Máis exportación de viño e venda en canle alimentación: As claves das adegas para superar a crise da Covid 19

Catro adegas galegas (Crego e Monaguillo, Godeval, Ramón do Casar e Terra de Asorei) e Rafael del Rey, director xeral do Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv) cóntannos como superaron a crise de vendas provocada en 2020 pola Covid 19 no sector do viño e como encaran este 2021

Publicidade

O sector do viño foi un dos máis afectados pola crise da pandemia da Covid19. E é que ao redor dun 60% das vendas das adegas españolas concéntranse na canle HORECA (hoteis, restaurantes e cafetarías), un sector que pasou gran parte do 2020 pechado ou traballando a medio gas debido ás restricións de apertura.

Neste sentido, catro adegas galegas (Crego e Monaguillo, Godeval, Ramón do Casar e Terra de Asorei) e Rafael del Rey, director xeral do Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv) cóntannos como están a superar a crise de vendas provocada en 2020 pola Covid 19 no sector do viño e como encaran este 2021

Rafael del Rey (OeMV): “A gran lección desta crise é que as adegas deben diversificar as súas canles de venda”

Para o director xeral do Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv) “a gran lección desta crise é que as adegas deben diversificar as súas canles de venda, para non depender en exclusiva da hostalaría, apostando máis pola exportación, a venda en canle alimentación e a través de internet”.

Outra conclusión que extrae desta crise é “a gran capacidade de resistencia das adegas: é un sector maioritariamente de pequenas empresas familiares que tiveron unha gran capacidade de adaptación e de buscar novos mercados”.

En canto á valoración do 2020, segundo os datos do OeMv “globalmente foi un ano malo, cunha perda do consumo de viño en España duns 200 millóns de litros -a media sitúase nuns 940 millóns de litros-, debido á redución de 300 millóns de litros nas vendas da canle hostalaría, onde houbo unha caída do 40%, que se compensou só en parte cun incremento das vendas de viño en canle alimentación, que subiron nuns 100 millóns de litros”.

“As exportacións son o que a moitas adegas lles permitiron paliar e suavizar as perdas no mercado interior e fundamentalmente na hostalaría”, engade Rafael del Rey. E é que España se mantivo como o primeiro exportador mundial de viño: uns 2000 millóns de litros, e foi dos países que menos sufriu a baixada de prezos.

Terra de Asorei (Rías Baixas): “Aumentamos as exportacións, que xa representan o 75% das nosas vendas”

Roque Durán_Bodega Terras de Asorei

Roque Durán_Bodega Terras de Asorei

Xosé Ramón Durán é conselleiro delegado de Terra de Asorei, unha adega da Denominación de Orixe Rías Baixas que atopou nas exportacións un balón de osíxeno para paliar a caída das vendas de viño en España.

“Antes da crise da Covid19 vendiamos un 50% do noso viño fóra de España, ao longo do 2010 potenciamos ese mercado exterior que xa supón agora o 75% das nosas vendas”, destaca.

Desta forma, os viños de Terra de Asorei están agora presentes en 18 países e ao longo destes meses teñen previsto ampliar a súa presenza noutros 3 países. “Aumentamos sobre todo as nosas vendas nos países nórdicos, Alemaña e Países Baixos, e iso permitiunos compensar a caída de ao redor do 50% que tiveron as nosas vendas nos mercados galego e español, debido en gran parte ao peche da hostería”, explica Xosé Ramón Durán.

Para este 2021 o seu obxectivo é manter os prezos e o nivel de vendas, aínda que recoñece que “nesta situación non podemos facer previsións a varios meses, temos que ir analizando a situación e tomando decisións semana a semana”.

“Creo que o 2021 vai ser un ano de transición e oxalá que a partir do verán comece a haber una certa recuperación, pero non será até o primeiro trimestre de 2022 cando poderemos volver á normalidade e a facer previsións a varios meses”, conclúe.

Ramón do Casar (DO Ribeiro): “Empezamos o 2021 con moita incerteza”

RAMON_DO_CASAR_adega

Javier González Sabucedo é un dos propietarios da adega Ramón do Casar, na DO. Ribeiro, e recoñece que o 2021 comezamos como o 2020, con moita incerteza.

“Somos unha adega pequena, elaboramos ao redor de 130.000 botellas, e no 2020 conseguimos manter tanto prezos como volume de vendas, aínda que baixamos ao redor dun 5%”, explica.

