Máis eucalipto, si, non ou depende?

O Consello Forestal de Galicia debate este venres a proposta da Xunta para regular as plantacións da especie. A Administración quere prohibilas no interior de Lugo e en Ourense, pero industrias e propietarios manifestan reticencias á medida

Máis eucalipto, si, non ou depende?

O Consello Forestal aborda este venres o decreto que pretende regular o eucalipto.

En Galicia, alomenos un 20% da superficie forestal está a eucalipto, ben en masas puras ou mixtas. A súa plantación viña concentrándose tradicionalmente no Arco atlántico e na Mariña lucense, pero a aparición en escena nos últimos anos do eucalipto nitens, apto para cultivar por enriba dos 300 metros, abriu a porta á expansión da especie no interior de Galicia. Hai que poñerlle freo a ese crecemento?

O Consello Forestal de Galicia, un órgano consultivo da Administración no que participan organizacións de propietarios forestais, industria da madeira e técnicos, vai abordar este venres unha proposta de decreto da Xunta para regular a especie. A intención inicial de Medio Rural é prohibir a plantación do eucalipto en 29 concellos do interior de Lugo, así como na provincia de Ourense.

Resumimos a continuación os pros, contras e alternativas que se lle ven á medida desde o sector. O problema pódese analizar a partir de 4 preguntas concretas:

1) Vai haber demanda para máis eucalipto nitens?

O eucalipto nitens ten dúas vantaxes. Presenta maior resistencia á praga do gurgullo que o eucalipto globulus, o tradicional en Galicia, e pode cultivarse en altitudes superiores a 300 metros. Eses factores fixeron que estea en expansión, tanto en zonas costeiras, en sustitución do globulus, como no interior, en sustitución de piñeirais ou en terras a ermo. A cuestión, desde un punto de vista forestal, é se toda esa madeira vai ter comprador no futuro.

As características técnicas e de rendemento do nitens son inferiores ás do globulus para a produción de pasta de papel. Ence, que vén consumindo un 90% de globulus, advertiu hai un par de anos de que para manter a súa competitividade internacional, debía limitar as compras de nitens. Desde o sector do taboleiro, gran consumidor de piñeiro, tamén houbera un pronunciamento claro de Finsa contra a expansión do nitens.

A industria da madeira e da pasta de papel semella resignada a ter que aumentar o seu consumo de nitens

Cambio de postura
A industria da pasta de papel e da madeira, sen embargo, semella agora resignada ó novo escenario que se lle presenta. Ence planificou aumentar un 20% a capacidade instalada nas súas factorías de Navia e Pontevedra ata o 2020, o que lle permitiría un maior consumo de nitens mantendo os niveis de produción de pasta de papel actuais.

Os produtores de taboleiro, segundo fontes do sector, tamén están a tomar conciencia de que terán que introducir maior cantidade de nitens nos seus procesos produtivos. A baixada no prezo do nitens nos últimos dous anos, por outra banda, está a facer máis accesible a compra desta madeira para a industria do taboleiro.

As organizacións ecoloxistas vaticinan que o nitens acabará queimándose en plantas de biomasa para producir enerxía eléctrica

Futuro
Así as cousas, todo o eucalipto nitens que entrará en turno de corta a partir do 2025 vai ter saída? E a que prezos? Son as dúas cuestións para as que ninguén ten resposta clara.

O peor escenario pronostícano as organizacións ecoloxistas, como Adega, que vaticinan que a madeira de nitens acabará mercándose a baixos prezos para queimarse en plantas de biomasa, como a prevista en Curtis, para a produción de enerxía eléctrica.

2) Debe a Administración limitar a superficie que se planta de eucalipto?

A) Si

– A Administración autonómica entende que sería unha irresponsabilidade non limitar a superficie de eucalipto nitens se non aparecen no horizonte compradores que garantan a demanda da súa madeira.

– A Xunta tamén valora o impacto que ten a expansión do eucalipto na redución da superficie de piñeiro, para a que hai unha industria do aserrado e do taboleiro consolidada en Galicia.

