
Baixo o título “Menos animais por corral… máis quilos e mellor benestar?” Maria Roda Tena e Lorena Castillejos Velázquez, do Servizo de Nutrición e Benestar Animal da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), presentaron conclusións provisionais sobre o impacto do tamaño de cortes e cubículos e outros espazos no cebo de xatos carniceiros.
O relatorio tivo lugar no congreso anual da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (ANEMBE) que tivo lugar en Valladolid. María Roda, a encargada de expoñer o traballo, insistiu en que é preciso seguir investigando este aspecto do manexo para redundar nun maior benestar animal e unha mellor rendibilidade.
Mentres rematan de desenvolver os seus estudos, as investigadoras fixeron un repaso polos traballos que se levan realizado ata día de hoxe, que son escasos e excesivamente cinguidos a un só modelo, pero que serven como punto de partida a novas investigacións. E tamén citaron algúns dos aspectos que xa puideron constatar mediante as súas análises.
Contexto de investigacións realizadas
Segundo explicou Roda, en Europa temos tres sistemas principais de engorde de bovinos: os intensivos con animais estabulados en todo o ciclo productivo; os de acceso a pasto ou extensivos; e os que combinan fases de pastoreo e de estabulación.
No caso de España, prima o cebo intensivo con entrada nas instalacións de engorde dende que os xatos teñen 2-3 meses nos leiteiros e 6-9 meses nos pasteiros. E cébanse con concentrado complementado con forraxe nunha proporción 90:10. A saída a matadoiro prodúcese entre os 12 e os 15 meses de idade.
A densidade, o número de animais por m², é o parámetro máis importante para medir a produtividade e o benestar (María Roda, Universidade Autónoma de Barcelona)
O que defenden Roda e Castillejos é que o espazo do que dispoñan os xatos influirá decisivamente na produtividade do engorde e no benestar animal. Ese parámetro, coñecido como densidade, fai referencia ao número de animais ou os quilos de peso vivo por m² .
A normativa europea vixente presenta importantes limitacións porque non fixa requisitos mínimos específicos para a fase de crecemento e cebo. A Directiva 2008/119/CE só establece normas básicas de protección para becerros menores de seis meses en explotacións gandeiras.

Roda explicou que os estudos sobre densidade existentes se circunscriben a modelos altamente intensivos
A normativa fixa un espazo mínimo de 1,8 m² por animal para xatos cun peso vivo igual ou superior a 220 kg. Para animais de máis idade, a maioría de países da UE só inclúen recomendacións xerais sobre espazo dispoñible. Unicamente Austria conta con normativa específica. A Autoridade Europea de Seguridade dos Alimentos (EFSA) suxire un espazo de arredor de 13 m²/animal como adecuado para favorecer o descanso, reducir a competencia social e minimizar o estrés grupal.
A EFSA sinala a necesidade de máis investigación para determinar con precisión as consecuencias reais de proporcionar un maior espazo aos bovinos de engorde. Porque os estudos específicos existentes son escasos e limitados.
Un estudo dirixido pola investigadora R. M. Park sobre impacto dos sistemas de aloxamento e características ambientais no gando bovino de carne reflicte que só atoparon sete traballos que avaliaran a asignación de espazo. E todos eles centrados nun só sistema de engorde, o que impide extrapolar resultados a outros modelos produtivos.
É necesaria máis investigación sobre o espazo dispoñible para xatos de engorde e que se realice en sistemas diferentes
Nese contexto de escaseza de investigación académica naceu o estudo de Roda e Castillejos. As limitacións de datos dificultan a comparación entre estudos. Por exemplo, a variabilidade en aloxamentos avaliados, a restrición de estudos á fase de finalización ou as diferencias nos sistemas de medida utilizados.
Estudos previos sobre densidade nos aloxamentos
Os parámetros produtivos foron o primeiro obxecto de estudo das investigadoras da UAB. Detectaron que o aumento de espazo dispoñible por animal mellora os parámetros produtivos ata un determinado umbral. A partir deses niveis, non se observan beneficios adicionais.
Roda citou un estudo de Hickey et al. (2003) que avaliaba catro densidades (1,5; 2,0; 3,0 e 4,0 m²/animal) e constataba incrementos significativos na ganancia media diaria (GMD) e no peso de canal ao comparar os extremos de espazo (1,5 vs. 4,0 m²).
A GMD aumentou ata 0,61 kg/día e o peso de canal en 32 kg (p < 0,05). Pero non se detectaron diferencias significativas ao comparar espazos máis próximos entre si (3,0 vs. 4,0 m²). O máis curioso é que o rendemento de canal foi maior nos xatos aloxados en 1,5 m², cun 1,9 % máis de peso respecto dos aloxados a 3,0 m².