Nesta adega ao redor do 70% das vendas concentrábanse en HORECA, unha canle que, segundo Javier González Sabucedo, “tivo un comportamento moi irregular debido ás restricións de apertura, de forma que houbo meses case sen vendas, pero nos meses nos que se permitiu á restauración unha maior apertura notamos un incremento de vendas respecto dun ano normal”.

A caída nesa canle suplírona cun aumento nun 50% da exportación, que xa representa ao redor do 30% das súas vendas. “Tivemos un bo resultado en Inglaterra e en Estados Unidos e conseguimos manter a nosa presenza noutros países. Ademais, incrementamos a nosa presenza na canle alimentación, onde pasamos dun 3 a un 7% de vendas, o que tamén representou unha axuda”, explica.

A previsión coa que traballan en Ramón do Casar para este 2021 é que “ao longo dos próximos 7 meses a hostalaría recupere certa normalidade e seguir aumentando as nosas exportacións”.

Crego e Monaguillo (Monterrei): “Entrar na canle alimentación salvounos a campaña”

CREGO_E_MONAGUILLO_MONTERREI_3

O balance que fan na adega Crego e Monaguillo do 2020 é razoablemente positivo: “Baixamos as vendas nun 20%, non porque vendésemos menos senón porque os meses de febreiro, marzo e abril estivemos practicamente parados e é moi difícil recuperar iso ao longo do ano”.

Esta adega estaba especializada na canle HORECA, onde concentraba case o 90% das súas vendas, pero souberon adaptarse á nova situación. “Entramos na canle alimentación, onde non estabamos presentes, e agora vendemos en Gadis, Froiz e Carrefour. As expectactivas superáronse e agora mesmo esa canle xa supón ao redor do 30% das nosas vendas”, valoran.

En canto á canle HORECA, recoñece que nos meses de verán “as vendas foron superiores a outros anos, aínda que non compensou o parón que houbo no resto do ano”.

“Mantivemos a compra de uva aos viticultores e a un prezo xusto”

Onde si notaron un peor comportamento foi na venda directa -”temos un mercado de empresas que nos compran viño para agasallo en Nadal, e este ano reduciuse notablemente”- e tamén na exportación. “As vendas ao exterior representan sobre un 5% da nosa facturación e notamos unha importante baixada, sobre todo no Reino Unido, e onde mellor nos mantivemos foi en Irlanda”.

Crego e Monaguillo compra boa parte a uva a viticultores da comarca de Monterrei e aseguran que en 2020, a pesar das dificultades, mantiveron os seus compromisos. “Mantivemos o nivel de compra que tiñamos acordado cos viticultores, a uns prezos xustos, e mesmo aumentamos o número de provedores. É certo que os prezos baixaron sobre 10 céntimos por quilo con respecto á anterior vendima, pero foi máis polo aumento da colleita de uva”, subliñan.

En canto ás súas previsións para 2021 en Crego e Monaguillo temen que sexa peor que o 2020: “En termos empresariais cremos que vai ser un ano peor porque a crise económica vaise a notar moito máis. Vai ser un ano de aguantar con vistas a que en 2022 a economía se recupere”.

SAT Godeval (Valdeorras): “O 2020 foi mellor do que esperabamos”

Xornada de cata en SAT Godeval

Xornada de cata en SAT Godeval

Araceli Fernández é xerente da adega SAT Godeval, na Denominación de Orixe Valdeorras e recoñece que “globalmente o 2020 foi mellor do que esperabamos pois conseguimos manter os prezos de venda dos nosos viños e o nivel de vendas”.

“Afectounos o peche da restauración, onde pasamos de vender sobre o 70% do noso viño ao 62%, e compensámolo aumentando a venda en canle alimentación, onde pasamos dun 17 a un 25%, e aumentamos tamén as vendas por internet, aínda que partiamos duns niveis baixos. En canto ás exportacións, baixamos dun 16 a un 12% das nosas vendas, en gran medida polo mercado de Estados Unidos, onde se uniu a Covid19 aos aranceis”, explica a xerente de SAT Godeval.

As súas previsións para 2021 dependen tamén de como evolucione a situación sanitaria e socioeconómica: “Esperemos que a restauración poida empezar canto antes, e a ver como afecta a crise económica. España é un país de servizos e de turismo e mentres non se normalice a maneira de vivir vai condicionar moito”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información