A Xunta considera que sería irresponsable non limitar a superficie de eucalipto se non aparecen compradores no horizonte

– Desde as organizacións de propietarios forestais, hai voces partidarias dunha limitación, con distintos matices. A Organización Galega de Comunidades de Montes entende que o eucalipto debe ter sitio no monte, pero de xeito ordenado, sen que se convirta nun monocultivo, e é partidaria de restrinxir a expansión do nitens. A Asociación Forestal de Galicia, pola súa banda, comparte o temor de parte do sector a que nun futuro non haxa mercado para todo o eucalipto nitens que se está a plantar en Galicia.

B) Non

– A rendibilidade económica actual que ofrece o eucalipto nitens, tanto polo seu crecemento anual como polos prezos que mantén a súa madeira, non ten equivalente noutras especies. Esta circunstancia fai que haxa colectivos de propietarios forestais reticentes á limitación do seu cultivo. No interior de Lugo xurdiron dúas asociacións locais en Castroverde e Baralla que reivindican o seu dereito a plantar eucalipto nos terreos forestais.

Asefoga cuestiona que se queira limitar o eucalipto no monte cando pouco se fixo para erradicalo de terras agrarias, nas que está prohibido

– Desde a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), entidade ligada a Unións Agrarias, cuestiónase que se queira limitar o eucalipto en terreo forestal, en tanto pouco se fixo para facer cumprir as prohibicións actuais que pesan sobre o seu cultivo en terras agrarias e en masas de frondosas, onde non se pode plantar, e en zonas de Rede Natura, onde non pode ampliar superficie. O primeiro que cren que hai que facer, antes de impoñer novas restriccións, é facer cumprir as vixentes e retirar os eucaliptos da superficie agraria.

– Os colectivos de propietarios forestais e as industrias son, na súa maioría, reticentes ó establecemento de novas prohibicións sobre o monte. Se o que se quere, din, é incentivar o mantemento da superficie de piñeiro ou aumentar as frondosas, haberá que buscar vías para promover o seu cultivo, pero sen limitar o eucalipto.

– Por último, non falta quen reivindica libertade e responsabilidade para os propietarios. ‘Que acertan plantando máis nitens?, ben. Que se equivocan? Alá cada un’ é a idea de fondo.

3) En caso de que se limite a superficie de eucalipto, debe facerse prohibíndoo no interior de Lugo e en Ourense?

– A Administración defende ese mapa de restriccións en base á distribución tradicional da especie. Búscase así preservar a superficie de piñeiros do interior de Lugo e evitar o eucalipto nunha provincia como Ourense, cun clima máis mediterráneo pouco propicio para a especie.

– As asociacións de propietarios forestais de Castroverde e de Baralla consideran que se trata dunha prohibición arbitraria. Avogan por buscar outras vías para regular o eucalipto, como a posta en marcha de Plans de Ordenación de Recursos Forestais a nivel de cada Distrito Forestal, de xeito que haxa unha regulación por comarcas que evite o monocultivo do eucalipto e que permita unha maior biodiversidade, tanto desde un punto de vista forestal como medioambiental.

4) O propietario debe seguir apostando polo cultivo do eucalipto nitens?

– As directrices consensuadas polo sector para o Plan Forestal de Galicia, agora en revisión, avogan por manter a actual superficie de eucalipto, sen aumentala. Proponse incrementar a superficie de piñeiro e de frondosas, pero unha cousa é o papel e outra son as decisións que ten que tomar o propietario nas súas fincas.

Os propietarios forestais botan en falta orientacións claras e consensuadas

– O sector bota en falta unha autorregulación que defina que é de interese plantar no monte e que mercado vai ter esa madeira no futuro, con garantías de rendibilidade e de demanda para os propietarios. Aclarar ese escenario é o reto que teñen por diante tanto a Xunta como as industrias e as propias organizacións de propietarios forestais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información