Austria é o único país da UE que conta cunha normativa detallada sobre espazo en cebadoiro. Na imaxe, xatos fleckvieh en cama inclinada en Bergland
Noutro dos estudos analizados, o de Keane et al. (2018), os xatos a 3,0 m²/animal presentaron mellores resultados de produción que os aloxados a 2,0 m²/animal. Deron máis peso ao sacrificio (705 vs. 665 kg), maior GMD (1,05 vs. 0,76 kg/d), mellor índice de conversión (IC) (10,3 vs. 13,7), maior peso de canal (409 vs. 389 kg) e maior puntuación de engraxamento (8,9 vs. 7,9) (p < 0,05).
Hai que equilibrar o que se gaña en benestar e quilos por animal aumentando espazo co que se perde de carga gandeira
En 2017 analizaron densidades máis representativas dos sistemas actuais, de 3,0; 4,5 e 6,0 m². Os xatos a 4,5 m² melloraron en 0,10 kg/día en GMD e cunha redución do IC de 0,70 kg/kg en comparación cos animais aloxados a 3,0 m² ou 6,0 m² (GMD: 1,28 kg/d vs 1,18 e 1,19 kg/d; IC: 8,74 kg/kg vs 9,43 e 9,45 kg/kg) (p < 0,05). Eso si, non se atoparon diferencias significativas no resto de parámetros produtivos.
Roda e Castillejos conclúen que estes resultados indican que superar os 3 m² /animal mellora os índices produtivos -peso vivo, GMD, peso de canal e IC- pero incrementar o espazo ata 6 m² non aporta beneficios adicionais.
O traballo das investigadoras
Para avaliar o efecto da densidade no sistema de cebo de vacún xoven máis representativo de España, Roda e Castillejos realizaron un estudo con xatos de Black Angus e de frisón aloxados nunha granxa comercial de Lleida.
Todos os animais recibiron a mesma alimentación e manexo e distribuíronse en dous tratamentos: baixa densidade (15 bovinos/corral) e alta densidade (19 bovinos/corral) durante 8 meses de engorde. Os de alta densidade dispuxeron, pois, de 3,8 m²/animal e os de baixa con 4,8 m²/animal.
Roda explicou que a elección destes valores se baseou na revisión realizada por Ingvartsen & Andersen (1993), quenes indicaron que “un espazo inferior a 4,7 m²/animal en xatos de 240-500 kg pode reducir a GMD ata en 300 g/día, debido a unha menor inxesta. E un espazo maior non garante melloras engadidas”.

