron noutras épocas. Vénnos á cabeza, por exemplo, a típula das pradeiras.
É por iso que debemos ser optimistas e pensar que no caso do millo non foi un cultivo que se vise tan gravemente afectado no que respecta ás solucións fitosanitarias como si ocorreu con outros cultivos da Península.
CAMPAÑA DE HERBICIDAS MILLO 2025
PANORÁMICA ACTUAL
Sen dúbida algunha, unha das novas que marcaba un antes e un despois no relativo aos tratamentos herbicidas do millo, gardaba relación cunha das materias activas máis empregadas ata entón nese cultivo: s-metolacloro. Tratábase dunha nova que non colleu por sorpresa a ninguén, ao estar limitado o uso da mesma a 1 vez cada 3 anos.´
Ditas limitacións temporais veñen impoñéndose nos últimos anos, e son numerosos os exemplos que podemos atopar vinculados a diferentes formulados dispoñibles no mercado en base a petoxamida, pendimentalina ou isoxaflutol, entre outras. Ademais, nalgún que outro caso existen interaccións entre diferentes produtos comerciais que deberemos ter en conta á hora de programar os nosos tratamentos para esta campaña.
XESTIÓN DO CULTIVO E FACTORES A TER EN CONTA
Por todo isto que comentamos, é fundamental dispoñer dun as baixo a manga, e PROGANDO teno.
As solucións son as que son e “con estes bois temos que arar”. Persoalmente opino que a pesar de que non sexan abundantes, destacan pola súa calidade. Traballar con marcas de referencia e tecnoloxía contrastada implica dispoñer de produtos excelentes pero que, para resultar operativos, deberán ser aplicados atendendo a diferentes variables. Para min, a pauta de manexo sería a seguinte:
- Coñecer o cultivo
- Identificar as malas herbas presentes
- Avaliar dinámicas de crecemento das malas herbas
- Analizar condicións climáticas para recomendar momento de aplicación
- Ter en conta o aplicado en campañas anteriores
- Escoller o produto fitosanitario adecuado
- Respectar doses recomendadas
- Equipo de aplicación en estado óptimo
Ademais, a eficacia do tratamento virá marcada por unha serie de condicionantes como son:
- Calidade de aplicación (estado boquillas, velocidade, deriva, orde de mestura…)
- Tamaño do banco de sementes no solo
- Textura do solo
- Cantidade de materia orgánica
- Precipitacións: ¿Cando choveu tras a aplicación?, ¿Canto choveu?
O seguimento post-aplicación tamén marcará a diferenza e servirá para avaliar o grao de efectividade do herbicida seleccionado, que nun principio debería ser máxima se o proceso de selección foi o correcto.
Somos partidarios de aplicacións en pre (sempre que as condicións o permitan e exista posibilidade de combinar o produto co de anos anteriores) e post temperá. Ademais de exercer un maior control sobre as malas herbas, evitaremos provocar unha fitotoxicidade no cultivo.
É importante recalcar que as perdas de rendemento futuro que se producen nos primeiros estadios do cultivo son practicamente irreversibles e serán moi difíciles de recuperar con eliminacións posteriores das malas herbas.

Competencia das malas herbas co cultivo.
A competencia entre o millo e as malas herbas prodúcese pola obtención de auga, luz e nutrientes. Sen ir máis lonxe, sabemos que as necesidades de auga do millo para producir 1 g de materia seca son considerablemente inferiores ás de especies como o fariñento (Chenopodium album), o cien nós (Polygonum aviculare) ou o tomatito (Solanum sp.).
En canto á luz, é sabido que o cultivo adopta estratexias de crecemento que poden influír negativamente no rendemento final do mesmo, en presenza de malas herbas.
No relativo ao abonado, moitas plantas arvenses acumulan maiores cantidades de nutrientes que as que precisa o millo. Isto fai que compitan vantaxosamente pola dispoñibilidade dos mesmos no solo, restando eficiencia ao proceso previo de fertilización.

Exemplo de fitotoxicidade no cultivo.
MANEXO DAS RESISTENCIAS
Debemos ter en conta que abusar dunha mesma materia activa de maneira reiterada non fai máis que comprometer o seu funcionamento ao existir a posibilidade de xerar individuos resistentes na poboación de malas herbas obxectivo. Isto é perigoso e pode provocar que un bo produto perda eficacia e pase a ser considerado como un “malo”.

Funcionamento óptimo do herbicida.
O Comité de Acción de Resistencia aos Herbicidas (HRAC) establece unhas pautas de manexo dos mesmos e inclúe a clasificación dos diferentes modos de acción nas diversas familias químicas de herbicidas dispoñibles ou non no momento actual. O labor do técnico, xunto co do gandeiro ou aplicador, será escoller aquelas solucións que permitan na medida do posible xerar unha alternancia de materias activas nas diferentes campañas, sendo isto complexo ao pertencer a maioría dos herbicidas dispoñibles no mercado a tres familias químicas: sulfonilureas, cloroacetamidas e triquetonas.
A proximidade e especialización que caracterizou desde sempre aos nosos técnicos fará posible que a campaña de herbicidas deste 2025 sexa exitosa, estando ao pé do canón e garantindo unha boa monitorización do cultivo.
CAMPAÑA DE INSECTICIDAS MILLO 2025
Se problemáticas son as malas herbas, as pragas de insectos non se quedan atrás, sobre todo en campañas que favorecen o ataque dos mesmos.
E vai por zonas. En función da parcela, data de sementeira e condicións varias atopamos millos afectados por ataques de pragas e outros intactos. Por pragas entendemos rosquilla, verme de arame e diferentes tipos de orugas do millo (taladros, oruga soldado, spodoptera…) pero tamén mamíferos (xabarís e corzos) ou aves (maioritariamente corvos).
Para estes últimos, o repelente incluído na semente axudaranos a manter medianamente controlada a nosa poboación.

Levantamento da liña de sementeira por acción do xabaril.
Para arame e rosquilla o idóneo será utilizar semente tratada ou ben botar man de insecticida microgranulado que poida manter controlada a praga ata a emerxencia do cultivo.
Un bo laboreo, un solo limpo de malas herbas e con presenza de auga. Estes tres factores dificultan en gran medida o desenvolvemento dos insectos do solo.
As solucións nos últimos anos pasaron pola aplicación de insecticidas pertencentes ao grupo das piretrinas ou piretroides. Ao igual que cos herbicidas, co abuso desas materias activas ocasionamos que aparezan organismos resistentes ao tratamento dentro das poboacións de insectos.
Unha alternativa a ditos tratamentos podemos atopala en materias activas que deron bos resultados na campaña anterior: clorantraniliprol e acetamiprid.

Mythimna unipuncta en millo en Galicia.

Efectividade do tratamento insecticida.
Por todo o dito neste artigo, queda patente a necesidade de controlar poboacións de malas herbas así como pragas que compiten co millo, dentro dunha agricultura moderna e racional, como forma de obter os mellores rendementos do cultivo.