Máis formación do persoal e plans específicos para os parques naturais, entre as novidades do Pladiga para loitar contra os lumes forestais

Entre as novidades do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), que elabora a Xunta de Galicia, salienta este ano a incorporación, dentro do plan de extinción, da figura de xefe/a de loxística, unha tarefa que desempeñarán técnicos ou axentes en incendios complexos. Prevese a elaboración dos plans preventivos nos seis parques naturais de Galicia, como áreas de actuación singularizada, compatibilizando a protección do patrimonio natural coa prevención de incendios

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, supervisa a realización dunha queima prescrita realizada polo Servizo de prevención e extinción de incendios forestais.

A Xunta destinará no bienio 2025-2026 preto de 1,8 millóns de euros á formación e adestramento do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais. Estas cifras supoñen un incremento de case o 19% do orzamento, en comparación co bienio anterior. Este esforzo en materia formativa enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), que ten como principal finalidade reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais.

As cifras de investimento en programas formativos do persoal contra incendios veñen consolidar o esforzo realizado pola Consellería do Medio Rural nesta materia no ano 2024. Nesa anualidade impartíronse 473 edicións de cursos, dirixidas a 11.447 participantes, con máis de 108.000 horas de formación. Cómpre lembrar que a formación do persoal se concentra no Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, espazo de referencia a nivel nacional.

Seis programas de formación

De cara aos vindeiros anos, o Plan de formación e adestramento para o persoal do Servizo de prevención e defensa contra incendios (SPIF) estruturase en seis programas, que inclúen o catálogo de cursos monográficos; un itinerario formativo profesional; un programa de adestramento para mellorar a organización e a eficiencia do traballo; un apartado de formación a medios para as entidades locais; un programa de formación á poboación e un último programa de divulgación para favorecer a sensibilización pública.

Creación da figura do xefe de loxística

Entre as novidades deste ano no Pladiga salienta a incorporación, dentro do plan de extinción, da figura de xefe/a de loxística. Trátase dunha nova figura, a nivel operativo, que desempeñarán técnicos ou axentes en incendios complexos. As súas funcións, entre outras, serán as de facilitar o desprazamento dos medios no lugar do incendio na localización das zonas de actuación e/ou destino indicado nas instrucións de traballo; supervisar e garantir o correcto funcionamento das comunicacións no incendio e xestionar o avituallamento dos medios en coordinación co persoal do Punto de Recepción de Medios (PRM) e o Centro de Coordinación de Distrito (CCD).

O xefe de loxística tamén se encargará de coordinar co CCD a xestión do aloxamento do persoal do SPIF que o necesitase e daqueloutras tarefas destinadas a facilitar a obtención de material, subministros ou os servizos necesarios para o correcto desempeño das funcións dos medios que operan no incendio.

Un ano máis, o dispositivo de loita contra incendios forestais en Galicia estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Este dato é semellante ao das últimas campañas. Neste contexto, cómpre facer mención á mellora do reforzo do persoal, co aumento do tempo de traballo do persoal laboral fixo-descontinuo, que xa traballou ao longo de sete meses, este ano traballa oito e en 2026 farao durante nove meses.

Sobre os medios materiais, Galicia contará de novo cunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta e os que aporta o Estado. En terra haberá preto de 380 motobombas e vehículos pesados, contabilizando tanto as da Xunta como as municipais. Ademais, procurarase continuar co proceso de mellora e modernización dos medios de prevención e extinción. Neste sentido, cómpre lembrar que dende o ano 2013 renováronse 137 motobombas do parque do SPIF e este ano está prevista a adquisición de tres novas unidades.

Plans preventivos nos parques naturais

Neste 2025 incrementarase a superficie xestionada en materia de prevención, dado que se prevé a elaboración dos plans preventivos nos seis parques naturais de Galicia, como áreas de actuación singularizada, compatibilizando a protección do patrimonio natural coa prevención de incendios.

Outra das novidades é avanzar no desenvolvemento dunha ferramenta que permita coñecer o risco de incendios para determinar as áreas estratéxicas nas que deseñar estratexias preventivas que contribúan a diminuír o número de lumes e superficies queimadas, traballando este ano nos territorios de Pontevedra e Ourense a través do proxecto USE4FOREST do programa europeo Interreg-Sudoe.

Prevención, sensibilización e investigación

Un membro dos equipos de investigación traballando en determinar as causas dun incendio forestal

Un membro dos equipos de investigación traballando en determinar as causas dun incendio forestal

No que atinxe ao plan de prevención, afondarase nos traballos de creación de áreas cortalumes e faixas auxiliares de pista, na mellora de pistas forestais, nos tratamentos silvícolas preventivos e nas queimas prescritas. Ademais, levarase a cabo a revisión e mantemento dos máis de 5.000 puntos de auga repartidos polo territorio galego.

Dentro deste plan, hai que salientar o esforzo que se fai no Programa de sensibilización en centros educativos, e máis concretamente coa publicación do novo material divulgativo “Os Bolechas. Os incendios forestais”, cunha tirada de 3.500 exemplares do libro, 10.000 exemplares do caderno e outros 10.000 da unidade didáctica.

En relación co plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras salienta a actuación nas parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI). No 2025 incorpóranse ao listado do ano anterior dúas parroquias, as de Requeixo, no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, e Pontellas, no municipio pontevedrés do Porriño. Saen do listado dezaseis parroquias, co que o número total de PAAI no ano 2025 é de 26, e 24 delas repiten respecto ao listado do ano pasado. Así pois, a cifra total diminúe en 14 con respecto ao 2024, no que se rexistraron un total de 40 PAAI.

Renovación de infraestruturas

Base

Base aérea de Verín. Foto: Consellería do Medio Rural

Por outra banda, O Plan de mellora das Infraestruturas contempla un orzamento de 13,7 millóns de euros no período 2025-2026 para a construción e reforma de ata sete diferentes instalacións repartidas polo territorio galego.

As actuacións centraranse en Lalín, Valga (con dúas intervencións), Portas e Tui, na provincia de Pontevedra, e nos concellos ourensáns de Sandiás e Bande. En Lalín construirase tamén unha nova base de medios aéreos, cuxo inicio está previsto neste ano 2025. Situarase no Polígono industrial Lalín 2.000, en terreos cedidos polo Concello.

En relación coa adecuación das instalacións da base de medios aéreos de Antela, no concello ourensán de Sandiás, o proxecto contempla unha renovación integral do complexo, unha base apta para a operación de seis avións de carga en terra. O seu financiamento contará co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder), dentro do programa Interreg. Por outra banda, contruirase unha nova base de medios aéreos en Valga, que terá un deseño semellante á de Antela e situarase na parroquia de Setecoros.

Neste mesmo municipio de Valga está contemplada tamén unha nova base de unidades operativas (BUO), que será idéntica á do veciño concello de Portas. Así, ambas estarán conformadas por edificacións de dous andares e unha superficie total de algo máis de 414 m². Prevese finalizar ambas obras -financiadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader)- ao longo do ano 2026.

No que atinxe á BUO de Bande, esta infraestrutura acollerá tamén a sede do distrito forestal XV-A Limia. A superficie construída superará os 642 m², dividida en dous andares. O financiamento desta iniciativa contará co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder), nas mesmas condicións que a BUO de Tui. Esta última levarase a cabo mediante a recuperación e posta en valor do Viveiro de Areas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información