A investigadora da UAB presentou as primeiras conclusións do seu traballo no congreso de ANEMBE
En calquera estudo deste tipo é esencial medir o tempo que o animal adica a rumia, descanso, interacción e movemento
En canto a produción, observáronse diferencias en peso de canal e en rendemento de canal. Ambos parámetros foron maiores en animais aloxados en baixa densidade. Tamén se constatou que o peso vivo e o consumo de concentrados interactuaban coa fase de crecemento, indicando que as diferencias significativas aparecen ao final do período de cebo. No resto de parámetros produtivos no se deron diferencias notables.
Densidade e benestar animal
A limitación de espazo ten implicacións directas sobre o benestar animal. A EFSA identifica o tamaño do aloxamento como un factor de maior impacto, asociado a problemas como dificultades para descansar, restrición do movemento, incremento do estrés grupal, lesións, trastornos locomotores e incapacidade para busca de alimentos ou de xogo.
Eses aspectos calíbranse por indicadores de benestar baseados en comportamento (tempo de rumia, descanso, interacción social, actividade), en saúde e dor (coxeiras, lesións, inflamación) ou estrés social ou ambiental (competencia, desprazamentos).
O descanso é un dos indicadores máis estudados en bovino de carne. Roda sinalou que Hickey et al. (2003) observaron que os animais en 4 m²/animal pasaban 3,6 h/día máis tumbados que os aloxados en 1,5 m² (p < 0,05). Keane et al. (2018) encontraron un incremento de aproximadamente 1,1 h/día comparando 3 m² con 2 m² (p < 0,05).
O estudo de Gygax et al. (2007) non detectou diferencias en tempo total tumbado cando se compararon densidades de 2,0; 2,5; 3,0; 3,5 e 4,0 m². Sí viron cambios en parámetros de descanso como o tipo de postura ao estar tumbados, distancia entre animais e probabilidade de que os xatos se pisen entre si. Os resultados amosan que máis espazo non sempre aumenta o tempo total de descanso, pero si que mellora a calidade dese descanso e reduce riscos asociados á densidade.

A competencia polo espazo e as lesións derivadas da mesma son un parámetro fundamental
O espazo tamén influíu nas conductas sociais. Hickey observou máis interaccións sociais en animais aloxados a 4,0 m² que a 1,5 m² (17,8 fronte a 7,5 eventos por corral cada 4 h; p < 0,05). Keane tamén constatou máis selfgrooming (tendencia dos bovinos a rascarse e limpar a pel) en animais aloxados a 3,0 m² que a 2,0 m² (0,94 h/día vs. 0,41 h/día; p < 0,05). Aínda que tamén detectaron que por riba de certo umbral o efecto do espazo se atenúa.
O tempo que os animais adican a limpar a súa pel, a competir polo espazo e mesmo a xogar son parámetros que hai que valorar seriamente
Por canto á rumia o estudo de Cortese et al. (2020) detecta diferencias significativas no tempo de rumia durante as sesións de observación directa de 8 h. Os animais aloxados a 4,37 m² foron os que pasaron máis tempo rumiando (16,5 % da sesión) en comparación cos aloxados a 3,5 m²/animal (11,3 % da sesión). Este foi o único estudo que atopou diferencias notables no tempo dedicado a rumiar, malia ser un comportamento dos máis asociados a niveis de benestar superior.
No sistema analizado por Roda e Castillejos, avaliouse o benestar animal mediante dous enfoques complementarios: rexistrando o comportamento a partir da observación directa mediante un etograma e a través dun acelerómetro colocado nun colar (CowScout Neck, GEA Farm Technologies, Bönen, Germany) previamente validado.
Os resultados do etograma indicaron que os animais en cortes de baixa densidade pasaban máis tempo rumiando e menos de pé. Tamén presentaban máis comportamentos positivos, como interaccións sociais, e menos conductas antagonistas, como os desprazamentos.
A análise no período de engorde non arroxou diferencias significativas entre tratamentos. Mais, ao analizar as fases de engorde por separado, identificáronse interaccións significativas no tempo de rumia cos meses de maior temperatura e na fase final do cebo.
No estudo de Magrin et al. (2019) observaron que aumentar o espazo de 3,5 a 4,0 m²/animal reducíronse as coxeiras leves (de 4,45 % a 1,43 %) e severas (de 2,24 % a 1,54 %) en animais aloxados sobre emparrillado. Pero non se observaron diferencias significativas ao incrementar o espazo de 5,0 a 5,5 m²/animal en xatos sobre cama de palla.
Unha maior dispoñibilidade de espazo non fai aumentar o tempo de descanso, pero si que mellora a calidade dese descanso
Na investigación de Cortese tampouco se atoparon diferencias en coxeiras ou enfermidades entre 3,5 e 4,37 m²/animal. Aínda que si detectaron unha maior porcentaxe de xatos tratados repetidamente por recaída no grupo de alta densidade (p < 0,05). Roda e Castillejo non observaron diferencias entre tratamentos en animais enfermos ou tratados, probablemente -indican- debido ao baixo número de casos rexistrados en alta e baixa densidade.

