A Comisión Xeral da Entidade Nacional de Seguros Agrarios analizou esta semana en Madrid as novidades do 46º Plan de Seguros Agrarios Combinados, das que xa se coñecen algunhas, que a organización UPA resume así:
O novo plan incrementa o orzamento para primas nun 10,9%, pasando de 284 a 315 millóns de euros, e diferenciará as axudas segundo o tipo de asegurado, priorizando a “mozos, explotacións prioritarias e agricultores profesionais”, como destacan desde a organización.
UPA celebra este avance, aínda que cre que as axudas deben incrementarse “aínda máis”. Ademais, inclúense medidas do Acordo de 43 apoios ao campo, como as medidas 28 e 30, e avalíase positivamente o desenvolvemento de instrumentos para cubrir sinistralidades extraordinarias relacionadas co cambio climático, “mediante fondos complementarios aos establecidos para o sistema de seguros agrarios”, pendentes de concreción.
UPA solicitou que o Plan de Seguros exclúa aos fondos de investimento das subvencións de ENESA.
O novo Plan priorizará a agricultores profesionais, explotacións prioritarias e novas, con exención de modulación, ademais de garantir subvencións mínimas do 50% e 45% para pólizas nos módulos 2 e 3, respectivamente.
UPA tamén considera que a indemnización do seguro debe reflectir os custos de produción, como establece a Lei da Cadea Alimentaria, en lugar de basearse en medias doutros anos.
Finalmente, insta as Comunidades Autónomas a aumentar as súas axudas ao tramo autonómico, aínda “lonxe do máximo legal”, como mostra “do seu compromiso co campo e coa adaptación ao cambio climático”.