As investigadoras da UAB sinalan que os consumidores están dispostos a pagar máis por xatos cebados co maior benestar
Balance económico e conclusións
Visto que o espazo dispoñible por animal inflúe no rendemento produtivo e no benestar animal, había que comprobar as súas implicacións económicas directas. Roda e Castillejo sinalan que reducir a densidade soe implicar diminuír a produción total de carne por unidade de superficie.
E incrementar o espazo dispoñible pode xerar beneficios económicos indirectos, derivados de melloras na saúde dos animais, a eficiencia produtiva e o benestar animal. E tamén aportar unha maior disposición dos consumidores a pagar por produtos con estándares de benestar superiores. Por tanto, calquera axuste na densidade debe equilibrar produtividade, benestar e viabilidade económica.
As autoras citan un estudo de Ahmed et al. (2020) consistente nunha simulación para avaliar o impacto económico de aumentar 1 m²/animal no espazo dispoñible, reducindo o número de xatos por corte: 50 animais (4 m²/animal) fronte a 40 animais (5 m²/animal).
Asociar máis espazo con máis benestar leva a que os consumidores teñan mellor disposición a pagar por xatos criados neses sistemas
Esta análise considerou unicamente os ingresos derivados do aumento de peso individual nas cortes de menor densidade e a perda de ingresos por aloxar menos individuos e polo incremento de consumo por animal. O resultado arroxaba unha redución das ganancias netas a curto prazo do 18,9 % por animal en razas de aptitude cárnica e do 10,8 % por animal en razas de aptitude leiteira.
Sen embargo, indicou Roda, ese enfoque presenta limitacións importantes. E é que o modelo non considerou outros factores relevantes -como os posibles efectos positivos do maior espazo sobre a saúde e o benestar- que poderían traducirse nunha menor incidencia de enfermidades, redución de animais tratados ou subclínicos, e cambios no comportamento (máis tempo de rumia e de descanso e menos conflitos).

Os estudos dispoñibles ata o de agora non tiveron demasiado en conta se os xatos están en emparrillados ou en camas de palla
E, aínda que se contempla como custe adicional o aumento do consumo por animal, non se desconta o aforro en alimentación derivado de aloxar menos xatos, nin a posible redución de man de obra. Ao non considerar estes factores, o modelo tendeu a sobreestimar as perdas económicas e a subestimar os beneficios indirectos asociados a maior espazo dispoñible.
Roda e Castillejos ven necesario realizar estudos de balance económico en condicións reais que integren tanto os custes directos (alimentación e mantemento) como os efectos indirectos sobre a saúde, o comportamento e a produtividade.
Son necesarios estudos que teñan en conta os custos de alimentación e mantemento pero tamén os de saúde e comportamento
E consideran importante contemplar mecanismos de compensación para os produtores -como primas por benestar animal, certificacións diferenciadas ou melloras na eficiencia global do sistema- que permitan compatibilizar os beneficios dun maior espazo coa viabilidade económica da explotación.
As investigadoras da UAB aseguran que ese enfoque integral permitiría xerar recomendacións máis precisas e aplicables na práctica diaria dos cebadeiros, facilitando decisións que promovan tanto a rendibilidade como o benestar dos animais.
María Roda rematou a súa intervención no congreso de ANEMBE sinalando que o espazo dispoñible para os xatos de engorde inflúe tanto na productividade como no benestar animal. Se ben existe un límite a partir do cal non se observan melloras adicionais. Así, calquera cambio na densidade debe considerar ao mesmo tempo a eficiencia produtiva, a saúde e o comportamento dos animais e a viabilidade económica do sistema.
“A evidencia que se xerou indica que o espazo afecta ao descanso, a rumia, as interaccións sociais, a locomoción e a incidencia de enfermidades. Pero estes efectos no son lineais e poden depender de factores como a fase do cebo ou as condicións ambientais.”, dixo.
Nese contexto -asegurou Roda- os estudos de campo son esenciais para cuantificar eses efectos en condicións reais e para desenvolver estratexias que permitan aproveitar os beneficios do maior espazo sen comprometer a sustentabilidade económica da explotación.
Galego









Control OJD